Páxinas

17 de xuño de 2014

Exposición: Novos produtos - EMAO 2014

Deseño cartel: Marián Núñez
Inauguración: 20 de xuño ás 19:00 horas
Datas: 20 de xuño a 8 de outubro de 2014 (agosto pechada)
Horario: laborables de 19:00 a 21:00 horas
Lugar: Espazo EMAO (entradas rúas Pontevedra e Rosalía de Castro)
Idea, produción e montaxe: Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo
Comisariado: Marián Núñez e Alba Pardo (mestras de Encaixe de Palillos e Serigrafía artística na EMAO)


Tras a apertura, no ano 2011, da nova Sala de exposición da Escola de Artes e Oficios, o Espazo EMAO, quixemos que este servise de lugar para a expresión, tanto da historia da nosa centenaria Escola como da capacidade e iniciativa artesá e creativa do seu profesorado e alumnado. Desde aquela data, son, con esta, 12 exposicións que demostran a consolidación deste espazo que o Concello de Vigo, a través da EMAO, ofrece á cidade.

Da reflexión sobre o uso e ocupación deste singular espazo, xurdiu, en 2013, a iniciativa de mostrar, ao remate de cada curso académico, os resultados materiais e simbólicos dun proxecto que, proposto anualmente no claustro do profesorado, partise  dunha idea xeradora única para que, interpretada libremente, dese lugar ao despregue do traballo, imaxinación e saber facer dos distintos talleres.
Esta idea xeratriz, foi, en 2013, Branco e negro: primeira das exposicións dunha serie con vocación de periodicidade e permanencia.
A principios do curso 2013-2014, seleccionouse unha nova idea, xerouse unha frase da que agromasen pequenos proxectos creativos, desenvolvidos coa participación do alumnado dos talleres, a partir dunha iniciativa individual ou colectiva, pero, en todo caso, asumida por toda a clase.
Con Novos produtos establecíase o reto de xogar co equívoco, coa sorpresa, co non-obvio, coa ironía, o absurdo ou, sobre todo, coa experimentación co que, non por ser inhabitual, deixa de ser posible... mesmo útil, pero, en todo caso, suscitante do interese dos seus artífices e do espectador.
Xogar con materiais distintos, extremar a lectura dos obxectos, fuxir do meramente denotativo para establecer diverxencias, connotacións, terceiras vías, pasos cambiados, ese era o reto.
A idea inicial transfórmase así, a través da visión e vivencia particular de cada taller e de cada individualidade, nunha explosión controlada de obxectos, irónicos uns, radicais ou reivindicativos do efémero, demostrativos do poliédrico do cotián, outros; coa procura da excelencia artesá e creativa, todos.
Obxectos e instalacións que poñen de manifesto, nesta mostra, a riqueza do proceso de aprendizaxe na EMAO, máis alá das técnicas curriculares ou de modelos preconcibidos.
Novos produtos sitúase así, na contemporaneidade que corresponde a unha Escola que vive e se alimenta do seu tempo, que non esquece o seu pasado centenario, pero que é reflexo, e quere reflectir, a realidade complexa que a circunda e na que está, cremos e queremos, definitivamente inserida.

Novos produtos sitúa o espectador non só na pregunta e goce do que ten agora diante, senón tamén, iso pretendemos, na curiosidade e expectativa: que nos amosará a Escola de Artes e Oficios viguesa en 2015?. Estean atentos.

Rafael Ojea, director en funcións da EMAO

Ningún comentario:

Publicar un comentario