26 de xan. de 2016

In Memoriam da Científica Aida Fernández Ríos, Antiga Alumna de Artes e Oficios


Moitas cousas e todas boas dixéronse de Aida Fernández, a bióloga e académica viguesa, desde o seu falecemento o pasado 22 de decembro. Muller, científica, pioneira... Foi a primeira muller directora do Instituto de Investigacións Mariñas do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) en Vigo e promocionou ata o grado máis alto no CSIC, o de Profesora de Investigación. 
Traballaba na determinación do aumento do dióxido de carbono de orixe antropoxénica (causado pola acción do home) e no aumento da acidez na auga do mar, principalmente no Océano Atlántico. Publicou máis de 100 traballos de investigación, 92 deles en revistas do SCI (Scientific Citation Index), con máis de 3.000 citas, e é revisora de diversas publicacións científicas. Participou en máis de 50 conferencias internacionais. 
Foi presidenta do comité español do International Geosphere-Biosphere Programme sobre cambio global entre 2005 e 2011. O pasado mes de xuño foi nomeada membro da Real Academia Galega de Ciencias. Fernández Ríos converteuse na terceira muller en ingresar nesta institución.
Pouco máis podemos engadir nós a esta brillantísima traxectoria, truncada nun desgraciado atropelo que mantén aínda consternados a familia e amigos. Só destacar que Aida foi unha muller moi traballadora que consiguio todo a base de esforzo, compaxinando traballo e estudos. 
Aida tamén foi alumna de Artes e Oficios, a foto corresponde á ficha de matricula do curso 1968-1969, matriculouse en debuxo de figura e adorno, sabemos que gardaba moi bos recordos da nosa escola, que ata obtivo un premio en métalico a final de curso. Sempre dixo que os coñecementos obtidos fóronlle útiles no seu traballo. Nós, non podemos senón sentirnos orgullosos de que alumnos como Aida, un día formasen parte desta centenaria institución e de que algunhas das ensinanzas que aquí recibiu, fósenlle de axuda no seu desenvolvemento persoal e profesional.
Hoxe é Elisa, unha das súas sobriñas a que está connosco.

Académica Numeraria da Real Academia Galega de Ciencias

Ningún comentario:

Publicar un comentario