Amosando publicacións coa etiqueta Mestres. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Mestres. Amosar todas as publicacións

15 de xuño de 2019

Pablo e Angel Sempre no Noso Recordo

Esta semana recibimos noticias moi tristes, a perdida de dúas persoas moi vinculadas a esta Escola. 

Pablo G. Seoane. Foto publicada no Faro de Vigo

A semana pasada falecía Pablo G. Seoane responsable da aula de son na EMAO durante anos. Traballou tamén en Vigosónico e formou parte dalgúns grupos musicais locales como Ossobuco e B-Pack. Conversador, boa persoa, atesouraba mil e unha anécdotas. Seguía visitandonos a miúdo.
Desde aquí transmitimos a súa familia e amigos as nosas condolencias nestes duros momentos. Sempre estará nos nosos recordos.


Angel Parov

Onte pola ardora deixábanos Angel Rodríguez Pérez, ou como a el gustáballe recoñecerse, Angel Parov. Foi un alumno moi activo desta Escola na especialidade de cerámica artística durante os anos 2004-2009, cando rematou a súa etapa de formación, a cerámica xa pasaría a ser unha parte moi importante da súa vida. Formas tan primigenias como o bowl ou a cunca serán unha sinal de identidade na súa produción cerámica posterior.
Será difícil imaxinar a próxima edición de Raku segundo Nigrán sen a súa presenza, sen ese entusiamo e esa sabedoría que transmitía a todos os que ano a ano inícianse nesta técnica milenaria. 
A súa prematura partida deixa en todos os que lle coñecemos unha profunda tristeza. Permanecerá o seu recordo no seu mestre, Miguel e nos seus amigos e compañeiros.
Ata sempre, Angel!

8 de maio de 2019

Tanned Women: Honoring Women in Leathercraft


Xa tedes na nosa hemeroteca do fondo moderno o número de maio e xuño da revista norteamericana "Leather Crafters & Saddlers Journal". Neste número publícase un artigo do noso mestre de artesanía do coiro, Pepe Pereira, baixo o título de Tanned Women: honoring Women in leathercraft, que trata sobre la exposición "Curtidas" da que el foi comisario recentemente,  onde se facía unha merecida homenaxe ás mulleres que ao longo da historia se adicaron ao traballo do coiro nalgunha das súas vertentes: profesional, afeccionada ou artística.
Parabéns a Pepe, que coa publicación do seu artigo nunha revista que é referencia mundial desta especialidade, ainda pon máis de relevo a importancia do traballo que se está facendo nesta Escola desde hai uns anos. 
Para exemplo serven as exposicións organizadas pola especialidade de Artesanía do Coiro, na nosa sala de exposicións Espazo EMAO, que son pioneiras non só en Galicia senón tamén a nivel nacional, pola calidade das pezas expostas, a variedade e prestixio dos artesáns participantes e a diversidade das técnicas mostradas. 

#handmadenothomemade (coiro: cor e volume)
"Coiro... aínda que non o pareza"
 "100 x 100 Coiro"






17 de xan. de 2019

Miguel Vázquez no Museu do Càntir de Argentona: Transversalitats en Ceràmica Contemporània


Esta mañá o xornal local Atlántico publica a noticia da que nos faciamos eco hai uns días, o noso profesor de cerámica artística, Miguel Vázquez, é uns dos seis españois de fóra de Cataluña que terá unha das súas obras na exposición "Transversalitats en Ceràmica Contemporània" que se exhibe no Museu do Càntir de Argentona
Esta exposición quere ser unha mostra do que será o futuro espazo de cerámica contemporánea do museo de Argentona, dando así resposta á falta dun equipamento dedicado á produción actual da arte cerámico no noso país, onde os museos monográficos están dedicados de forma exclusiva á cerámica histórica ou tradicional. Unha mostra na que participan sen dúbida dalgúns dos mellores autores do mundo no amplo panorama da cerámica contemporánea. 
Sería bo lembrar que o noso mestre de cerámica, Miguel Vázquez, pertence desde hai moitos anos á Academia Internacional de Cerámica na que están tamén outros tres galegos: Elena Colmeiro, Xabier Toubes e Emilia Guimeráns.
Felicidades Miguel!!!

