14 de abr. de 2014

Gañadores do VII Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado



A obra titulada "Ícaro", do ilustrador Federico Delicado, foi distinguida co VII Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado, dotado con 9.000 euros e a súa publicación nas cinco linguas peninsulares o próximo mes de outubro. Trátase dun texto "moi contemporáneo", segundo o xurado, que o definiu como un traballo "para pensar e sentir" pola súa capacidade para "espertar as conciencias, sendo provocador e esperanzador á vez". 
Ao VII Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado presentáronse 255 traballos dunha "alta calidade", procedentes de 21 países. Ademais de acordar por maioría que "Ícaro" sexa a obra ganadora, o xurado declarou finalista o álbum titulado "Sonho com asas", das portuguesas Fátima Afonso e María Teresa Martinho Marques, de Setúbal e Azeitao, respectivamente. Pola súa calidade, o xurado recomendou a edición de "Antoni Gaudí", de Dàlia Adillón Mars, da localidade barcelonesa de Vic; "Pescadoras", de Nadia Graciela Menotti Ayala, de Bos Aires; e "Máquina Balea", de Federico Fernández Alonso e Germán González Pintos, de Vigo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario