Co gallo da celebración do Día das Letras Galegas, dedicado na edición
deste ano á figura do político, empresario, investigador, poeta e editor
Valentín Paz Andrade, a Fundación Barrié programa a exposición A Galicia do Galicia (1922-1926), na súa sede da Coruña dende o mércores 2 de maio até o 1 de xullo.
Valentín Paz Andrade, xunto a Antón Villar Ponte e Xosé García Acuña,
animados pola achega económica do cónsul de Chile en Vigo, Ernesto Cádiz
Vargas, dan forma ao proxecto dunha cabeceira xornalística, subtitulada
Diario de Vigo, que pretendía ser un xornal de toda Galicia cun espírito liberal, independente e galeguista. Entre o 25 de xullo de 1922 e o 15 de setembro de 1926, Galicia contou cun xornal moderno que prestou atención á composición das súas páxinas, á opinión crítica
presente nos seus editoriais, e ao humor, probablemente caso único en toda a prensa
peninsular da época, onde a caricatura funcionaba como contrapunto ao
editorial.
O Galicia. Diario de Vigo converteuse, malia a súa curta
existencia, no máximo referente modernizador nos eidos xornalístico,
intelectual e artístico na Galicia da década dos anos 20 e as súas
páxinas gardan sen dúbida moitas das claves para entender o noso ser
común.
A mostra, a través de debuxos, carteis, documentos, publicacións,
cartas, obxectos persoais, fotografías, audiovisuais e caricaturas, a
maioría inéditos, e exemplares orixinais, rende homenaxe a unha das
cabeceiras de prensa máis avanzadas e significativas da historia
xornalística de Galicia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario