Páxinas

20 de abr. de 2015

Exposición no Espazo EMAO: Da Xeometría á desorde, da desorde á xeometría

Exposición no Espazo EMAO. 
Inaugúrase o día 24 de abril ás 19 horas 
Da xeometría á desorde, da desorde á xeometría 
Obras do alumnado da especialidade de Pintura da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo 
24 de abril - 22 de maio de 2015

Da xeometría á desorde, da desorde á xeometría

A mostra participa de dous estilos pictóricos que foron dominantes a principios do século XX: a abstracción xeométrica e a abstracción expresiva, que parecen ser opostas e complementarias, mais na actualidade, estas dúas tendencias que no século XX, eran case antagonistas, confúndense, mestúranse, dilúense.

Na abstracción xeométrica, orientada segundo o cálculo, o rigor e a norma, priman o obxectivo e os valores universais, cunha planificación da obra sobre principios racionais, previos á creación, mentres que os elementos visuais carecen de expresividade debido ao emprego de elementos neutrais, xeralmente xométricos, de factura un tanto impersoal, onde impera a claridade, a precisión e a obxectividade, en composicóns sistemáticas e moi estruturadas.

Na abstracción expresiva, que fai a súa andaina polo camiño da expresión inmediata, espontánea e directa, as obras están abocadas a un certo “desorde”, mais esta desorde non é real, pois prima a composición, sempre necesaria, aínda que a obra sexa subxectiva e expontánea, a partir de métodos de creación impulsivos e improvisados. Por este motivo estas obras revelan unha grande expresividade, e a capacidade expansiva e expresiva dos materiais é fundamental. Estas composicións asistemáticas e aparentemente faltas de estrutura, que apuntan á ambigüidade e á suxestividade, levan unha racionalide que se basea na pulsión controlada, no imperio dos sentimentos que na arte contemporánea está moi presente.

Así, algunhas das pezas presentes nesta mostra fan que exista un entendemento común, pois parten dunha base xeométrica e racional, para abrirse, fuxindo dun sistema pechado e impositivo, ao pulo momentáneo e impensado de quen fai arte nun momento dado. De aí a singularidade desta mostra que amosa o traballo do alumnado que presenta tanto obras xeométricas e abstractas, como pezas que pendulan tamén nesa oscilación entre esa mirada ecléctica e o xogo que se realiza ante quen mira estas pezas que tras a dilución dos xéneros a finais do século XX, encaran este novo século con liberdade e paixón, fóra de todas as normas.

De feito, a peza de maior tamaño da mostra, parte dun xogo: a pintura automática, que desenvolve as formas e cores desde a expresión en pezas pequenas e bocetos, para rematar nunha obra de carácter marcadamente xeométrico, pero que contén na súa execución o paradigma da expresividade e dunha cor, liberada en certo modo da forma.

Algunhas das pezas desta mostra, realizadas en acrílico, óleo e pastel, xogan tamén co concepto de orixinalidade e autoría, pois as pezas libres de toda atadura funcionan como elemento lexitimador do obxecto en tanto que artístico e non como creación dun obxecto relacionado co manual, e racha co concepto e o presuposto de intervención física do suxeito na produción como base da constitución da noción de autoría, exercendo así un rol de autoridade intelectual e subordinando o procesual ao proceso mental que se afasta de modas e abrangue a liberdade total.

Lugar: Espazo EMAO. Edificio Anexo da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo (entrada polas rúas Rosalía de Castro e Pontevedra).
Datas: do 24 de abril ao 22 de maio de 2015 Horario: de 19:00 a 21:00 horas, dias laborables
Comisaria: Paula Mariño, mestra da especialidade de Pintura da EMAO
Produción e montaxe: Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo/ Alumnado da especialidade de Pintura.

Ningún comentario:

Publicar un comentario