Páxinas

16 de abr. de 2013

Exposición na EMAO: Emilio Fernández Rodal (1912-1972). Retrato de Sociedade dun artista vigués

  (Fondo cartel: Autorretrato. Museo Provincial de Pontevedra. Depósito da familia Fernández Zunzunegui)

O vindeiro venres día 19 de decembro, ás 19:00 horas, inauguraremos, no noso Espazo EMAO, a exposición: EMILIO FERNÁNDEZ RODAL (1912-1972). RETRATO DE SOCIEDADE DUN ARTISTA VIGUÉS.


Fernández Rodal naceu en Cangas, e trasládase coa súa familia a Vigo con trece anos por mor do nomeamento do seu pai como director das Escolas Nieto. Na adolescencia, con catorce anos, comeza os seus estudos artísticos na Escola de Artes e Oficios de Vigo baixo a titoría do profesor de debuxo Maximiliano Vidales.

Pronto comezou a desenvolver as súas inquietudes artísticas colaborando co grupo formado ao redor do I Salón de Primavera de Vigo e a concesión da primeira bolsa de estudos outorgada pola Deputación de Pontevedra con 19 anos. Tras unha primeira etapa de formación na Escola de Belas Artes de Madrid, retornou a Vigo e comezou a desenvolver a súa carreira artística coa primeira exposición individual no ano 1932.

O servizo militar en África nos anos 1933-34 e o comezo dos seus estudos de Maxisterio traerían un período de certa inactividade pictórica que se acentuaría co período de preparación da oposición para o corpo de Maxisterio e o estalido da Guerra Civil. Tras o parón da contenda militar consegue a praza de Bibliotecario municipal en Vigo (1946), que co tempo compaxinou coa de Técnico de Cultura e Arte do Concello de Vigo. A partires de mediados dos anos 40 do século pasado desenvolveu con certa regularidade a súa actividade artística na que destacou como retratista.

Tamén cabe subliñar a súa participación activa na dinamización cultural da cidade coa participación nos grupos artísticos da cidade como a Sociedade Amigos del Arte de Vigo, as tertulias artísticas do café Tropical ou o Derby, a recuperación da Batalla das Flores (1961) xunto a Maximino Fernández ou a Exposición de Artistas Noveles (1961) cos seus compañeiros de xeración.

Esta é a primeira exposición retrospectiva que se lle realiza a Fernández Rodal en Vigo desde o seu finamento no ano 1972. A Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo quere homenaxear así a creación artística dun notable retratista que iniciou a súa vocación nas aulas desta Escola e que non dubidou en devolverlle parte da súa inspiración impartindo clases de debuxo e pintura ou recuperando, trinta anos despois, o Certame de artistas noveis neste mesmo centro.

Producción da exposición: Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo
Comisario: José Luis Mateo Álvarez
Textos da Exposición

Datas: do 19 de abril ao 6 de xuño de 2013
Horario de apertura: de luns a venres de 19:00 a 21:00 horas

Ningún comentario:

Publicar un comentario