27 de nov. de 2018

Premio María Teresa Toral de Produción Gráfica a Rosa García, Mestra de Escultura e Talla en Madeira da EMAO



Este pasado sábado, 24 de novembro, entregáronse os XXIV Premios Nacionais de Grabado no Museo do Grabado Español Contemporáneo. Temos que felicitar á nosa profesora de Escultura e talla en madeira, Rosa García Martínez, que recibiu o premio María Teresa Toral, un dos tres que conceden á Produción Gráfica. Seleccionáronlle dous dos seus gravados da serie “... o que queda tras o bosque” e recibiu o premio por un deles “Bosque Negro”

Obra premiada "Bosque Negro"
Obra seleccionada
Sería interesante destacar o xurado que outorgou o premio e que estaba formado por José María de Francisco, director da Feira de Arte Estampa (unha das máis importantes de Europa de Arte Gráfica); Juan Francisco Rueda, crítico e comisario de Arte e Germán Borrachero, director do MGEC (Museo do Grabado Español Contemporáneo).
Parabéns!!!







16 de nov. de 2018

Marian Núñez no Faro de Vigo

Marian Núñez (Foto de Faro de Vigo)
Hoxe o xornal Faro de Vigo publica un interesante artigo sobre Marian Núñez, onde se fai eco da noticia de que a nosa profesora de Encaixe de Palillos é unha das vinte persoas incluídas na The San Miguel Rich List 2018, a única española neste ránking mundial de mulleres e homes que destacan polas súas experiencias vitais e non polas súas posesións. 
Parabéns Marian!!!

15 de out. de 2018

Marian Núñez na The San Miguel Rich List 2018. Felicidades!!!

Desde hai 3 anos a multinacional cervexeira San Miguel, os xornais ingleses The Independent e London Evening Standard elaboran a The San Miguel Rich List, unha lista internacional de mulleres e homes que se distinguen pola súa busca de experiencias enriquecedoras, pola súa creatividade. 20 persoas que destacan non pola súa riqueza material, senon por seren especiais na exploración da experiencia vital e profesional, son os Trailblazers, os Pioneers, os Artisans e os Legacy makers que se embarcaron en experiencias que lles cambiaron a vida.

Coraza de Márian Núñez

Este ano a San Miguel Rich List 2018 inclúe á nosa profesora de Deseño e Encaixe de palillos, Marian Núñez, que ademais de dar clase na nosa Escola, pode pasar moito tempo creando obras de arte en encaixe. Os seus traballos tecnicamente moi complexos, inclúen pezas en 3D, nas que utiliza a técnica do encaixe de palillos cun toque moi contemporáneo, tamén unha gran variedade de materiais cos que explora e experimenta. Anímovos a visitar a súa páxina web 
Parabéns, Marian!!! 

19 de mar. de 2018

"Retablo" a Mostra de Cerámica de Miguel Váquez na Electric Gallery


O vindeiro venres, 23 de marzo ás 21:00, o noso mestre de cerámica, Miguel Vázquez, inaugura a mostra chamada Retablo, será na Electric Gallery (Rúa, Mexico nº 51. 36204. Vigo)
A encriptación visual, non é unha mensaxe que se nega a dicirnos algo. É en realidade o esconder o seu significado levándoo ao territorio do velado. Este paradoxo que Miguel Vázquez emprega nesta peza coral denominada xenericamente RETABLO, composta por catro series e algún verso solto, que se expón na Electric Gallery onde nos propón reflexionar sobre o íntimo e as carencias narrativas da linguaxe e tenta achegarnos ao ignoto.

26 de xan. de 2018

Gala Homenaxe ao Mestre Antón Corral en Tui


Antón Corral, figura clave na música tradicional galega e mestre na nosa Escola durante moitos anos, será homenaxeado esta tarde en Tui. Será a partir das 20:30 horas no Teatro Municipal, e contará coa participación de Carlos Núñez, Anxo Lorenzo e Anxo Pintos. Xunto a eles formacións vinculadas a Antón Corral como a banda de gaitas Xarabal, os grupos tudenses Arume de Malvas, Lembranzas da Terra de Guillarei e Santa Columba de Ribadelouro. (Fonte: A Voz de Galicia)

19 de xuño de 2017

Boa Sorte, Jacobo!

Obras de Jacobo Fernández Serrano
O venres pasado despediuse de nós o profesor de pintura Jacobo Fernández Serrano, somos moitos os que sentimos a súa marcha, desde aquí desexámoslle moita sorte.
Tamén quero destacar a doazón das súas publicacións a esta biblioteca, que en breve poderán consultarse na sección de novela gráfica e álbumes ilustrados.
Grazas pola túa xenerosidade e sorte na túa nova etapa.

