07/05/2015

Novo Plan de Estudos para a Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo

Foto: R. Ojea
A Xunta Rectora do Organismo Autónomo Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo, en sesión de 16 de abril de 2015, acordou aprobar o novo Plan de Estudos da EMAO, que será implantado a partir do curso 2015-2016.
Este Plan de Estudos vén substituir ao Plan de Normalización Curricular (PNC) aprobado pola mesma Xunta no ano 2008, que xa prevía, daquela, a necesidade da redación dun novo marco curricular posterior á fase normalizadora que se puxo en marcha naquel ano.

A EMAO defínese na documentación deste novo Plan de Estudos como "un Centro municipal dependente do Concello de Vigo, de carácter educativo e socio-cultural, que ten como ocupación principal a formación non regrada de persoas adultas en materia de Artes e Oficios artísticos, e, relacionada con esta, a investigación, dinamización e difusión da cultura, dos valores e os coñecementos artísticos e artesanos para o conxunto da poboación".

As ideas-eixe que aluman ao novo Plan de Estudos (tal e como se recolle no seu documento introductorio) son:

1. A EMAO é unha escola que quere primar os Procesos Creativos: o deseño é pedra angular en todas as especialidades e punto diferenciador das súas ensinanzas. 
2. A EMAO é unha escola que quere acadar a Excelencia Técnica: o rigor, a boa execución técnica, os bos acabados, a correcta elección de materiais. Ademais dun perfil creativo orientado ao deseño, perseguimos un perfil técnico, actualizado e orientado cara á optimización dos resultados. 
3. A EMAO é unha Escola na que se abren as portas á interdisciplinariedade, á asunción de proxectos e coñecementos comúns entre as distintas disciplinas que se ofertan 
4. A EMAO é unha escola que quere favorecer a Autonomía dos seus estudantes. Pretendemos que os estudantes da EMAO poidan seguir crecendo e desenvolvéndose como artesáns/artistas, unha vez rematados o seus estudos na escola; para isto precisan desenvolver as competencias de cada especialidade e precisan ademais, Aprender a Aprender, aproveitando as ferramentas e oportunidades ofertadas pola tecnoloxía. O desenvolvemento de entornos persoais de aprendizaxe (PLE Persoal Learning Environement) para cada estudante é unha ferramenta nuclear para o seu posterior crecemento. 
5. A EMAO é unha escola que quere dar resposta ás Necesidades da Cidade, integrándose na súa realidade, nos seus procesos e coa súa cidadanía, retornandolle á sociedade o seu esforzo na súa creación e mantemento. 
6. A EMAO é un Escola que quere Abrirse a nivel Global, compartindo as súas producións e proxectos e colaborando con artistas/artesáns na aldea global. 

Tal oferta cultural e educativa expresada nesas ideas-eixe, representa unha oportunidade única de enlace coa dinámica sociocultural da nosa cidade, no contexto das tendencias e espectativas deste século; un contexto no que a iniciativa e a creatividade forman parte indisociable de calquera proxecto de desenvolvemento integral, non só no que respecta á inserción profesional e á formación ao longo da vida, senon tamén, á aportación que ao crecemento dunha intelixencia colectiva, baseada no coñecemento técnico, na interdisciplinariedade e o pensamento diverxente, que sirva como soporte e acicate dunha identidade cívica caracterizada pola excelencia técnica e a creatividade. 
Representa tamén a posibilidade de contar cunha institución municipal de prestixio e de referencia, co valor engadido da súa historia, dos seus máis de 125 anos de actividade ininterrumpida, de investigación operativa e asesoramento en materia cultural, de apoio ás propostas de animación sociocultural do tecido asociativo vigués, de formación de futuros formadores soporte desas propostas, de lugar de encontro e de recursos públicos para as iniciativas e a dinámica creativa da cidade.

O Plan de Estudos 2015, mantén as mesmas especialidades actuais da Escola, agrupándoas en Área artística (Debuxo artístico e Pintura), Oficios artísticos (Talla e escultura en madeira, Deseño e encaixe de Palillos, Serigrafía artística, Cerámica artística, Ourivería, Artesanía en coiro, Encadernación artística e Moda e confección),  e Oficios artesanos (Construcción Artesanal de Instrumentos Musicais -CAIM-: Gaita, Zanfona e Luthería antiga)

O novo Plan introduce entre outras novidades cambios na duración e intensidade dos estudos dalgunhas especialidades, que pasan a ter unha carga semanal de 10 horas en dous días (en lugar de 5 horas como ata o de agora), durante dous cursos académicos. Introdúcese, así mesmo, un novo nivel para todas as especialidades, o Curso Avanzado, de carácter optativo coa presentación dun proxecto de fin de estudos que se desenvolverá presencialmente coa titoría do mestre/a da especialidade.

Tamén recolle un desenvolvemento curricular expreso para cada especialidade e unha normativa que regula os distintos aspectos para a implementación do Plan..

A documentación principal do novo Plan de Estudos pódese consultar íntegra na web do Concello de Vigo, no seu apartado adicado á área de Educación-Escola Municipal de Artes e Oficios.

Preséntasenos un interesantísimo reto para o futuro da Escola!

Ningún comentario:

Publicar un comentario