"Conexión inexplicable" é a proposta expositiva de Antía Sánchez e María Kärkkäinen que se exhibe nestes días no Espazo EMAO desta Escola. Conexión que vén referirse ao encontro persoal e creativo entre dúas artistas, unha galega e outra Finlandesa, que tivo o seu punto de arrinque na experiencia de intercambio no marco do programa europeo Erasmus que ámbalas dúas realizaron no ano 2003.
¿Conexión inexplicable? voume atrever a percurar algunhas explicacións:
¿Casualidades da vida?: recentemente visitaba Vigo a Orquestra Folk finlandesa da Academia Sibelius, un dos máis importantes conservatorios superiores de música de Europa. Viña para realizar a derradeira xuntanza e exhibición de resultados da Rede Europea de Orquestras Folk, un programa liderado polo Concello de Vigo a través da Escola Municipal de Música Folk e tradicional, E-trad, e co-financiado polo Concello de Vigo e pola Unión Europea dentro do programa Cultura. No memorable concerto das orquestras de Italia, Finlandia e Galicia no Auditorio Mar de Vigo, que pechaba o programa, poidemos saber o significado e transcendencia desas conexións inexplicables: os finlandeses da Sibelius absorveron con identidade e mestría a nosa complexa proposta de orquestrar o folk; o resultado traspasou a mera coxuntura: a orquestra folk da Sibelius veu a Vigo para quedarse para sempre entre o público finlandés e nos programas culturais e educativos da vella Academia.
¿Conexión inexplicable? Esa Europa tan difícil de percibir nestes tempos de hexemonía macroeconómica, pode palparse en resultados concretos; e estes, non por próximos, deixan de ser extraordinarios. Se a Sibelius achegouse a nós co programa Cultura, María e Antía chegan a esta mostra no Espazo EMAO, como consecuencia doutro programa europeo: o Erasmus. Fronte os que agora queren minimizar estas bolsas, en nome dunha austeridade mal entendida, retirando os xa testemuñais fondos para o seu financiamento, a experiencia de María e Antía amosa que o intercambio de alumnado europeo é un elemento indispensable para a formación de Europa; porque é na creatividade e coñecemento directo das súas persoas e culturas, das súas inquedanzas e iniciativas, das súas formas de ver o mundo e de modificalo, onde está a Europa que queremos: a das persoas e da cultura, moito máis alá de primas de risco e eternas débedas financeiras. María e Antía son testemuñas de cargo de que isto é así.
María e Antía sitúanse tamén nunha conexión moi explicable: o diálogo entre as distintas formas de expresión artística, entre ferramentas diferentes para a creatividade. Sitúanse, con esta colaboración estable durante estes anos, no contexto da xa vella dialéctica, non ausente de friccións, entre a fotografía e a pintura, entre dúas formas de representar o mundo e as propias vivencias. A representación fotográfica ten servido, mesmo antes da propia invención da fotografía como hoxe a coñecemos, como un instrumento moi importante na elaboración da obra pictórica. Dende a cámara escura utilizada polos pintores do século XV, como ben demostrou David Hockney na extraordinaria investigación que deu lugar ao seu traballo “O coñecemento secredo”, ata, por non sairnos do mesmo artista inglés, a práctica pictórica e gráfica de amor/odio fronte á cámara de fotos --profusamente utilizada no pasado recente por él--, que o pintor expresa, na volta a pintura a plein air, nos seus traballos sobre a campiña inglesa recentemente expostos en Londres e no Guguenheim bilbaíno.
Fotografía e pintura xúntanse tamén, máis alá da súa instrumentalización mútua e do seu diálogo, en productos que combinan as miradas dunha e outra nunha soa obra que utiliza e forza os recursos das dúas disciplinas.
¿Conexión inexplicable? Hai algo que se deixa ver dun xeito emocionante nesta exposición: a capacidade humana –tan inexplicable pola súa exclusividade na nosa especie-- da empatía: esa rara cualidade pola que nos é posible poñernos no lugar da outra persoa, vivir as súas emocións, compartir a súa ollada. Recomendo, neste sentido, que perciban esa empatía no video realizado polas dúas artistas, neste mesmo ano en México e que poden ver no piso superior desta sala. Antía e María, animais; raposa e panteira negra xurdindo da natureza plena: das augas coralinas do Caribe Mexicano e dos seus bosques chuviosos: espazos compartidos detrás da cámara, espazos compartidos diante dela, experiencia en común, expresión común, admirada. Entre as dúas, cravada nun plano fixo, unha cámara fotográfica reflex, que por eses milagres da tecnoloxía, recolle, como nunca antes podería pensarse sen un equipo profesional de cine, á vez imaxe fixa e imaxe en movemento en alta definición.
Este diálogo
inexplicable entre fotografía e pintura, entre dúas expresións gráficas,
moi próximas finalmente na obra de ámbalas dúas, esa conexión, está
moi presente no exposto polas dúas artísticas, sen retórica ningunha: é
real, natural e apreciable tanto na obra exposta como na propia
montaxe. Flúe con naturalidade, sen imposturas, como un proceso lóxico
das mútuas influencias do acordo e da sensibilidade no ollar das dúas,
no compartir espazos en común, en vivilos creativamente.
Con esta exposición, o Espazo EMAO faise “maior”; son xa, con esta, seis mostras realizadas de exclusiva producción propia, buscando a conexión do feito creativo externo co proceso de formación desenvolvido nesta Escola. Conexión inexplicable remítenos tamén ás necesidades e anceios deste centro educativo centenario: acadar unha firme institucionalización das súas ensinanzas, que pasa pola conexión dos seus distintos obradoiros, polo contacto e experiencia común de docentes e do alumnado das diferentes disciplinas artísticas e artesanas que aquí conviven. Sirva esta mostra tamén para amosar, nas figuras e na obra de Antía e María, que ese diálogo non só é posible, senon que é imprescindible no proceso educativo, como elas poideron experimentar nese momento tan especial da súa formación persoal e artística que supuxo naquel ano 2003, sendo Erasmus galega e filandesa nunha Europa das persoas.
Ogallá a sensatez
e o amor polo ser humano e polas súas posibilidades relacionais e
creativas se impoñan nesta Europa que semella posuída polo espírito único do mercado; ogallá
que a ninguén se lle ocorra nunca máis dubidar das bondades e da
necesidade de posibilitar o intecambio dos nosos e nosas estudantes.
Aquel Erasmus no comezo deste século de María e Antía permítenos disfrutar hoxe dun importante diálogo creativo entre dúas artistas de dous países tan distintos e
tan distantes: elas e esta exposición son unha proba fidedigna de que o financiamento daquelas bolsas non foi un esforzo van dos
sufridos contribuíntes europeos.
Rafael Ojea Pérez
Director en funcións da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo
Ningún comentario:
Publicar un comentario