2 de mar. de 2017

Cen Anos Despois

Foto de Rafael Ojea Pérez
Nestes pasados días do Entroido, algúns mestres da Escola Municipal de Artes e Oficios tiveron a feliz idea de recrear algunha de aquelas antigas fotos na que estaban todos os traballadores e traballadoras da Escola, pareceunos unha boa idea e moitos nos animamos a vestirnos coa moda daqueles tempos. Aquí tedes un adianto dos resultados.

Foto de Rafael Ojea Pérez

A foto antiga da que falamos e que nos serviu de inspiración é esta:

Foto do Fondo histórico da EMAO


28 de dec. de 2016

Na morte de Bibiano

Hoxe erguémonos coa tristeira nova da morte, onte á noite, de Bibiano Morón.

Unha nova triste pola desaparición do seu sempre oportuno sorriso, da súa palabra intelixente e inxeniosa, da súa proximidade afectiva e bo humor.


Tristeiro porque Bibiano era o compañeiro de vida da nosa querida Matusa, que exerce o seu saber, profesionalidade e bondade na secretaría da Escola de Artes e Oficios.

Apenado porque perdemos un referente do compromiso e da loita social e cultural contra a Dictadura, nesa longa noite de pedra que afogou a xeracións de persoas que, como Bibiano, anceiaban, máis cá nada, a Xustiza e a Liberdade. Con el cantamos, daquela, a inorme coro, na explanada dun Castrelos ateigado, o "Abaixo a dictadura" nun memorable concerto, que acabou sendo antifascista ao abeiro do inxenio do autor daquela cantiga, "Vello can de palleiro", que habilmente colou á censura do Réxime. Con el cantamos resistencia e esperanza cando máis a necesitabamos.

Fico coa saudade que me produz a perda tamén do artista e do emprendedor, da persoa apaixonada pola música (vaise, mira ti, neste 2016 de requiem dos grandes da música do noso tempo), coa que foi autor e  intérprete --que deixou na nosa memoria inesquecibles cancións forxadas con ese Metal vigués co que estaba construída a súa obra-- e como productor e xestor cultural, con momentos tan magníficos como aqueles festivais "Para Vigo me voy" que, infelizmente, non puideron ter continuidade.

Despídome, finalmente, como funcionario municipal que exercín, ata hai uns poucos meses e nos últimos oito anos, de Director en funcións da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo: Bibiano foi un dos principais  impulsores do proxecto de Universidade Popular, creador e director da Aula de Música Electrónica, pioneira en España e peza fundamental daquel intento,  finalmente frustrado, de Centro de arte libre e formación popular nos anos 80 en Vigo, que retomou, nos 90, a vella denominación de Escola de Artes e Oficios. 


Que a terra te sexa leve, amigo e compañeiro Bibiano!

Rafael Ojea Pérez


Homenaxe ao Pintor Luis Torras na Casa das Artes



Mañá, xoves 29 de decembro, terá lugar unha homenaxe ao pintor Luis Torras polo seu 104 aniversario na Casa das Artes de Vigo ás 12:00 da mañá; esta homenaxe organizada por distintos profesionais, profesores/as, antigos alumnos/as e artistas, todos vinculados á Escola Municipal de Artes e Oficios, á que sen dúbida el pertence e da que forma parte, institución fundada en 1886 nunha casa situada na rúa do Circo, ata que en 1900 se trasladou á súa sede actual nas rúas García Barbón e Pontevedra.
 
Luis Torras, decano dos pintores vigueses, naceu en Vigo o 29 de decembro de 1912.
A pintura foi a súa vocación, e ségueo sendo; á idade de 23 anos trasládase á capital para estudar na Escola de Belas Artes de San Fernando, onde permanecería ata o verán do 36, no que estando de vacacións escolares na súa cidade natal é chamado a incorporarse obrigatoriamente ao ejército, onde foi ferido en combate.
Rematou os seus estudos obtivo o título de profesor de debuxo, profesión que exerceu en Madrid e na Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo, ensinando a varias xeracións de artistas vigueses.
Luis Torras é un pintor discreto, a súa vida artística transcorre entre naturezas mortas, retratos e paisaxes.
En 1998 o Concello vigués, contando coa xenerosidade do artista e da súa esposa, María Jesús Incera, crea a Colección Torras, con sede na Casa das Artes de Vigo. Ademais a súa pintura atópase en centros tan importantes como o Museo de Arte Contemporánea de Madrid, o Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía de Madrid, o Museo Municipal Quiñones de León en Vigo, ol Museo de Pontevedra, o Museo de Arte Contemporánea de Santiago (CGAC), así como en importantes coleccións privadas.

