Páxinas

18 de nov. de 2019

Na EMAO: É Encaixe, a exposición


É Encaixe. A Exposición
A exposición que presentamos amosa os traballos de maior calidade realizados durante a última década no Obradoiro de Deseño e Encaixe de Palillos da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo. Esta mostra pretende transmitir as posibilidades e a realidade desta artesanía partindo da base, pero indo máis alá, das técnicas, materiais, usos e estética tradicional, facéndoa dialogar e implicarse nunha lingoaxe contemporánea e vinculándoa ao mundo da creatividade.
Quere servir tamén para promover a reflexión sobre a capacidade das mulleres de saírense dos patróns tradicionais femininos que se asocian a esta artesanía (moda, decoración, fogar...) e adoptar, con notable excelencia técnica e creatividade, propostas e discursos contemporáneos.
Móstranse obras artesás e artísticas realizadas por alumnas egresadas da EMAO na última década coa certificación de estudos de Deseño e encaixe de Palillos da EMAO. Son traballos realizados como resultado material dos proxectos de fin de estudos (curso Avanzado) executados baixo a dirección de Marian Núñez --mestra desta disciplina na EMAO-. Utilízanse distintos materiais, técnicas, formas, funcionalidades e estéticas tradicionais e contemporáneas.

Título: É encaixe. A Expo
Produción: Mestra e alumnas da especialidade e equipo de montaxe da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo, Área de Educación, Concello de Vigo
Lugar: Espazo EMAO (Sala de Exposicións da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo). Edificio Anexo da EMAO, entradas pola rúa Pontevedra e Rosalía de Castro.
Comisaria: Marian Núñez, mestra de formación da especialidade de Deseño e encaixe de palillos da EMAO
Cartaz: Marian Núñez
Asistencia a montaxe e rotulación: Rafael Romero
Axudante de montaxe: Eduardo Sánchez
Datas: do 22 de novembro de 2019 ao 10 de xaneiro de 2020
Horario: de 19:00 a 21:00 de luns a venres non festivos

Sobre o tempo e o tecer (a propósito dunha exposición) 
Marian Núñez, comisaria da Exposición e mestra da especialidade de Deseño e encaixe de Palillos na EMAO
 
1. O tempo
Pode que o tempo non teña un directo valor de cambio, coma os cartos, pero quen posúe tempo, posúe a chave da creatividade: só o tempo fai fluir as ideas. O diñeiro seméllanos estar por riba de tódalas cousas, pero é o tempo a nosa alfaia mais prezada. O tempo, amigo e enemigo. Como inimigo disfrázase para enmascararnos a rutina cotiá; como amigo é o noso vehículo a mundos imaxinarios –e sen imaxinación non hai creatividade-.
A nosa Escola cultiva ese tempo, transfórmase nun lugar no que é posible aprender con excelencia técnica, pero sobre todo, traballar pacientemente a imaxinación: esa cualidade que abre as portas á creatividade e deixa entrar a luz do pensamento diverxente.
¿Que é senon o desenvolvemento da creatividade senon un camiñar no tempo?.
2. Metáforas: o tecido envolve a vida
O tecido é como a alma das mulleres que loitan por non estaren enleadas nunha urdime patriarcal.
O fío faise ferramenta de creatividade e do desenvolvemento persoal. O tecido é o resultado dun movemento das mans que transforman a materia ao longo dun tempo. É ese tecido/encaixe, unha canle elegante entre homes e mulleres de libre pensamento, de mulleres e homes sen prexuízos.
A paciencia, ese tempo sen culpabilidade, permítenos, enfrontadas ao oficio, desenvolver un proxecto que transcenda á mera utilidade, ao mero artificio, aos saberes preconcebidos. O encaixe: tempo, paciencia, técnica, conciencia, proxecto, convértese nunha linguaxe de loita fronte os canones dominantes, de loita por cuestionar o establecido, de construción dunha crenza e dunha vontade de cambio.
O encaixe que nós concebimos, o que aprendemos e practicamos, transfórmase nun relato silente dun cambio na arte téxtil; un cambio que sexa quen de acadar a concordia co pasado, de unir racional e creativamente tradición e futuro. 
3. “É encaixe”
A exposición amosa con humildade pero con firmeza e confianza, a nosa proposta de que as mans que tecen estes fíos --que se ancoran nos saberes pasados para traspasalos coa forza da heterodoxia, do coñecemento e da creatividade-, abran novas canles de comunicación e unha nova visión da arte téxtil galega.
É Encaixe, é unha proposta de ruptura cos prexuízos, tan presentes no mundo da nosa artesanía, que establecen como dogma que unhas belas mans de muller só poden reproducir o establecido.
¡Pasen e vexan!

Marian Núñez, comisaria da exposición, é mestra da especialidade de Deseño e encaixe de Palillos da Escola Municipal de Artes e Oficios (EMAO) dende hai quince anos. Artista plástico. Estudou Encaixe en Puy-en-Velay (Francia) e Deseño Gráfico Publicitario e Industrial. Traballou durante catro anos en publicidade en Francia, Holanda, Bélxica e Portugal, ata que un día decidíu regresar a Vigo e adicarse á súa outra gran paixón: o encaixe de palillos.
Foi incluída en The San Miguel Rich List 2018, o único ranking mundial de mulleres e homes que destacan polas súas experiencias vitais e non polas súas posesións.

Ningún comentario:

Publicar un comentario