30 de mar. de 2012

EXPOSICIÓN FOTOGRÁFICA DE NACHO ALONSO NO HALCÓN MILENARIO

 Vigo, rúa Cervantes, 18.

O Halcón Milenario  presenta a primeira exposición en Vigo de Nacho Alonso, fotógrafo de extraordinario talento que en "Ensaio sobre a Noite" mergúllase nas profundidades, para capturar imaxes que asombran e seducen, tanto pola súa temática como pola súa técnica. Recomendámosvos a visita a esta exposición, que se inaugura hoxe, venres 30 de Marzo ás 20:30, e poderase ver cada venres do mes de abril no mesmo horario (20:30 a 23:30). ¡Non vola perdades!

A ESCOLA DE ARTE E SUPERIOR DE DESEÑO RAMÓN FALCÓN DE LUGO INAUGURA CANLE EN YOUTUBE


Os compañeiros da Escola de Arte e Superior de Deseño de Lugo  fannos participes da seguinte nova:
Invitámosvos a que coñezades unha mostra do que se está facendo na Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón de Lugo a través da nosa canle en youtube (www.youtube.com/user/ramonfalconlugo), recentemente inaugurado. Encantaríanos que estivésedes subscritos para coñecer de primeira man todas as novidades que vaiamos incluíndo. Facemos tamén fincapé en que visitedes a nosa web (http://www.escoladeartelugo.com) para saber máis sobre nós.
Esperando que nos consideredes un centro de interese para a vosa actividade, aproveitamos a ocasión para remitirvos un saúdo.
Imaxe promocional de Ramón Falcón: http://youtu.be/QZf6l0z0dmA

27 de mar. de 2012

"A VIDA É UN ACCIDENTE" EXPOSICIÓN DE ALBERTO GRANADA DETRAS DO MARCO

 
Inauguración venres día 30 de marzo, a partir das 20:30 hrs.
Coa actuación en vivo de CLAVE DE FADO

Alberto Granada (Zaragoza, 1970), antigo alumno de serigrafía artística na nosa Escola, inaugura exposición este próximo venres en Detrás do Marco Café (rúa Londres, Vigo). A mostra consta de 15 orixinais que se poden ver dende o 26 de marzo ata o 29 de abril.
Alberto provén do mundo do cómic e a ilustración, onde recibiu varios galardóns e realizou diferentes publicacións. Viviu e pintou en Zaragoza, París, Alcalá de Henares e Vigo. Galicia adoptoulle no 2007, realizou exposicións individuais en Vigo, Zaragoza, Monforte de Lemos, Monçao (Portugal) e A Coruña. O ano pasado presentou no Museo Pazo de Tor a instalación "Lois Pereiro no Pazo de Tor", primeiro proxecto seleccionado pola Rede Museística Provincial de Lugo, dentro do proxecto "Espazos públicos de visibilidade".
A súa pintura viaxa desde o surrealismo figurativo e simbolista á abstracción máis colorista, pero sempre cun pouso escuro e dramático, herdanza dos tempos convulsos que nos tocou vivir.
Contacto: alberto.granada@hotmail.com                             
Fans: http://www.facebook.com/#!/pages/Alberto-Granada-painter/226041204113191

26 de mar. de 2012

EXPOSICIÓN "WORK IN PROGRESS" DE MIGUEL VÁZQUEZ



O próximo día 30 de marzo, ás 20,30 h. tera lugar a inauguración da exposición "Work in Progress" de Miguel Vázquez, o noso mestre de cerámica artística, na Aula de Cultura Ponte de Rosas, avd. da Feira, 10, Gondomar. A mostra poderase visitar ata o día 16 de maio de 2012, en horario de 19 a 21 h.

