Amosando publicacións coa etiqueta Historia. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Historia. Amosar todas as publicacións

12 de dec. de 2019

Conferencia de José Ramón Cabanelas " O Impacto Socioeconómico da Primeira Guerra Mundial en Vigo"


Esta tarde ás 19:30, na nosa hemeroteca teremos a conferencia "O impacto socioeconómico da Primeira Guerra Mundial en Vigo" polo historiador e membro do Instituto de Estudios Vigueses, José Ramón Cabanelas.

10 de dec. de 2019

Presentación do libro "María Vinyals. A Muller do Porvir" de Diego Piay Augusto


Diego Piay Augusto presentará mañá, 11 de decembro ás 20:00 h, na nosa biblioteca a obra, “María Vinyals. A muller do porvir, un ensaio publicado por Alvarellos Editora, en colaboración coa Deputación Provincial de Pontevedra. Nela fai un percorrido pola historia vital e familiar da coñecida como a “marquesa vermella” ao abrigo do Castelo de Soutomaior.

4 de nov. de 2019

Presentación do Libro "La Sociedad de Vigo y su Evolución (1905-1940) de Dolores Elena Durán Rodríguez


O vindeiro xoves, 7 de novembro ás 19:30, teremos na nosa hemeroteca a presentación do libro de Dolores Elena Durán Rodríguez "La sociedad de Vigo y su evolución (1905-1940). Fe y trabajo a los pies del Castro".

28 de out. de 2019

Doazón dos Edificios da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo


En 1904 redáctase a escritura de doazón dos edificios que García Barbón fixera construír para a Escola de Artes e Oficios e a Escola Superior de Industrias. Nela faise entrega destes ao Concello, que acepta o valioso donativo. O documento está datado o 27 de outubro de 1904. Ten 17 páxinas nas que se expoñen os Feitos, Título e Cláusulas que serán a base xurídica da organización da Escola de Artes e Oficios no futuro.
O Concello, na sesión de 2 de novembro de 1904, acorda por unanimidade aceptar integramente e en todas as súas partes a doazón dos edificios, así como as condicións impostas nesta escritura. A aceptación por parte do Concello era indispensable para que a escritura de doazón fose eficaz, e así o entendeu a Corporación. O documento de aceptación foi otorgado o 25 de marzo de 1905 en Vigo. García Barbón pagou á Facenda Pública os dereitos debidos e inscribiu as leiras no Rexistro da Propiedade.

26 de set. de 2019

133 Aniversario da Creación da Escola de Artes e Oficios de Vigo



No ano 1886 un fato de ilustres cidadáns, nomeadamente Eduardo Chao, Eugenio Montero Ríos, Augusto Bárcena, Manuel Diego Santos, imbuídos do espírito ilustrado da Institución Libre de Ensinanza (ILE) e convencidos de que o grande pulo social e industrial que Vigo encetaba nos finais do século XIX sería imposible sen unha acción sistemática e organizada de formación cultural e profesional das súas clases traballadoras, deciden impulsar e crear en Vigo a Escola de Artes e Oficios (EAO). Comeza así a desenvolverse un ambicioso programa de estudos dirixido á capacitación básica dos e das traballadoras. O 26 de setembro de 1886 verificábase a apertura do primeiro curso nun acto solemne presidido polo ex ministro da Primeira República, Eduardo Chao, que fixo o discurso inaugural.

Ante o éxito da iniciativa, axiña foron insuficientes os locais elixidos para a súa sede na rúa do Circo (hoxe Eduardo Iglesias). Consciente da necesidade de dar cobertura ás crecentes necesidades de formación e ao propio éxito da implantación da Escola, no ano 1900 José García Barbón fai xenerosa doazón á cidade dos edificios que albergarán ata os nosos días a EAO. Ao tempo, créase a primeira Biblioteca Pública de Vigo e o Concello de Vigo pasa a ser o xestor e principal financiador da Institución. Un dos seus primeiros directores, Fernando García Arenal, fillo da inesquecible Concepción Arenal, testemuña a relación expresa da EAO coa filosofía e práctica da ILE.

A Escola de Artes e Oficios acompañou e garantíu o desenvolvemento da cidade, tanto no que se refire ao industrial como ao arquitectónico, social e artístico, especialmente dende o inicio ata o derradeiro terzo do século XX, momento no que a aparición e implantación progresiva dun ensino profesional e técnico oficial nos anos 70 significou, primeiro, a decadencia e, logo, xa coa Democracia, a recuperación da institución sen que perderan, renovándoos, os principios de educación popular e permanente, compromiso social, excelencia técnica, interdisciplinariedade e creatividade que alumaron as súas orixes.

Este ano a celebración coincide coa exposición A Escola de Artes e Oficios, 130 anos na Historia de Vigo. Parte I 1886-1976, que se pode visitar na sala de exposicións Espazo EMAO ata o próximo 4 de outubro. Nela analízase e móstrase o desenvolvemento histórico da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo dende a súa creación en 1886 ata o ano 1976. Con isto quérese demostrar a estreita relación e o papel esencial da EMAO no desenvolvemento urbano, arquitectónico, industrial e cultural de Vigo.
 
