8 de nov. de 2018

Homenaxe de Domingo Villar á Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo

Foto de Faro de Vigo

O próximo mes de marzo chegará as librerías a última novela  do escritor vigués Domingo Villar, O Último Barco, que se publicará en galego (Galaxia) e en castelán (Siruela). De todos é coñecido que Villar é o creador do personaxe do inspector Leo Caldas protagonista das súas novelas anteriores, Ollos de auga e A Praia dos Afogados que gozaron dunha gran acollida por parte dos lectores, con numerosas edicións, foron traducidas a 15 idiomas,  mesmo se fixo a adaptación cinematográfica dunha delas  "A praia dos afogados".
Agora despois de varios anos de espera, chega O Último Barco que neste caso ten un valor engadido para nós, pois a nosa centenaria Escola de Artes e Oficios será un dos escenarios nos que se desenvolve a novela.
Nós temos que agradecer a Domingo Villar a homenaxe que fai á nosa Escola na entrevista que publica Faro de Vigo, por iso reproducimos aquí as súas palabras:  

"É un dos lugares dos que os vigueses deberiamos estar máis orgullosos e, con todo, para a maioría non é máis que un edificio silencioso. Sinto que a miña obrigación ao escribir é tamén facer de altofalante e lembrar que temos na cidade unha xoia como esta"

Non podemos estar máis de acordo. Grazas Domingo Villar polo teu recoñecemento. 
Esperamos ansiosos O Último Barco

Ningún comentario:

Publicar un comentario