2 de maio de 2012

TOÑO CAMUÑAS NO HALCÓN MILENARIO


De 4 de maio ao 1 de xuño, exposición de Toño Camuñas no Halcón Milenario, rúa Cervantes, 18, 1º, en horario de 20,30 a 23,30.

"A pintura de Toño Camuñas é unha aberración reflexo da distorsión que proxecta o noso mundo e da angustia pasada de vivir ao límite das posibilidades da moral, a falsa moral e definitivamente a non moral. A moral da supervivencia e intemperie que impera no submundo de yonquis, putas e vellos lobos de mar tatuados ata a medula e cos ollos desorbitados pola traxedia humana, que, nada novo, se calca a si mesma a través dos séculos.
Esta narrativa subtérranea, do inframundo máis ben, baséase nun fluír continuo a través de diferentes realidades matéricas e niveis simbólicos de significación, mergullándonos cada unha destas estampas diabólicas nunha situación e estado de ánimo totalmente inéditos e matizados pola ponzoña suxerida, desatinada e letal. Postais do subconsciente desordenado, representacións de enerxía oculta e en xeral tóxica.
Algunhas desas imaxes esperan a Camuñas nos muros das rúas de Berlín, onde os arrinca para a súa posterior intervención, no mercado da Lagunilla do DF ou voan directamente desde o Afastado Oriente, para que este artista madrileño e nómade alague as estampas de arte erótica xaponés de tebra e fantasías opiáceas que recrean os soños máis perversos do esperpento que tanto habitou en Goya ou en Grosz".  (Texto de Rubén Bonet)


Ningún comentario:

Publicar un comentario