Páxinas

24 de abr. de 2014

Mesa Aberta con Carlos Taibo e Eliseo Fernández



Hoxe, xoves, 24 de abril ás 18 h, na hemeroteca da nosa Escola, tera lugar unha mesa aberta con Carlos Taibo, profesor de Ciencia Política na Universidade Autónoma de Madrid e autor de Repensar la anarquía. Acción directa, autonomía, autogestión, e, Eliseo Fernández, historiador e escritor ferrolán diplomado en biblioteconomía e documentación e especializado en anarquismo e movemento obreiro na Galiza. Este acto está organizado por a CNT-AIT Vigo e A Ría Non Se Vende, rede de colectivos de acción social e defensa do patrimonio ambiental, cultural e social da Ría de Vigo.

Esta mesa aberta é un convite para realizarmos un paseo a través das ideas libertarias, retrotraernos no tempo e explorar a historia ácrata e obreira de Vigo: dende a fundación da propia Escola de Artes e Oficios, pasando por revistas e xornais como "La Propaganda" (1881) ou "Despertad!" (1928) até chegar a activistas incansables como o topógrafo Ricardo Mella, os carpinteiros José Villaverde e Eduardo Collado, o barbeiro Federico Sánchez ou o poeta Manoel Antonio
Mais, se ben cómpre coñecermos a historia, tamén é necesario enfrontarse ao presente e abordar as problemáticas actuais. De aí que, neste noso presente, optemos por defender o Ideario Libertario e o Decrecemento como única solución para lograr establecer unha relación de equilibrio entre as propias persoas e entre o ser humano e a natureza. Porque, en realidade, iso é o que busca o movemento libertario: a harmonía, liberdade e coherencia individual que leve ás persoas cara ao apoio mutuo, a tolerancia, a solidariedade, a xustiza social e a preservación e uso racional dos recursos naturais.

   "Porque se non hai dogmas nin bandeiras que nos guíen estamos obrigados a escoller as cousas e as ideas máis dignas do noso nivel de ética e de xenerosidade, sen o inxenuo optimismo escarmentado, e sen un pesimismo opaco ben alimentado que nos deteña e nos permita unha indiferente neutralidade falsa. Xa non imos ser cómplices do que nos indigne ou nos avergoñe. Nada é inmutable. Todo se transforma. Quen teña tempo, enerxía, e desexe facer algo, que vaia propoñendo algo..." 
Modesta Proposición, Lois Pereiro

Ningún comentario:

Publicar un comentario