Onte na Emao tivemos a nosa pequena celebración do Entroido, este ano tocou maioritariamente o tema da sanidade.
O Entroido é unha celebración pública que ten
lugar inmediatamente antes da cuaresma cristiá, con data variable (desde finais
de xaneiro ata principios de marzo segundo o ano), e que combina algúns
elementos como disfraces, desfiles, e festas na rúa. Por extensión chámanse así
algunhas festas similares en calquera época do ano. Malia as grandes diferenzas
que a súa celebración presenta no mundo, a súa característica común é a de ser
un período de permisividade e certo descontrol.
As orixes das palabras que denominan a esta
festa son: o termo "Carne Vale" (é dicir "o adeus á
carne"), do que despois derivou a palabra "Carnaval"; ó termo
"Introitum" (que significa "a entrada á Coresma”) do que vén a
palabra "Entroido" ou "Antroido”.
O entroido fai referencia a unha época de
"carne" , tomando o sentido literal da palabra. O Entroido quere
significar, dende sempre, a volta ó mundo do revés, a subversión, a ruptura das
convencións sociais e o cambio de roles. As características comúns destes días
son o comer, beber e cantar, rirse do máis sagrado, é dicir , as cousas que non
se fan habitualmente.
A celebración do Entroido ten probablemente a súa orixe en festas
paganas, como as que se realizaban en honor a Baco, o Deus do viño, as
saturnais e as lupercales romanas, ou as que se realizaban en honor do boi Apis
en Exipto. Segundo algúns historiadores, as orixes das festas do Entroido remóntanse
ás antigas Sumeria e Exipto, hai máis de 5.000 anos, con celebracións similares
na época do Imperio Romano, desde onde se difundiu o costume por Europa. Tamén
pode ter relación con Carna a deusa Celta das fabas e o touciño. Tamén estaría
conectada con festas indoeuropeas, dedicadas ao deus Karna (que no Mahabhárata
aparece como un ser humano, irmán maior dos Pándavas, fillo do deus do Sol e a
raíña Kuntí). Algunhas persoas creen que a palabra carnaval fai referencia a
unha suposta antiga tradición pagana na que se ofrecía carne ao deus Baal
(carna-baal) nunha festa de onde todo vale.
En Galicia o Entroido celébrase dende sempre. Existen
manifestacións dunha moi fonda tradición e que aínda perduran hoxe,
especialmente na provincia de Ourense, e nalgunhas partes de Lugo, mesturando
esas tradicións ancestrais con outros elementos máis novos.
Entreo os chamados "ritos de grupo"
(a súa orixe e significado é descoñecida) pódense citar: os Cigarróns, as
Pantallas, os distintos Peliqueiros, os Correos, os Xenerais, etc.
Ningún comentario:
Publicar un comentario