O 22 de xuño ás 19,30 horas, inauguramos unha nova mostra da Sala de Exposicións da EMAO, que permanecerá ata o día 18 de setembro (agosto pechada).
Expo Fanzine GB5, é o resultado do proxecto de ideación e creación dun fanzine por parte de alumnado da especialidade de Serigrafía artística da Escola, baixo a coordinación do seu mestre, Nelson Villalobos.
Nela despréganse os orixinais que se inclúen na publicación, bocetos, obra serigrafiada e orixinal sobre papel ata un total de 50 obras individuais. A través das obras e instalacións e videos que compoñen a mostra, danse a coñecer tamén os procesos de desenvolvemento da idea, creación, producción e impresión desta publicación, que será presentada o día da inauguración da Exposición.
GB5 é o nome con que se bautizou ao fanzine elaborado no derradeiro trimestre do curso 2011-2012, no Obradoiro de Serigrafía artística da EMAO polo alumnado de primeiro curso desta especialidade, que será presentado o día de inauguración desta mostra.
A idea deste proxecto creativo e técnico, xurdíu de diversas conversacións na aula-obradoiro, sobre arte, arte urbana, a serigrafía como ferramenta de expresión artística, e sobre as posibilidades que, aínda hoxe, segue a ofrecer esta técnica no mundo da arte, da imaxe, da comunicación visual, da publicidade, do deseño, a moda, etc.
Con este proxecto quérese amosar a todo o mundo o que se fai neste obradoiro, o que o alumnado é quen de crear e transmitir; que mellor maneira de que os nosos traballos cheguen ao público en xeral que editalos nunha publicación sinxela, creativa e artística á par que artesanal.
Esa é a esencia do fanzine, unha publicación libre ao alcance de todos.
EXPO FANZINE GB5. Con esta nova exposición no Espazo EMAO da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo, preséntase publicamente esta edición, acompañada dunha zona didáctica na que se explica un pouco o proceso serigráfico realizado polo alumnado, a elaboración do fanzine, bocetos do mesmo e doutras obras, serigrafías, instalacións, video, etc. que resumen dalgunha maneira o que foi este primeiro ano de traballo en equipo, creatividade, ilusión, e sobre todo MOITA ARTE!!!.
A exposición, comisariada polo alumno da Escola, Santiago Zubizarreta, contou co asesoramento técnico e artístico do mestre da especialidade de Serigrafía artística da EMAO, Nelson Villalobos e do de Debuxo técnico e Volume e modelado, Federico Fernández, así como da antiga alumna desta especialidade, Yellice Rodríguez, que foi invitada a participar.
GB5 son: Alberto Ardid, Araceli Paz, Alberto Santos, Santi Zubizarreta, Iria Vázquez Costas, Ana Villegas, Esteban Bernárdez, Flor Villar, Xandra Costas, Marcos González, Ramón Lopez, Sergio Covelo Moreira y María Almazán, alumnado de Serigrafía Artística I da EMAO. Cada un dos integrantes colabora con dúas obras da súa propia autoría, con total liberdade de expresión e técnica.
Inauguración: 22 de xuño ás 19 horas
Datas: ata o 18 de setembro de 2012 (agosto pechada)
Horario: de luns a venres de 19:00 hs. a 21:00 hs.
Lugar: Espazo EMAO (Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo). Entrada polas rúas Pontevedra e Rosalía de Castro. Organiza: Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo (EMAO)
Máis información no blog dos alumnos de Serigrafía artística da EMAO
Ningún comentario:
Publicar un comentario