Amosando publicacións coa etiqueta Exposición É Encaixe. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Exposición É Encaixe. Amosar todas as publicacións

12 de dec. de 2019

Venres, 13 de Decembro, Actuación Musical do Grupo Folk Moscuxia Cuartet no Espazo EMAO


Dentro das actividades complementarias da Exposición "É Encaixe", que se exhibe no Espazo EMAO (sala de exposicións da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo), terá lugar na mesma sala este venres día 13 de decembro ás 19:15  unha actuación musical do grupo de música tradicional e folk Moscuxia Cuartet, que lidera o músico e mestre da E-Trad, Xosé Liz de Cea.
Entrada libre ata completar o aforo.

27 de nov. de 2019

"É Encaixe, A Exposición" no Espazo EMAO



Lémbrovos que podedes visitar non Espazo EMAO a mostra "É Encaixe. A Exposición", cos traballos de maior calidade realizados durante a última década no Obradoiro de Deseño e Encaixe de Palillos da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo. 

DATAS: Do 22 de novembro de 2019 ao 10 de xaneiro de 2020 en horario de 19:00 a 21:00 de luns a venres non festivos. 
LUGAR: No Espazo EMAO (Sala de Exposicións da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo). Edificio Anexo da EMAO, entradas pola rúa Pontevedra e Rosalía de Castro.

18 de nov. de 2019

Na EMAO: É Encaixe, a exposición


É Encaixe. A Exposición
A exposición que presentamos amosa os traballos de maior calidade realizados durante a última década no Obradoiro de Deseño e Encaixe de Palillos da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo. Esta mostra pretende transmitir as posibilidades e a realidade desta artesanía partindo da base, pero indo máis alá, das técnicas, materiais, usos e estética tradicional, facéndoa dialogar e implicarse nunha lingoaxe contemporánea e vinculándoa ao mundo da creatividade.
Quere servir tamén para promover a reflexión sobre a capacidade das mulleres de saírense dos patróns tradicionais femininos que se asocian a esta artesanía (moda, decoración, fogar...) e adoptar, con notable excelencia técnica e creatividade, propostas e discursos contemporáneos.
Móstranse obras artesás e artísticas realizadas por alumnas egresadas da EMAO na última década coa certificación de estudos de Deseño e encaixe de Palillos da EMAO. Son traballos realizados como resultado material dos proxectos de fin de estudos (curso Avanzado) executados baixo a dirección de Marian Núñez --mestra desta disciplina na EMAO-. Utilízanse distintos materiais, técnicas, formas, funcionalidades e estéticas tradicionais e contemporáneas.

Título: É encaixe. A Expo
Produción: Mestra e alumnas da especialidade e equipo de montaxe da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo, Área de Educación, Concello de Vigo
Lugar: Espazo EMAO (Sala de Exposicións da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo). Edificio Anexo da EMAO, entradas pola rúa Pontevedra e Rosalía de Castro.
Comisaria: Marian Núñez, mestra de formación da especialidade de Deseño e encaixe de palillos da EMAO
Cartaz: Marian Núñez
Asistencia a montaxe e rotulación: Rafael Romero
Axudante de montaxe: Eduardo Sánchez
Datas: do 22 de novembro de 2019 ao 10 de xaneiro de 2020
Horario: de 19:00 a 21:00 de luns a venres non festivos

Sobre o tempo e o tecer (a propósito dunha exposición) 
Marian Núñez, comisaria da Exposición e mestra da especialidade de Deseño e encaixe de Palillos na EMAO
 
1. O tempo
Pode que o tempo non teña un directo valor de cambio, coma os cartos, pero quen posúe tempo, posúe a chave da creatividade: só o tempo fai fluir as ideas. O diñeiro seméllanos estar por riba de tódalas cousas, pero é o tempo a nosa alfaia mais prezada. O tempo, amigo e enemigo. Como inimigo disfrázase para enmascararnos a rutina cotiá; como amigo é o noso vehículo a mundos imaxinarios –e sen imaxinación non hai creatividade-.
A nosa Escola cultiva ese tempo, transfórmase nun lugar no que é posible aprender con excelencia técnica, pero sobre todo, traballar pacientemente a imaxinación: esa cualidade que abre as portas á creatividade e deixa entrar a luz do pensamento diverxente.
¿Que é senon o desenvolvemento da creatividade senon un camiñar no tempo?.
2. Metáforas: o tecido envolve a vida
O tecido é como a alma das mulleres que loitan por non estaren enleadas nunha urdime patriarcal.
O fío faise ferramenta de creatividade e do desenvolvemento persoal. O tecido é o resultado dun movemento das mans que transforman a materia ao longo dun tempo. É ese tecido/encaixe, unha canle elegante entre homes e mulleres de libre pensamento, de mulleres e homes sen prexuízos.
A paciencia, ese tempo sen culpabilidade, permítenos, enfrontadas ao oficio, desenvolver un proxecto que transcenda á mera utilidade, ao mero artificio, aos saberes preconcebidos. O encaixe: tempo, paciencia, técnica, conciencia, proxecto, convértese nunha linguaxe de loita fronte os canones dominantes, de loita por cuestionar o establecido, de construción dunha crenza e dunha vontade de cambio.
O encaixe que nós concebimos, o que aprendemos e practicamos, transfórmase nun relato silente dun cambio na arte téxtil; un cambio que sexa quen de acadar a concordia co pasado, de unir racional e creativamente tradición e futuro. 
3. “É encaixe”
A exposición amosa con humildade pero con firmeza e confianza, a nosa proposta de que as mans que tecen estes fíos --que se ancoran nos saberes pasados para traspasalos coa forza da heterodoxia, do coñecemento e da creatividade-, abran novas canles de comunicación e unha nova visión da arte téxtil galega.
É Encaixe, é unha proposta de ruptura cos prexuízos, tan presentes no mundo da nosa artesanía, que establecen como dogma que unhas belas mans de muller só poden reproducir o establecido.
¡Pasen e vexan!

Marian Núñez, comisaria da exposición, é mestra da especialidade de Deseño e encaixe de Palillos da Escola Municipal de Artes e Oficios (EMAO) dende hai quince anos. Artista plástico. Estudou Encaixe en Puy-en-Velay (Francia) e Deseño Gráfico Publicitario e Industrial. Traballou durante catro anos en publicidade en Francia, Holanda, Bélxica e Portugal, ata que un día decidíu regresar a Vigo e adicarse á súa outra gran paixón: o encaixe de palillos.
Foi incluída en The San Miguel Rich List 2018, o único ranking mundial de mulleres e homes que destacan polas súas experiencias vitais e non polas súas posesións.