"THE SEPTEMBER ISSUE" DOCUMENTAL : MODA + ARTE

 

THE SEPTEMBER ISSUE 
DOCUMENTAL: MODA+ARTE
Mércores, 28 de marzo de 2012, ás 20.00 horas

Para pechar o ciclo de conferencias Historia da Moda e a súa relación coa Arte, o  Museo de Arte Contemporánea Gas Natural Fenosa presenta este documental sobre Anna Wintour a lendaria editora xefe da revista Vogue e a figura máis poderosa e influente do mundo da moda.
Cun look moi definido, sempre escondida tras a súa característica melena e as súas soadas lentes de sol, nunca ata este momento permitira que ninguén se penetrase nas reviravoltas da súa redacción. Agora, o realizador R. J. Cutler introduce ao espectador nun mundo que ata ese momento cría coñecer.
Ano tras ano, cando chega agosto, a xente corre aos quioscos para facerse co número de setembro de Vogue. A edición do ano 2007 foi, e aínda hoxe segue sendo, a máis grande da historia, R. J. Cutler descóbrenos todo o que aconteceu durante a súa preparación.

EXPOSICIÓN "TERRITORIOS INDIVIDUALES" DE ESTHER F. E O GRUPO SOL PONIENTE


O próximo venres, 30 de marzo, ás 18,00 h, inauguración da exposición "Territorios individuales" que permanecerá na sala de exposicións do BBVA ata o 27 de abril de 2012. Nesta mostra participan catro antigas alumnas da nosa Escola: Esther F. con serigrafías e pinturas e o colectivo Sol Poniente, formado por Alicia, Olalla OFL e Yellice que expoñerán: ilustracións, pintura, serigrafías e gravados.
Lugar: Sala de Exposicións do BBVA, avd. García Barbón, 2, 2º andar. Vigo.
Horario: Luns a venres de 17:00 a 21:00 h.
Máis información nos seguintes blogs:

25 de mar. de 2012

DÍAS EUROPEOS DA ARTESANÍA, 30, 31 DE MARZO E 1 DE ABRIL



¡Descobre os segredos do sector artesán! Tes 3 días para entrar nun mundo fascinante de creación e saber facer e descubrir os bastidores da artesanía. Xornadas de portas abertas, demostracións de oficios, exposicións, etc. ¡Benvido ao mundo artesán! Máis información...

24 de mar. de 2012

THE JOY OF BOOKS


Chegou o fin de semana, déixovos un divertido video, feito nunha librería de Toronto. Espero que vos guste.

23 de mar. de 2012

ARKITYPO, A HISTORIA DA TIPOGRAFÍA CONTADA EN 3D



Arkitypo é un proxecto de investigación entre a Escola Ravensbourne e o estudo de deseño Johnson Banks cuxo obxectivo é levar ao límite a tecnoloxía mediante a xeración rápida de prototipos de alfabetos en 3D. Para cada tipografía levouse a cabo unha extensa investigación, con debuxos e maquetas cos efectos visuais 3D. O resultado, compróbao por ti mesmo no  vídeo.

22 de mar. de 2012

NOVA EXPOSICIÓN NO HALCÓN MILENARIO "ENSAYO SOBRE LA NOCHE"


O venres 30 de marzo inaugúrase no "Halcón Milenario", rúa Cervantes 18, Vigo, esta gran exposición, non vola perdades!

Imaxes da Inaguración da Exposición "Artesanía, Música e Tradición. A Colección de Antón Corral"

Artesanía, Música e Tradición. A Colección de Antón Corral on PhotoPeach


Onte, mércores 21 de marzo, foi a inauguración da mostra "Artesanía, Música e Tradición. A Colección de Antón Corral", no Espazo Emao, a sala de exposicións da Escola Municipal de Artes e Oficios, o acto estivo presidido polo Alcalde de Vigo, Abel Caballero, e contou coa asistencia de númeroso público e a actuación dun grupo de alumnos da Escola Municipal de Música Folk e Tradicional, temos que destacar tamén a intervención de Federico Fernández como un dos comisarios da exposición e especialmente a presenza imprescindible de Antón Corral, profesor xubilado da escola, construtor de instrumentos musicais e mestre de músicos como Carlos Núñez, Budiño, Anxo Pintos, etc. sobre cuxo legado baséase a exposición.

