A exposición de Patricia Esquivias (Caracas, Venezuela, 1979) leva
por título unha frase derivada dun dos máis influentes ensaios do
historiador marxista Eric Hobsbawm, no que describe a orixe recente de
moitas tradicións que permanecen na sociedade e que, non obstante, son
produto da invención. A súa orixe pode ser máis ou menos rastrexable,
pero todas teñen en común a súa relación co pasado e coa Historia, o
elemento lexitimador.
Na súa proposta para o MARCO, Patricia Esquivias presenta unha selección de obras que utilizan a Historia como ferramenta para interpretala,
deslexitimala ou para ficcionala, sen vontade de veracidade. Son pezas
que abordan o tránsito do pasado ao presente, ou articulan narracións a
partir de experiencias persoais e acontecementos históricos ou
culturais, cuestionando os argumentos oficiais e as canles hexemónicas
de transmisión do coñecemento.
Datas: 24 maio 2013 - 1 setembro 2013 Lugar: primeiro andar
Horario: martes a sábados (festivos incluidos) de 11.00 a 21.00, domingos, de 11.00 a 15.00
Ningún comentario:
Publicar un comentario