26 de set. de 2019

133 Aniversario da Creación da Escola de Artes e Oficios de Vigo



No ano 1886 un fato de ilustres cidadáns, nomeadamente Eduardo Chao, Eugenio Montero Ríos, Augusto Bárcena, Manuel Diego Santos, imbuídos do espírito ilustrado da Institución Libre de Ensinanza (ILE) e convencidos de que o grande pulo social e industrial que Vigo encetaba nos finais do século XIX sería imposible sen unha acción sistemática e organizada de formación cultural e profesional das súas clases traballadoras, deciden impulsar e crear en Vigo a Escola de Artes e Oficios (EAO). Comeza así a desenvolverse un ambicioso programa de estudos dirixido á capacitación básica dos e das traballadoras. O 26 de setembro de 1886 verificábase a apertura do primeiro curso nun acto solemne presidido polo ex ministro da Primeira República, Eduardo Chao, que fixo o discurso inaugural.

Ante o éxito da iniciativa, axiña foron insuficientes os locais elixidos para a súa sede na rúa do Circo (hoxe Eduardo Iglesias). Consciente da necesidade de dar cobertura ás crecentes necesidades de formación e ao propio éxito da implantación da Escola, no ano 1900 José García Barbón fai xenerosa doazón á cidade dos edificios que albergarán ata os nosos días a EAO. Ao tempo, créase a primeira Biblioteca Pública de Vigo e o Concello de Vigo pasa a ser o xestor e principal financiador da Institución. Un dos seus primeiros directores, Fernando García Arenal, fillo da inesquecible Concepción Arenal, testemuña a relación expresa da EAO coa filosofía e práctica da ILE.

A Escola de Artes e Oficios acompañou e garantíu o desenvolvemento da cidade, tanto no que se refire ao industrial como ao arquitectónico, social e artístico, especialmente dende o inicio ata o derradeiro terzo do século XX, momento no que a aparición e implantación progresiva dun ensino profesional e técnico oficial nos anos 70 significou, primeiro, a decadencia e, logo, xa coa Democracia, a recuperación da institución sen que perderan, renovándoos, os principios de educación popular e permanente, compromiso social, excelencia técnica, interdisciplinariedade e creatividade que alumaron as súas orixes.

Este ano a celebración coincide coa exposición A Escola de Artes e Oficios, 130 anos na Historia de Vigo. Parte I 1886-1976, que se pode visitar na sala de exposicións Espazo EMAO ata o próximo 4 de outubro. Nela analízase e móstrase o desenvolvemento histórico da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo dende a súa creación en 1886 ata o ano 1976. Con isto quérese demostrar a estreita relación e o papel esencial da EMAO no desenvolvemento urbano, arquitectónico, industrial e cultural de Vigo.
 
José García Barbón
Eduardo Chao

Ningún comentario:

Publicar un comentario