21 de mar. de 2012

NOVAS INCORPORACIÓNS AO FONDO MODERNO DA BIBLIOTECA DA EMAO


A Biblioteca da Emao segue incorporando novos títulos ao Fondo Moderno especializado en arte e oficios artísticos sempre co obxectivo de prestar o mellor servizo aos seus usuarios, sexan alumnos, profesores ou persoas interesadas nas disciplinas que se ofertan na nosa Escola. Tamén  recordarvos que temos unha pequena sección local en crecemento que nos achega a todos á historia, xeografía, socioloxía, etc. da nosa cidade. Esperámosvos!


INAUGURACIÓN DA EXPOSICIÓN "ARTESANÍA, MÚSICA E TRADICIÓN" NO ESPAZO EMAO DA ESCOLA DE ARTES E OFICIOS


A exposición “Artesanía, música e tradición. A Colección de Antón Corral”, fai un percorrido pola aportación do obradorio de Antón Corral á cidade de Vigo. Coincidiendo co Encontro Europeo de Orquestras Folk, hoxe, 21 de marzo ás 19 horas, abrirase ao público na sala de exposicións Espazo EMAO (Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo) esta mostra  poderá visitarse ata o vindeiro 4 de maio deste ano.
Esta exposición consta de dúas partes. Unha  adicada aos instrumentos musicais tradicionais recopilados por Antón Corral ao longo da súa carreira, e que hoxe forman parte da colección da Escola Municipal de Artes e Oficios; e a outra  recolle a relación deste constructor pioneiro en Galicia, coa antiga Universidade Popular e coa Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo, e o seu legado.
Con esta exposición quérese homenaxear a un home que formou parte desta Casa e que hoxe segue a traballar, xa xubilado, co mesmo anceio que antes, tanto na contrucción como na recopilación da nosa cultura musical. Máis información




FICHA DA EXPOSICIÓN 
  
Título: “Artesanía, Música e Tradición. A Colección Antón Corral”  
Comisariado: Federico Fernández, Carlos Corral, Ramón Casal e Xaime Rivas  
Datas: 21 de marzo ao 4 de maio de 2012  
Horario: de martes a venres laborables de 19 a 21 horas  
Lugar: Espazo EMAO. Edificio da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo. Entrada rúa Rosalía de Castro.  
Organiza: Escola Municipal de Artes e Oficios. Concellería de Educación. Concello de Vigo 



20 de mar. de 2012

RECITAL DE POESÍA NA HEMEROTECA DA EMAO


O pasado venres, 16 de marzo, tivo lugar na hemeroteca da Emao, un recital de poesía a cargo da novísima autora Daisy Villalobos que deleitou ao público coa lectura dalgúns versos do seu libro "Pon labios en la hierba" publicado pola editorial Elvira. O acto foi presentado polo noso director Rafael Ojea,  a autora estivo acompañada polo escritor David Pérez que fixo unha semellanza da traxectoria poética de Daisy Villalobos e por Pablo Villalobos que puxo fondo musical ao recital. Desde aquí, desexamos moita sorte a Daisy neste camiño da creación poética que acaba de comezar.


CICLO DE CHARLAS SOBRE A "HISTORIA DAS MULLERES DE GALICIA"


O Centro de Documentación e Recursos Feministas organiza un ciclo de charlas sobre a "Historia das mulleres en Galicia".Obra conxunta de cinco historiadoras galegas sobre o papel da muller desde a prehistoria ata a actualidade. Programa.

19 de mar. de 2012

RADIADOR, NOVA FIGURACIÓN EN GALICIA


INAUGURACIÓN
Venres, 23 de marzo ás 20,00 h.
Do 23 de marzo ao 24 de xuño
En Fundación Laxeiro, rúa Policarpo Sanz, 15, 3º

Horario: de luns a venres, de 18.00 h. a 21,30 h.
Sábados, de 11.00 s 14,00 h. e de 18, 00 h. a 21,30 h.
Domingos e festivos, de 11,00 h. a 14,00 h.
Visitas guiadas. Reservas en: fundación@laxeiro.es