José García Barbón
Eduardo Chao

24 de set. de 2019

Vídeos da Conferencia "O Laboratorio Municipal e a Escola de Artes e Oficios: dúas institucións centenarias de Vigo"

Dentro do programa complementario da Exposición "A Escola de Artes e Oficios, 130 anos na Historia de Vigo", tivo lugar a conferencia O Laboratorio Municipal e a Escola de Artes e Oficios:  dúas institucións centenarias en Vigo a cargo de Fernando Domínguez Freire.
Día: luns 23 de setembro de 2019 Hora: 19:30 Lugar: Biblioteca da Escola de Artes e Oficios (García Barbón, 5)

Vídeo 1 Vídeo 2

12 de xul. de 2019

Novas Visitas á Exposición "A Escola de Artes e Oficios, 130 anos na Historia de Vigo"

Esta semana seguimos recibindo visitas á exposición histórica "A Escola de Artes e Oficios, 130 anos na Historia de Vigo" na nosa sala de exposicións Espazo EMAO. Entre outras destacan as visitas da  Agrupación Amigas e Amigos do MARCO e dun segundo grupo do Ateneo Atlántico.

Agrupación Amigas e Amigos do MARCO


2ª Visita do Ateneo Atlántico


CRÉDITOS

Título: A Escola Municipal de Artes e Oficios, 130 anos na historia de Vigo. Parte I: 1886-1976 Produción: Equipo da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo, Área de Educación, Concello de Vigo
Lugar: Espazo EMAO (Sala de Exposicións da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo). Edificio Anexo da EMAO, entradas pola rúa Pontevedra e Rosalía de Castro.  
Comisario: José Luis Mateo Álvarez, historiador e membro do Instituto de Estudos Vigueses
Comisariado adxunto: M.ª Jesús Cuesta de Pedro, técnica da Biblioteca Pública García Barbón/Escola Municipal de Artes e Oficios e Rafael Ojea Pérez, técnico de cultura e educación do Concello de Vigo  
Revisión lingüística: Xosé Feixó Cid
Textos: José Luis Mateo Álvarez (agás nos que se indica outra persoa)  
Deseño gráfico expositivo (paredes): Eduardo Berea Cruz  
Restauración láminas históricas: Carmen Poyán Rasilla  
Datas: do 7 de xuño ao 19 de xullo de 2019 (de 19:00 a 21:00 h. de luns a venres non festivos) Amosamos o noso especial agradecemento a aquelas persoas, empresas e entidades que fixeron préstamo desinteresado de documentación, obra artística e pezas da súa propiedade.

4 de xul. de 2019

Imaxes da Conferencia de Elena Rodríguez Durán "A Escola de Artes e Oficios e a súa Influenza en Vigo e a súa Comarca"


Conferencia "A Escola de Artes e Oficios e a súa Influenza en Vigo e a súa Comarca" por Dolores Elena Durán

Faro de Vigo. 4-7-2019

Hoxe, 4 de xullo ás 19:30 na nosa hemeroteca temos a conferencia "A Escola de Artes e Oficios e a súa influenza en Vigo e a súa comarca" a cargo da doutora en Ciencias da Educación Dolores Elena Durán Rodríguez.
Nesta farase un percorrido polas orixes históricas da EMAO de Vigo. A influenza que esta tivo no desenvolvemento industrial, comercial, educativo e cultural da cidade. A importancia da Escola como elemento de promoción social e laboral. O alumnado destacado que pasou polas súas aulas. A Escola como xeradora de mobilidade entre Vigo e a comarca.

Visita do Ateneo Atlántico á Exposición "A Escola de Artes e Oficios, 130 anos na Historia de Vigo"



A exposición "A Escola de Artes e Oficios, 130 anos na Historia de Vigo", comisariada polo historiador e membro do Instituto de Estudos Vigueses José Luis Mateo pódese visitar ata o vindeiro 19 de xullo no Espazo EMAO (Sala de Exposicións da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo). Edificio Anexo da EMAO, entradas pola rúa Pontevedra e Rosalía de Castro.

3 de xul. de 2019

Visitas á Exposición "A Escola de Artes e Oficios, 130 anos na Historia de Vigo"

Desde que se inaugurou o pasado 7 de xuño a exposición "A Escola de Artes e Oficios, 130 anos na Historia de Vigo" son moitísimas as persoas que pasaron pola nosa sala de exposiciónes, o Espazo EMAO, para visitala. Tamén asociacións e colectivos diversos solicitaron visitas guiadas. Como os descendentes de Antonio Sanjurjo Badía, fundador da empresa "La Industriosa" ou o escritor vigués Domingo Villar, autor da novela "O último barco" na que ten gran protagonismo a nosa Escola. Onte tamén recibimos a visita da Asociación "A Madriña". Nestes días temos varias visitas programadas das que vos iremos dando conta.
Lémbrovos que esta exposición estará aberta ao público todas as tardes de 19:00 a 21:00 horas de luns a venres, en principio ata o 19 de xullo, no  Espazo EMAO (Sala de Exposicións da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo). Edificio Anexo da EMAO, entradas pola rúa Pontevedra e Rosalía de Castro.
Non vola perdades!!!
Asociación A Madriña (2-7-2019)

O escritor Domingo Villar e a súa nai (1-7-2019)
Familia Sanjurjo (27-6-2019)