28/12/2016

Na morte de Bibiano

Hoxe erguémonos coa tristeira nova da morte, onte á noite, de Bibiano Morón.

Unha nova triste pola desaparición do seu sempre oportuno sorriso, da súa palabra intelixente e inxeniosa, da súa proximidade afectiva e bo humor.


Tristeiro porque Bibiano era o compañeiro de vida da nosa querida Matusa, que exerce o seu saber, profesionalidade e bondade na secretaría da Escola de Artes e Oficios.

Apenado porque perdemos un referente do compromiso e da loita social e cultural contra a Dictadura, nesa longa noite de pedra que afogou a xeracións de persoas que, como Bibiano, anceiaban, máis cá nada, a Xustiza e a Liberdade. Con el cantamos, daquela, a inorme coro, na explanada dun Castrelos ateigado, o "Abaixo a dictadura" nun memorable concerto, que acabou sendo antifascista ao abeiro do inxenio do autor daquela cantiga, "Vello can de palleiro", que habilmente colou á censura do Réxime. Con el cantamos resistencia e esperanza cando máis a necesitabamos.

Fico coa saudade que me produz a perda tamén do artista e do emprendedor, da persoa apaixonada pola música (vaise, mira ti, neste 2016 de requiem dos grandes da música do noso tempo), coa que foi autor e  intérprete --que deixou na nosa memoria inesquecibles cancións forxadas con ese Metal vigués co que estaba construída a súa obra-- e como productor e xestor cultural, con momentos tan magníficos como aqueles festivais "Para Vigo me voy" que, infelizmente, non puideron ter continuidade.

Despídome, finalmente, como funcionario municipal que exercín, ata hai uns poucos meses e nos últimos oito anos, de Director en funcións da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo: Bibiano foi un dos principais  impulsores do proxecto de Universidade Popular, creador e director da Aula de Música Electrónica, pioneira en España e peza fundamental daquel intento,  finalmente frustrado, de Centro de arte libre e formación popular nos anos 80 en Vigo, que retomou, nos 90, a vella denominación de Escola de Artes e Oficios. 


Que a terra te sexa leve, amigo e compañeiro Bibiano!

Rafael Ojea Pérez


Ningún comentario:

Publicar un comentario