"ARTE NO MORRAZO" XVII CERTAME ILTMO. CONCELLO DE CANGAS FRIGORÍFICOS DEL MORRAZO



Preséntase   XX Colectiva de Pintura e Escultura, XVII Certame do Iltmo. Concello de Cangas, Frigoríficos del Morrazo, con catro premios de 3.000 euros, tres deles para adquisición de obra e un en forma de Bolsa para poder ampliar estudos de Belas Artes, para "ampliar a convocatoria de apoio á creación a través dun impulso e estímulo á formación artística", a este premio poden concursar licenciados en BB.AA., tendo preferencia os da comarca do Morrazo.
O prazo de presentación de obras finaliza o 9 de maio de 2012. Cada artista poderá presentar unha ou dúas obras, orixinais e inéditas, nas modalidades de pintura e escultura.
Presentación: no Auditorio de Cangas do Morrazo
Arte no Morrazo, bases 2012

V XORNADAS AUDIOVISUAIS SOBRE CERÁMICA EN NIGRÁN


Este martes, 20 de Marzo do 2012, proxectarase: La Alfarería de Nijar y Alfar Mudejar s. XXI, as 19:00 h, no Centro Antena do Concello de Nigrán, dando así continuidade as "V Xornadas Audiovisuais sobre Cerámica"

"LA ALFARERÍA DE NIJAR"

Director : Matthew Weir
Ano : 2009
Duración : 49 minutos
Un documental sobre a cerámica de galena (chumbo ) que se realiza en Nijar. Os irmáns Gongora cóntannos as características desta alfarería, a súa tecnica , a evolución e a historia.

ALFAR MÚDEJAR S. XXI
Dirigida : Fernando Malo
Ano : 2009
Duración : 25 minutos
Alfar Mudéjar século XXI mostra a modo didáctico as diferentes fases da arcilla, as técnicas utilizadas e os procesos de restauración. O proxecto é un paseo pola historia da cerámica na arquitectura mudéjar.

16 de mar. de 2012

EXPOSICIÓN "AS ORIXES DO CÓMIC EN GALICIA" NO ARQUIVO DA CIDADE DA CULTURA DE GALICIA


"As orixes do cómic en Galicia" é o título da exposición que abre este venres, ás sete e media da tarde, no Arquivo da Cidade da Cultura. A mostra amosa o traballo de cincuenta creadores que viron publicada a súa obra no noso país entre 1880 e 1960, amosando traballos inéditos e levando luz a un período ata o de agora descoñecido para os investigadores deste ámbito.
A exposicíon, comisariada por Rosario Crespo, culmina un longo proceso de documentación e busca en arquivos de todo o país e recupera material publicado en revistas e xornais dificilmente accesible ata o momento.
O fondo histórico da Biblioteca da Emao estará tamén presente nesta interesantísima mostra, coa exposición de tres exemplares da revista Alegría que se editou en Vigo nos anos 1909 e 1910, era unha publicación quincenal, humorística e ilustrada, que se nomeaba "defensora imparcial dos intereses da localidade". Nosa biblioteca posúe a colección completa.






13 de mar. de 2012

FEDERICO FERNÁNDEZ SÓBESE Á ATALAIA


Federico Fernández (Fredi), noso mestre de debuxo, é o novo artista incorporado aos contidos da canle de arte contemporánea ATALAIA. Formouse na Facultade de Belas Artes de Pontevedra. Acadou o Premio Nacional de Ilustración no ano 2001, polo seu traballo para o libro "Onde perdeu Lúa a risa", editado por Kalandraka. En palabras de Javier Díaz Buján, director da Fundación Laxeiro, Vigo, "Fredi desenvolve unha actitude de pintor urxente que, malia a acidez da influencia punk, conserva un candor que lle permite recuperar, conservar e actualizar unha mirada infantil". Na actualidade é un dos dinamizadores do espazo alternativo El Halcón Milenario, en Vigo.

RECITAL DE POESÍA NA HEMEROTECA DA EMAO, VENRES, 16 DE MARZO.