15 de dec. de 2016

Conferencia de Bibiano Morón na Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo


Esta tarde conferencia 
DO “CAN DE PALLEIRO” A “VIRAN GAITEIROS” 
Impartida por
 Bibiano Morón Giménez 
Presentada por
Xoán Manoel Estevez e Antón Seoane
Xoves , 15 de decembro de 2016, ás 19:00 horas 
na
Hemeroteca da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo
organiza
COLECTIVO PERTENZA

22 de xul. de 2016

Exposición “Fuera de serie. De la provocación a la ilusión” no Museo Nacional de Cerámica e Artes Suntuarias "González Martí", de Valencia.





A mostra que estará estará aberta ao público do 21 de xullo ao 2 de outubro de 2016, reúne aos 50 artistas contemporáneos máis relevantes do panorama español coa intención de reflectir o momento actual que vive a cerámica artística en España. O percorrido comprende catro salas con catro temas diferenciados: tradición, narración, provocación e ilusión. Esta exposición celébrase no marco do Congreso da Academia Internacional de Cerámica (AIC) que ten lugar este ano en Barcelona (12-16 de setembro). Nesta exposición participa o noso mestre de cerámica artística, Miguel Vázquez, que é membro da Acacemia Internacional de Cerámica desde o ano 2000.

LISTADO DE ARTISTAS

Rosa Abadal, Claudi Casanovas, Lluis Castaldo, Jesús Castañón, Caxigueiro, Carme Collell, Elena Colmeiro, Antoni Cumella, Salvador Dalí, Esperanza Fontecha, Angel Garraza, Miguel Angel Gil, Teresa Gironès, Emilia Guimerans, Alberto Hernández, Supi Hsu, Myriam Jiménez, Mia Llauder, Josep Llorens-Ar gas, Saleta Losada, Madola, Jordi Marcet, Enric Mestre, Miguel Molet, Encarna Monteagudo, Xavier Monsalvatje, Pere Noguera, Josema Oliden, María Oriza, Joan Panisello, Rafaela Pareja, Gregorio Peño, Rafa Pérez, Lourdes Riera, Carmen Riu de Mar tín, Marina Rubio, Carmen Sánchez, Juan Antonio Sangil, Joan Serra, Jordi Serra, Xavier Toubes, Miguel Vázquez y Carles Vives.

Obra de Miguel Vázquez

15 de mar. de 2016

Antón Corral leva o galardón honorífico dos Premios Martín Codax da Música



O antigo mestre da nosa escola Antón Corral vai recibir o galardón honorífico que entrega cada ano a asociación Músicos ao Vivo no marcos dos Premios Martín Códax. Segundo explica a directiva desta entidade "Antón Corral representa un fito na historia da música popular galega, tanto polo seu incansable traballo de investigación nas melloras construtivas dos instrumentos, coma polo labor de dignificación e difusión do folclore, así como por ter formado a músicos e artesáns de altísima calidade e relevancia". O artesán e gaiteiro recibirá o premio no Pazo da Cultura de Pontevedra o 28 de abril. Parabéns!!!
(Fonte: culturagalega.org)

3 de feb. de 2016

Exposición Artistas Solidarios "Camiños ó Bo Trato", Impulsando a Igualdade

Foto de Gonzalo Sellés Lenard

Hoxe, 3 de febreiro ás 19:30, inaugúrase a Exposición "Camiños ó bo trato" na que participan varios mestres/ as, alumnos/as e ex alumnos/as da nosa Escola. Será na Sala I Afundación. Policarpo Sanz, 26.

