26 de feb. de 2011

EXPOSICIÓN " VIGO, SÉCULO XIX: O NACEMENTO DUNHA CIDADE "

Museo Municipal Vigo "Quiñones de León"

Inauguración este venres da exposición "Vigo, século XIX: o nacemento dunha cidade" no  Museo da Cidade "Quiñones de León". Integrada por 110 obras orixinais e con música creada especificamente para acompañar as visitas, poderá visitarse ata o 26 de febreiro de 2012. A exposición aborda o primeiro século de Vigo como cidade, de 1810 a 1910, de xeito que recolle o "extraordinario pulo" que transforma unha vella vila na gran cidade que é hoxe. 
Vigo, século XIX: o nacemento dunha cidade, está articulada a través das salas do museo. 
A primeira, "Unha vila tranquila ao sur", está dedicada á Reconquista, que motivou a concesión do título de cidade.
Na segunda sala, "Como eramos, como nos viron", evócase a pequena vila que se converte en cidade en 1810, dende as representacións dos pintores que visitan Vigo até grandes literatos como Julio Verne.
A terceira sala da mostra, "Salón de Próceres", está dedicada á memoria dos personaxes senlleiros do século XIX vigués. Nela preséntase por primeira vez, completamente restaurada, a galería completa de retratos históricos do museo, entre os que destacan José Elduayen, Ángel Urzáiz ou José García Barbón.
A cuarta sala, centrada na "Caída das murallas", axuda a comprender o crecemento urbanístico de Vigo nesa época, mentres que a quinta, "Mar de Vigo. O desenvolvemento económico", presenta os principais aspectos do crecemento económico da cidade a finais do século XIX e principios do XX, centrado na expansión do comercio e a industria. 
Asemade, tamén inclúe, Vigo tamén se divirte, que lembra os teatros e cafés que existiron na Cidade Olívica.

Ningún comentario:

Publicar un comentario