Este venres, 16 de marzo, a partir das 18:30 h. esperámosvos na hemeroteca dá nosa escola, a nova poeta Daisy Villalobos recitaranos algúns versos da súa recente obra "Pon labios en la hierba", ela mesma fálanos da súa obra: ... "Pon labios en la hierba" é unha loita interior entre o meu eu poético e o real, onde as imaxes teñen todo o protagonismo, elas envólvenme, preséntanlleme ... eu só as describo, eu convivo con elas, co mesmo vínculo con que alguén está unido á súa propia sombra, unha sombra que che segue, que se che adianta, que non podes pisar e que, de cando en vez, nun espello, podes verlle o rostro, e estiras a man para tocala, e tócasche a ti mesmo... "Pon labios en la hierba", como toda a miña poesía (escrita ou non escrita aínda) é a miña propia sombra no espello. (Daisy Villalobos Leal).
Esta obra é a primeira da Editorial Elvira que se presento ao público o pasado 27 de xaneiro.
Máis información en la revista literaria  "En sentido figurado", páx. 33.

12 de mar. de 2012

ADEUS A MOEBIUS UNS DOS GRANDES DO CÓMIC CONTEMPORÁNEO




O pasado 10 de marzo faleceu en París Jean Giraud, alias Moebius, perdemos así a unha das figuras máis importantes e influentes do cómic contemporáneo.
Os seus debuxos alcanzaban en moitos casos o naturalismo académico perfecto. Noutras ocasións eran construídos por unha liña pura ou unha trama manual que definía os seus volumes, pero os universos creados pola súa imaxinación cobraban vida unha vez debuxados, axudados por un xenial estilo narrativo, sen dúbida froito do amor polo cine, no que tamén deixou pegada.
Máis información ...

9 de mar. de 2012

O AMIGO AMERICANO DA ARTESANÍA DO COIRO



O blog da Biblioteca quere facer un oco ao encontro que o noso mestre de Artesanía do Coiro, Pepe Pereira, tivo con Toni Laier, director do Departamento de Investigación e Desenvolvemento da Compañia Tandy Leather Factory, en Jerez de la Frontera (Cádiz).

Toni Laier

Toni Laier é un dos discipulos de Al Stohlman, o pai da recuperación do traballo do coiro nos EEUU, hoxe o seu labor na Tandy Leather Factory consiste no deseño de novas ferramentas e productos, xa sexan tutoriais, libros, videos, etc. En España dedicouse o venres 2 e o sábado 3 de marzo, a facer demostracións dos seus coñecementos, que son moitos e moi sabios. Pódedes ver aquí algúns exemplos.

Aplique rosa en tapa caderno
Mostra de Xeométrico e variacións
Mostra Floralcarving
Mostra Meander
Toni Laier pintando o cervo labrado

Para ver máis información: Artesanía do Coiro

8 de mar. de 2012

LIBROS PARA SOÑAR ACOLLERÁ MAÑÁ, 9 DE MARZO, UNHA SESIÓN DE CONTOS FELINOS NA QUE NON FALTARÁ UNHA HOMENAXE LITERARIA ÁS MULLERES


“O libro dos porcos”, do autor e ilustrador británico Anthony Browne, editado por Kalandraka, será un dos contos do repertorio da sesión de animación á lectura que se celebrará mañá venres, a partir das 18:30 horas, en LIBROS PARA SOÑAR. É un álbum que aborda cuestións como a educación en igualdade, sobre unha familia na que a nai deixa de atender as tarefas domésticas para que sexan o pai e os fillos os que es ocupen do fogar. 
LIBROS PARA SOÑAR: Triunfo, 1. Vigo.  

7 de mar. de 2012

O CONSELLO MUNICIPAL DE VIGO CONVOCA A MANIFESTACIÓN DO 8 DE MARZO "DÍA INTERNACIONAL DAS MULLERES"


Este ano o Consello Municipal da Muller de Vigo como símbolo da unidade do conxunto do movemento de mulleres nesta cidade convoca a manifestación o xoves día 8 de marzo baixo o lema: "Os dereitos das mulleres son os dereitos do mundo", que sairá ás 20:00 h da Farola de Urzaíz e rematará na praza da Constitución.


