21 de xuño de 2013

A Noite de San Xoán


Na noite do día 23 ao 24 de xuño, e coincidindo co solsticio de verán, celébranse desde antigo unha ampla variedade de festas e prácticas rituais en moitos lugares de Europa, especialmente ó redor de fogueiras purificadoras, as fogueiras de San Xoán. Trátase dunha celebración anterior á chegada do cristianismo na que diferentes culturas festexan este acontecemento solar.
A noite de San Xoán é unha das festas máis importantes en Galicia. O ritual co que máis se identifica a noite de San Xoán son as fogueiras que se prenden na tarde-noite do día 23, tamén chamadas cacharelas, cachadas, cachelas ou lumeiradas. Durante os días previos, os mozos e veciños van amoreando diverso material nalgún lugar aberto e de paso público (prazas, encrucilladas ou, actualmente, praias) ata que, no comezo da noite, préndese lume entre a expectación de tódolos veciños. Nas horas seguintes, comen sardiñas á brasa e beben viño, cantando e bailando ó redor da fogueira e, cando esta está practicamente consumida, terminan saltando sobre as últimas lapas. 
Esta noite as plantas acadan o mellor das súas propiedades curativas e máxicas. Por iso, as mozas recóllenas para poñelas nun caldeiro con auga. Alí teñen que quedar ó orballo da noite e pola mañán tódos os membros da casa, en especial os nenos, lávanse con esta auga milagreira.

Ningún comentario:

Publicar un comentario