02/04/2014

Exposición de Elena Colmeiro "Sen Título" no Museo de Pontevedra



Este venres, 4 de abril, ás 20:00, inauguración no Museo de Pontevedra da exposición da ceramista Elena Colmeiro (Silleda, Pontevedra, 1932), na presentación da misma participará Miguel Vázquez, o noso mestre de cerámica artística.
Esta exposición está formada por 47 obras realizadas desde finais dos anos sesenta ata a actualidade. Nela apréciase como a artista loita por conseguir que a cerámica se converta nun máis dos materiais escultóricos, desvinculándoa do seu tradicional uso utilitario. Tamén se pode apreciar nas súas obras o papel fundamental que ten xogado a súa fascinación polas fábricas, os materiais industriais, os cemiterios de refugallos, os crisois… todo ese mundo proporciónalle formas e cores. O material refractario, o carbono de silicio ou o ladrillo sérvenlle para poder expresar as ideas que xorden na súa cabeza. A valoración do fragmento que fora rexeitado, tanto de material industrial como de pezas cerámicas súas, adquiren un novo significado ao seren introducidas en novas obras e reiteran a súa idea de acumulación constante de experiencias. 

Xa temos o catálogo da exposición na biblioteca!


Ningún comentario:

Publicar un comentario