Páxinas

16 de maio de 2011

LOIS PEREIRO NO DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2011

Retrato do poeta realizado por J.V. Vales

Cada 17 de maio Galicia celebra o "Día das Letras Galegas" conmemorando a figura dun autor literario desta terra. Este ano o homenaxeado é Lois Pereiro, un autor de pequena produción, un poeta "de culto" que escribiu para amplas minorías.
Lois Pereiro forma parte dunha xeración "moi importante" que a mediados dos 70 "intentou romper coa monotonía da poesía de carácter realista que dominaba Galicia e España".
Lois Pereiro naceu en Monforte de Lemos no ano 1958. Con dezasete anos marchou a Madrid para continuar os seus estudos e alí fundou, xunto con Antón Patiño, Xosé Manuel Pereiro e Manuel Rivas, a revista Loia, que só coñecería catro números (o último de 1978). Nesta publicación apareceron poemas do escritor monfortino que posteriormente serían recollidos en Poemas para unha loia (1996).
De regreso ao país, Pereiro figurou nas antoloxías colectivas recollidas baixo os títulos De amor e desamor (1984) e De amor e desamor II (1985), compilacións en que figuran nomes como Pilar Pallarés, Miguel Anxo Fernán-Vello, Manuel Rivas, Xavier Seoane, Francisco Salinas, Xulio Valcárcel, Lino Braxe e outros poetas de moi diferentes tendencias pero que compartían inquedanzas culturais. Entre as iniciativas conxuntas deste grupo heteroxéneo destaca o sostemento da revista Luzes de Galiza, onde viron a luz os oito primeiros capítulos da súa novela inconclusa Náufragos do paradiso.
En vida Pereiro só publicou dúas obras, Poemas 1981/1991 (1992) e Poesía de amor e enfermidade (1995), duros e espidos poemarios en que se fan patentes as pegadas expresionistas, as referencias á literatura xermánica e certos trazos da contracultura.
Faleceu na cidade da Coruña en 1996.

Ningún comentario:

Publicar un comentario