Páxinas

10 de nov. de 2015

Exposición no Espazo EMAO: Proxectos 2015

Dentro das medidas implementadas no Plan de Estudos da Escola(1), deseñouse, para o alumnado que remataba os seus estudos nas distintas especialidades, a opción Aula Aberta-Proxectos. Nela ofrecíaselle a posibilidade de desenvolver, durante un ano, un proxecto de carácter persoal no que plasmar as aprendizaxes e inquedanzas do seu paso pola especialidade cursada na Escola.

Este proxecto individual --seleccionado previamente polo seu mestre/a, e supervisado por el/ela durante o seu desenvolvemento posterior en réxime de titoría-- pode ter un carácter investigador, creador, de afondamento nunha técnica ou nunha idea, de experimentación con novos materiais...

Na presente exposición, producida integramente pola EMAO, presentamos algúns dos proxectos dos/as alumnos/as que remataron os seus estudos no curso 2013-2014 e que, ao longo do curso seguinte, materializaron a súa proposta inicial, man a man co seu titor/a. Do proceso proxectual, recóllense aquí os resultados, os produtos creativos ou artesanais, que representan o froito parcial, unha mostra especial, da experiencia e o coñecemento vivido nas aulas e obradoiros ao longo dos seus estudos. En todos eles plásmanse materialmente os obxectivos de excelencia técnica e creatividade que figuran como base do proxecto formativo da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo.  

Lugar: Espazo EMAO, edificio da Escola, entradas polas rúas Pontevedra e Rosalía de Castro  
Datas: do 13 de novembro ao 31 de decembro de 201
Inauguración: 13 de novembro ás 19:00 horas  
Horario de apertura: de luns a venres de 19:00 a 21:00 horas


PRESENTACIÓN DE PROXECTOS 2015

No obradoiro de Artesanía en Coiro, a técnica do puído por capas ou laminado en coiro, é unha técnica que nos últimos tempos está a adquirir un pulo artístico moi importante, aínda que tradicionalmente se empregaba para facer os tacóns dos zapatos. Na actualidade dedícase á chamada xoiería en coiro, á escultura, ou como recheo para outras técnicas. As dúas alumnas amósannos dous puntos de vista diferentes do seu emprego: a talla, como se de madeira se tratase, e a xoiería, cuns resultados espectaculares. O corsé é unha peza de vestir cun carácter especial.
Nunha das pezas contamos coa colaboración da especialidade de Moda e Confección da nosa Escola, fundindo a tradición do repuxado na EMAO coa temática do estilo Sheridan do carving americano.

A aula de Cerámica presenta tres propostas: unha de carácter conceptual en torno ás doenzas mentais a partir dunha instalación; a segunda emprega un bodegón para amosarnos a cerámica tradicional con pezas empregadas en toda Galicia, sobre todo nos lugares chamados aldeas dos oleiros; a terceira proposta recrea en pezas de porcelana a vida de tres mulleres buzo do Xapón, tres irmás que se mergullaban nas augas e atopaban tesouros que gardaban para transformar.

A aula de Debuxo presenta catro proxectos moi diversos, en diferentes técnicas e estilos cunha vinculación con outros obradoiros, neste caso cos de Serigrafía e Cerámica, para o desenvolvemento final dos proxectos.

En Deseño e encaixe de palillos, sentir, converxer ou soñar, son palabras que describen os proxectos desta especialidade, xa que neles se entrelazan ideas e procesos nos que o tecido latexa de forma coherente, desde a orixinalidade que desenvolve o deseño ata a técnica empregada.

En Talla e escultura en madeira os traballos dos dous alumnos son dispares: por unha banda, presentase “O buffet”, formado por unha serie de esculturas que representan un menú gastronómico: dende os deliciosos aperitivos, os primeiros, uns suculentos segundos pratos e, rematando o conxunto, a tan saboreada sobremesa; na segunda peza, a madeira é a protagonista absoluta nun traballo clásico pero cunha acertada execución.

A aula de Moda e confección presenta varios vestidos da subcultura xaponesa chamada Lolita. Este tipo de vestidos entraría dentro da categoría Hime Lolita, estilo inspirado no Rococó, con perlas, voantes e puntillas, confeccionados con teas de algodón, piqué, crep, puntillas de algodón e guipur. A enagua que leva debaixo denomínase, dentro deste estilo, petticoat, e está confeccionada con forro e tul grosos para que lle dean pomposidade ao vestido. Ao mesmo tempo as pezas levan popelín e baleas para que teña rixidez.

Na aula de Pintura a experimentación é a nota predominante en todos os proxectos. Como curiosidade, salientar que boa parte do alumnado se apoia para a súa proposta na estética do collage en diversos materiais e soportes, técnica ensinada na aula no terceiro ano, que cada vez ten máis adeptos no mundo da arte. Outra parte do alumnado apostou polas técnicas tradicionais, en pezas realizadas en espátula e pinceis, algunhas de raigame romántica, exentas de figuración, e outras de grande expresividade, onde a figura humana é parte esencial, mentres a abstracción e o ready made, con materiais extrapictóricos como punto de partida, aparecen nunha soa peza presentada como unha sorte de instalación.

A aula de Serigrafía presenta unha serie de 10 serigrafías únicas e independentes sobre taboleiros de madeira de okume, no que o degradado de cores é o contrapunto estético de figuras xeométricas e zonas de cores planas, así como o nexo común do proceso de realización do proxecto. Cada unha das estampas contempla algunha técnica complementaria coma o estarcido, a máscara ou o borrado a presión, para afondar na experimentación co degradado das cores, luz e/ou intensidade.

Finalmente, a aula de Ourivaría presenta dúas propostas: na primeira, a xoia está construída artesanalmente con prata de lei e pedras mariñas recollidas na praia. O obxecto encontrado que xera un diálogo co espectador é un dos intereses desta peza, así como tamén a capacidade técnica para a montura e o engarzado destes elementos. No segundo proxecto, a xoia está elaborada a partir de lámina de prata de lei, cun deseño xeométrico e tratamento de calado e conformado, primando a funcionalidade, a técnica e o acabado.

(1) O Plan de Estudos ao que pertencen os proxectos que se mostran nesta exposición, foi substituído en 2015, por un novo Plan (PEMAO2015). A actividade Aula Aberta-proxectos, pasa, a partir do curso 2015-2016 a conformarse como un novo curso da especialidade (nivel Avanzado)

Ningún comentario:

Publicar un comentario