26 de set. de 2011

125 ANIVERSARIO DA CREACIÓN DA ESCOLA DE ARTES E OFICIOS


Hoxe cúmprense 125 anos da creación da Escola de Artes e Oficios, lonxe queda aquel día de xullo de 1885 no que a Sociedade de Socorros Mutuos "A Cooperativa" acordou crear un centro "... no que os obreiros puidesen adquirir os coñecementos necesarios para perfeccionarse no exercicio das diversas industrias ás que se dedican." Este centro nace oficialmente na rúa do Circo, nº 3 nun edificio construido por D. Augusto Barcena en terreos da súa propiedade, o 26 de setembro de 1886 verificábase a apertura do primeiro curso. O ex ministro D. Eduardo Chao, presidente honorario da Cooperativa foi o encargado do discurso inaugural ademais el contribuirá xenerosamente doando o material de ensinanza. Ao principio a Escola foi sostida polas doazóns de particulares que cedo foron insuficientes, por iso A Cooperativa decide entregar a titularidade da Escola ao Concello de Vigo no ano 1888. Despois de catorce anos a Escola trasladase aos edificios que ocupa na actualidade e que se debe á xenerosidade de D. José Garcia Barbón, quen encargou o proxecto ao arquitecto Michel Pacewicz. O ilustre filántropo completo a súa doazón con material de ensino, maquinaria e libros para formar a biblioteca que sería a primeira biblioteca pública de Vigo. A nova sede da Escola inaugurose o 23 de setembro de 1900 sendo o director D. Fernando García Arenal e o chamado edificio anexo o 27 de outubro de 1904.
Ao longo da súa historia a Escola de Artes e Oficios tivo unha contribución fundamental ao desenvolvemento  de Vigo. As personalidades máis sobranceiras da cidade  formaron parte do seu claustro de profesores e colaboraron no extraordinario labor docente e social que esta levou a cabo, tamén é salientable a achega á sociedade viguesa dos alumnos saídos das súas aulas. A Escola colaborou na preservación das artes e dos oficios da comarca, os momentos de maior auxe da Escola coinciden cos anos de maior impulso industrial e maiores inquietudes da cidade. A Escola de Artes e Oficios é un organismo vivo e unha das institucións máis representativas do espírito loitador e o afán de superación que caracteriza a Vigo.




Ningún comentario:

Publicar un comentario