Curtidas
Especialidade de Artesanía en Coiro da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo
Inauguración o 25 de xaneiro de 2019 ás 19.00h
A Escola Municipal de Artes e Oficios, cunha longa tradición nas ensinanzas artesáns en Coiro, achega ao público con esta mostra as posibilidades, a estética e a funcionalidade do traballo neste material. Dáse así a coñecer a actividade do obradoiro de Artesanía en Coiro, como vén facendo dende 2013 ao programar cada dous anos unha exposición con tal motivo. [(1)(2)(3)]
[Etiqueta "Coiro" no Blog]
Con Curtidas queremos facer un recoñecemento público a todas aquelas mulleres que ao longo da historia se adicaron ao traballo do coiro nalgunha das súas vertentes: profesional, afeccionada ou artística; unha paixón por unha actividade case sempre compartida coas responsabilidades das súas vidas como nais, traballadoras, mulleres. A historia da nosa Escola serve, neste senso, de mostra: dende finais dos anos corenta a especialidade de Repuxado en Coiro, que pertencía á ponla de Enseñanzas para la Mujer, foi impartida por tres mulleres: Andrea Castro, Mercedes Pérez e Virginia García, que co seu traballo docente sementaron o que hoxe é a artesanía do coiro na nosa contorna.
A Exposición organízase en tres seccións:
Mulleres Curtidas
Achégase ao traballo de artesás dos diferentes oficios: marroquinería, albardería, zapatería ou corioplastia. Da Península Ibérica acollemos unha representación das figuras máis senlleiras do panorama actual, incluíndo a Carmen Bernier, falecida en 2017, muller que representa a idea esencial desta exposición. De Estados Unidos (cedidas pola Tandy Leather Museum and Gallery) presentamos traballos de Christine Stanley e Kathy Flanagan, artesás que podemos considerar como grandes influencias no traballo do coiro a nivel internacional.
30-30
A partir das medidas 30-30 que non se podían sobrepasar polos laterais, un grupo de alumnas que remataron a especialidade nos últimos dez anos recibiron de nós un encargo especial: “fai o que ti queiras en Coiro, que represente o teu xeito de traballar o material”. Queriamos transmitir así ao público unha idea sinxela: estas pezas son froito da formación que recibiron na nosa Escola.
Queremos con isto homenaxear aos centos de mulleres que dende os anos corenta do pasado século pasaron pola nosa Escola; nelas, sen dúbida, a nosa Escola deixou a súa impronta.
EMparrAO
Trátase dun xogo cunha proposta. Empregando as ferramentas sociais do s. XXI (Facebook, Instagram, Whatsapp) fixemos chegar a moitos currunchos do mundo do Coiro un patrón, o do estoxo -a primeira peza que fan os alumnos da EMAO cando empezan a especialidade-. A mensaxe levaba dúas condicións para a elaboración da peza: non se podía modificar o patrón e debía realizarse en coiro de procedencia animal, puidendo cada participante aplicar libremente as técnicas construtivas e decorativas que quixera. A resposta de ducias de artesáns e artesás co envío das súas pezas adaptadas á nosa proposta, permite agora ao visitante da exposición facerse unha idea da infinidade de posibilidades que posúe o Coiro como soporte e como medio de expresión artístico e artesanal.
As pezas resultantes penduran coma acios dunha vide sementada e cultivada por Andrea, Mercedes e Virginia, como as Dora Milaje do Coiro na Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo.
Exposición:
Lugar: Espazo EMAO. Edificio Anexo da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo (entrada polas rúas Rosalía de Castro e Pontevedra).
Datas: do 25 de xaneiro ao 1 de marzo de 2019. Inauguración o 25 de xaneiro ás 19:00 horas
Horario: de 19:00 a 21:00 horas, días laborables
Comisario: Pepe Pereira, mestre de Artesanía en Coiro da EMAO
Cartaz: Marian Núñez, mestra de Deseño e encaixe de palillos da EMAO
Produción e montaxe: Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo
Axudante de montaxe: Alberto Couñago
Colabora: Tandy Leather Museum and Gallery
Ningún comentario:
Publicar un comentario