5 de mar. de 2012

8 MARZO, DÍA INTERNACIONAL DA MULLER


ACTOS DO DÍA INTERNACIONAL DA MULLER (8 de marzo de 2012) no Concello de Cangas.

CONCURSO DE MICROVÍDEOS POLO DÍA INTERNACIONAL DA MULLER, 8 DE MARZO DE 2012


Desde o 1 ao 31 de marzo está aberto o prazo para participar na convocatoria do Concurso de Microvídeos. As bases están disponibles no espazo web: http://www.igualdadevigo.org/concursovideos .   

EXPOSICIÓN DE 27 ACUARELAS DE ANTONIO HEREDERO NO CÍRCULO DE EMPRESARIOS DE GALICIA


A Sala de Arte do Círculo de Empresarios de Galicia acolle durante o mes de marzo, unha exposición do pintor Antonio Heredero (Madrid 1918-Vigo 2008). Ún total de vinte e sete acuarelas compón esta exposición, que foi inaugurada o 1 de marzo, ás 20:00 horas, e presentada por Francisco Pablos, da Real Academia de Belas Artes de Galicia. 

EVA DEL RÍO E XOSÉ ANXO VÁZQUEZ EXPOÑEN NA GALERÍA JAZZ DE VIGO



Comunicámosvos que dous alumnos de cerámica, Eva do Rio Salinero e Xosé Anxo Vázquez están expoñendo algunhas das súas pezas na Galería Jazz de Vigo, estas obras poden verse ata o día 13 de marzo. Animarvos a pasar por alí.
Lugar: La Galería Jazz, Ronda de Don Bosco, 21, bajo, 36203 Vigo
Horario: luns - Xov: 19:00 - 1:30, ven - b: 19:00 - 2:30


3 de mar. de 2012

CONVOCADO O IX PREMIO DE ARTESANÍA "ANTONIO FRAGUAS FRAGUAS"



A Deputación da Coruña convoca o Certame de Artesanía Antonio Fraguas Fraguas dirixido a artesáns que desenvolvan a súa actividade en Galicia e nas categorías de artesanía tradicional e artesanía contemporánea tanto a título particular como en agrupacións de varios autores, colectivos, asociacións, etc, que non foran premiados nas últimas tres edicións (primeiros premios). O Certame contempla dous premios de 4.500 eur en cada unha das categorías. Ademáis, tamén dispón dunha dotación de 15.000 eur para adquisición de obra.  As pezas premiadas, adquiridas e seleccionadas polo xurado formarán parte dunha exposición que recorrerá varios concellos da provincia da Coruña, da que se editará un catálogo.
Pódese participar ata con 6 obras, das que é necesario presentar unha ou varias fotografías de 20 x 25 cms. de cada unha pegadas sobre o soporte duhna folla de álbum que debe incluir o nome do autor, o seu enderezo, o prezo da obra (incluidos os impostos), as medidas aproximadas e a técnica empregada.
As solicitudes pódense presentar ata o 31 de maio do 2012.
Bases IX Fraguas, pdf

2 de mar. de 2012

"HASTA VACIARSE TANTO AQUÍ" É O NOME DA EXPOSICIÓN DE JUAN CARLOS MEANA NA GALERÍA BACELOS DE VIGO


Hoxe, venres, 2 de marzo, ás 20:00 h., inauguración na Galería Bacelos, da exposición individual do artista Juan Carlos Meana "hasta vaciarse de tanto aquí ". A exposición que leva por título este verso do poeta Hugo Mújica, presenta un conxunto de obras de diferentes disciplinas onde unha das preocupacións reiterativas do traballo do artista, tómase como eixo esencial: a sempre conflitiva relación entre o individual e o colectivo, aquilo que como suxeitos desexamos ou sentimos e a pertenza a un grupo ou colectivo que profunda e mostra os límites do identitario. Baixo este título preséntanse varios traballos consistentes nunha serie de fotografías que conforman imaxes de barcos aos que se lles engadiu palabras coma se fose parte dos seus útiles; un traballo sobre o muro da galería con varios elementos ao redor dun tepostero ou icona institucional; a proxección dun vídeo e de varias obras escultóricas.