Exposición Artistas Solidarios / [75] artistas
Camiños o bó trato // Impulsando a Igualdade
 

Aida Alonso / Alba Pardo / Alberto Gulias / Alejandro Zapater / Amelia Palacios / Ana Germade / Andressolo / Ángeles Jorreto / Antía Sánchez / Antón Goyanes / Antón Pulido / Antón Sobral / Antonia Díez / Antonio Gutierrez / António Porto / Anxo Baranga / Carmen Junyent / Claudio Maseiro / Cipriano Chas / Cristina Treceño / CRO! / Cuqui Piñeiro / Edmundo Paz / Eleazar / Elia Núñez / Francisco Pazos / Gonzalo Sellés Lenard / Héctor Pichel / Inma Camps / Iñaki Matilla / Irene Silva / Iria Blanco Barca / Iria Vázquez / Iris Blanco / Isabel Alonso / José Luis Almeida / Jose Navas / Jose Ucha / Kirsten Müller / Lisi González / Lois Corvera / Lola Galante / Maria José Pulido / Menca Estevez / Merce Lence / Michael Mahesh / Miguel Nuñez / Mingos Teixeira / Moncho Borrajo / Nel Diaz Piñeiro / Nuria Ruibal / Nuria Vilán / Olalla Fernández Álvarez / Olalla Lojo / Oscar Cabana / Patricia Cancelo / Patricia Pérez Groh / Paula Mariño / Paula Pereira / PERI / Pepe Güenaga / Roi Alonso/ Rosa García / Rosa Úbeda / Rut Martínez / Ruth Lodeiro / Santial / Sara Bello / Silverio Rivas / Silvia Sánchez/ Susana Bermejo / Tanya Cid / Xan Vieito / Xavier Magalhaes / Xisela Franco / Xoan Coruxo / Xosé Luís Otero / Xuxo Vázquez /

21 de xan. de 2016

Visita da Emao a Igrexa Románica de Santa María de Castrelos


Aquí tedes algunhas imaxes da visita que os mestres e algúns alumnos/as da EMAO fixerón onte a esta xoía do románico vigués.
A Igrexa de Santa María de Castrelos cumprirá neste ano de 2016, 800 anos de existencia.
Sumándose á conmemoración do 800 aniversario deste monumento, a EMAO adicará este ano a súa exposición colectiva, coa que finalizará o curso 2015-2016, á esta igrexa co traballo de reinterpretación e visión artística e artesana do monumento, que realizará o profesorado e alumnado das distintas especialidades nestes meses para, logo, seren exhibidos os seus resultados no Espazo EMAO.
Nestas imaxes podedes observar algúns detalles do interior como as pinturas murais (restauradas en 1995) pertencentes aos finais dos séculos XIV e XV, restos do que debeu ser unha decoración presente en todos os muros interiores da igrexa, perdida co desencalado realizado a mediados do século XX.

Unha inscrición á esquerda do arco triunfal indica o ano 1216

17 de dec. de 2015

Os mestres da Emao "no candeeiro"

Foto M. Moralejo

Hoxe, o noso mestre da especialidade de Debuxo, Federico Fernández, está na prensa. O motivo é a publicación de Balea, editado por Kalandraka; trátase dunha obra especial tanto polo seu formato como polo seu contido. O outro autor de Balea é o ilustrador, German González.
Déixovos aquí a ligazón ao artigo en La Voz de Galicia.
Parabéns a Federico e Germán polo seu traballo!

Tamén vos deixamos un enlace coa reportaxe en directo que o pasado día 14-12-2015 se fixo na sala de exposicións "Espazo Emao" para o programa da CRTVG "O que pasa aquí". A primeira conexión é no minuto 01:09; máis tarde, no minuto 07:00, vai a entrevista con Paula Mariño, mestra de pintura e coordinadora da exposición, e no minuto 20:00 conexión coa aula de talla e escultura en madeira e entrevista con Rosa Garcia Martinez, mestra desta especialidade e tamén coordinadora da exposición "Proxectos 2015"
Parabéns as dúas polo voso traballo de difusión da exposición e da Escola.

11 de dec. de 2015

Inauguración da Exposición "Artistas al Desnudo" en Apo'strophe Sala de Arte

Esta tarde na sala Apo'strophe inaugurase a exposición "Artistas al Desnudo" na que participan Paula Mariño, mestra de pintura, Rosa García, mestra de escultura e talla en madeira, ademais de actuais e antigos alumnos/as da Emao, como José Manuel Ucha, Chus Láuzara, Pepe Güenaga, Miguel Núñez...
Tamén o antigo mestre de serigrafía, Nelson Villalobos. Parabéns!!!