30 de nov. de 2012

Exposición no Espazo Emao "O Cadro Colga da Parede coma unha Arma de Caza ou un Sombreiro"


Esta tarde exposición no Espazo EMAO:
"O cadro colga da parede coma unha arma de caza ou un sombreiro"
 
30 de novembro de 2012 - 18 de xaneiro de 2013
Inauguración venres 30 de novembro de 2012 ás 19:00 hs.
Un proxecto de Ania González coa colaboración de escoitar e Tayone.

“O cadro colga da parede coma unha arma de caza ou un sombreiro”. A partir desta frase pertencente ao texto de Martín Heidegger A orixe da obra de arte, este proxecto pretende averiguar, a través dunha montaxe expositiva, canto de cousa hai nun obxecto artístico e canto de obxecto artístico hai nunha cousa.
Elixiuse este texto polo que representa como base dunha reflexión aínda hoxe activa: ¿Qué é o que diferencia as obras de arte dos obxectos útiles?. Esta cuestión, que se atopa mesmo na fundación da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo a finais do século dezanove e no propio xurdimento do movemento “Arts and Crafts,” (Artes e Oficios) en Inglaterra, polas mesmas datas, supón, ademais, unha magnífica ocasión para recurrir a un exercicio de interpretación textual que nos sirva de guía e acompañamento na experiencia estética e pedagóxica que nos ofrecen os utensilios e as obras que xorden dos diferentes procesos de traballo que se dan nas aulas da nosa Escola.
Tomando coma punto de partida os conceptos de Mestre e de Arte preséntase de forma visual e sonora o espazo da Escola de Artes e Oficios, no que ambos se atopan, coma o lugar onde se producen obras que tratan de ocuparse de cuestións coma a beleza e a trampa simbólica e utensilios que han de ser útiles, sólidos e fiables ademáis de fermosos.
Esta montaxe pretende visibilizar cómo esta división de ordes no eido artístico dá lugar á diferenciación entre Arte e Artesanía e por ende ao reparto de materias impartidas na Escola, aínda que tanto as obras producidas polas Belas Artes coma os utensilios producidos polos Oficios Artísticos comparten a mesma cualidade: a de ser, ambas, Cousas (unha materia que se mantén cunha forma), implicadas todas elas na mesma medida, con nós, na construcción de mundo e ás que só o seu valor simbólico convírteas en suxeitos da Arte capaces, xa non só de construir, senón de abrir mundo, ante nós.
A montaxe expositiva acompáñase dun proxecto editorial e varias sesións de discusión con persoeiros do eido profesional do Deseño, a Filosofía e a Arte Contemporánea que se presentarán durante a inauguración. Espazo EMAO/Sala de exposicións da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo.
 
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario