13 de feb. de 2013

O Entroido 2013

 
Onte na Emao tivemos a nosa pequena celebración do Entroido, este ano tocou maioritariamente o tema da sanidade.

O Entroido é unha celebración pública que ten lugar inmediatamente antes da cuaresma cristiá, con data variable (desde finais de xaneiro ata principios de marzo segundo o ano), e que combina algúns elementos como disfraces, desfiles, e festas na rúa. Por extensión chámanse así algunhas festas similares en calquera época do ano. Malia as grandes diferenzas que a súa celebración presenta no mundo, a súa característica común é a de ser un período de permisividade e certo descontrol.
As orixes das palabras que denominan a esta festa son: o termo "Carne Vale" (é dicir "o adeus á carne"), do que despois derivou a palabra "Carnaval"; ó termo "Introitum" (que significa "a entrada á Coresma”) do que vén a palabra "Entroido" ou "Antroido”.
O entroido fai referencia a unha época de "carne" , tomando o sentido literal da palabra. O Entroido quere significar, dende sempre, a volta ó mundo do revés, a subversión, a ruptura das convencións sociais e o cambio de roles. As características comúns destes días son o comer, beber e cantar, rirse do máis sagrado, é dicir , as cousas que non se fan habitualmente.
A celebración do Entroido ten probablemente a súa orixe en festas paganas, como as que se realizaban en honor a Baco, o Deus do viño, as saturnais e as lupercales romanas, ou as que se realizaban en honor do boi Apis en Exipto. Segundo algúns historiadores, as orixes das festas do Entroido remóntanse ás antigas Sumeria e Exipto, hai máis de 5.000 anos, con celebracións similares na época do Imperio Romano, desde onde se difundiu o costume por Europa. Tamén pode ter relación con Carna a deusa Celta das fabas e o touciño. Tamén estaría conectada con festas indoeuropeas, dedicadas ao deus Karna (que no Mahabhárata aparece como un ser humano, irmán maior dos Pándavas, fillo do deus do Sol e a raíña Kuntí). Algunhas persoas creen que a palabra carnaval fai referencia a unha suposta antiga tradición pagana na que se ofrecía carne ao deus Baal (carna-baal) nunha festa de onde todo vale.
En Galicia o Entroido celébrase dende sempre. Existen manifestacións dunha moi fonda tradición e que aínda perduran hoxe, especialmente na provincia de Ourense, e nalgunhas partes de Lugo, mesturando esas tradicións ancestrais con outros elementos máis novos.
Entreo os chamados "ritos de grupo" (a súa orixe e significado é descoñecida) pódense citar: os Cigarróns, as Pantallas, os distintos Peliqueiros, os Correos, os Xenerais, etc. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario