08/06/2012

UNHA OPORTUNIDADE QUE NON DEBEMOS PERDER

Foto de Fernando Collazo

Hoxe é venres, por fin! que dirían algúns. Logo dunha semana canto menos rara, con algún que outro sobresalto, queremos confiar na boa vontade daqueles que toman as decisións sobre a nosa centenaria escola, unha institución singular na provincia de Pontevedra que forma parte do patrimonio da nosa cidade e que está na memoria colectiva de Vigo.
No momento da súa creación veu encher o baleiro na formación da clase obreira que existía no sistema educativo, os seus obxectivos foron a formación técnica dos obreiros, o perfeccionamento dos seus oficios e a compensación das carencias educativas de moitos dos seus alumnos, pero o feito indiscutible é que contribuíu de xeito decisivo ao desenvolvemento ecónomico e cultural da cidade.
Hoxe, 125 anos despois, seguimos aquí, a escola como a nosa sociedade foi evolucionando, pero sen perder os seus obxectivos, dentro destes muros centenarios, un colectivo de persoas traballan día a día no mantemento e revalorización dos oficios artesáns e artísticos. Nada hai máis satisfactorio para os nosos mestres que constatar a capacidade que ten a educación para mellorar o mundo que nos rodea, como estes oficios artesáns conseguen a transformación da materia, sexa esta un lenzo, a madeira, a arxila, o coiro, o papel, o metal, os fíos de liño ou a tea, nun obxecto cultural válido para acrecentar o saber, o goce estético ou a coidada funcionalidade das cousas que nos rodean.
Hoxe, esta escola supón o mantemento duns ensinos que Vigo non pode permitirse o luxo de perder, unha ponte entre o pasado e o futuro. Nestes tempos en que só se nos aseguran penurias e calamidades, sexamos ousados apostemos polas nosas mans, polo traballo de calidade, pola arte e pola beleza, senón é así que nos quedará cando pase este "tsunami"? Sería bo recordar as palabras do escritor inglés G.K. Chesterton ..."Hai algo que dá esplendor a canto existe, e é a ilusión de atopar algo ao virar a esquina" ... Que atoparemos nos?
Para poñer imaxes a estas reflexións nada mellor que a mirada dun alumno, Fernando Collazo, que con estas fotos traballadas axunta o pasado e o presente, a nosa  hemeroteca baixo as novas técnicas do fotoshop.
Feliz fin de semana a todos!!!





Ningún comentario:

Publicar un comentario