23 de xan. de 2012

A EDITORIAL ELVIRA INAUGÚRASE CO POEMARIO "PON BEIZOS NA HERBA" DE DAISY VILLALOBOS



Desde este blog animámosvos a ir á presentación de Editorial Elvira e do seu primeiro libro: o poemario titulado "Pon beizos na herba" da autora Daisy Villalobos, que se inclúe dentro da colección Detrás do Marco, coa que comeza esta viaxe pictórica-literaria.
A Editorial Elvira nace co propósito de continuar a tradición que une arte e literatura, volvendo ás orixes que deron lugar ao concepto de "libro obxecto" nos anos vinte. Considerando o libro parte da nosa natureza, custodio idóneo da linguaxe, predicador inesgotable de cultura e coñecemento.
A colección con que se inicia esta andaina editorial ten por nome "Colección Detrás do Marco", e constará tanto de textos poéticos como de relatos curtos. Non pretende abarcar grandes mercados, senón buscar ese carácter íntimo e exclusivo dos libros de artista. Desta forma, quere ofrecer ao lector unha obra completamente artesanal, realizada mediante medios serigráficos, cuxas edicións non superarán os 300 exemplares, cada un dos cales irá numerado e asinado polo escritor e o artista, dándolle o seu valor de orixinal a cada exemplar, e converténdoo, así, nun obxecto de coleccionista. Para conseguir este propósito foi, e é, necesaria unha estreita colaboración entre o editor, o artista e o escritor, que garante a profesionalidade e prestixio de todos e cada un dos libros que publique esta editorial. 

A presentación terá lugar o día 27 de xaneiro, ás 21:00 h, no local Detrás do Marco (rúa Londres, s/nº), situado detrás do Museo de Arte Contemporánea, en Vigo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario