05/05/2014

Exposición: Ángel Mareque e a creación do taller de Ourivería na Escola de Artes e Oficios

Cartel da Exposición
  
EXPOSICIÓN
ÁNGEL MAREQUE 
E A CREACIÓN DO TALLER DE OURIVERÍA NA ESCOLA DE ARTES E OFICIOS
Espazo EMAO, DO 9 DE MAIO AO 10 DE XUÑO DE 2014.

A exposición quere poñer en valor esta figura do mundo artístico e artesano vigués reúne un centenar de obras de xoiería, escultura, pintura e ilustración de Mareque, dos seus discípulos e doutros artesanos coetáneos deste mestre pioneiro da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo.

A figura de Mareque representa a dun artista multidisciplinar que practicou o debuxo, a pintura, a talla escultórica en diversas técnicas (marfil, madeira, mármore, pedra ou acibeche), ata destacar no seu labor como ourive.
Nado en Santiago de Compostela en 1904, formouse entre a Escola de Artes e Oficios desa cidade e como aprendiz nos obradoiros do tallista Jesús Landeira e o mestre de pratería da Catedral, Ricardo Martínez. Procurando a estabilidade laboral de xuventude conseguiu unha praza como cobrador na empresa dos Tranvías de Vigo e asentouse coa súa esposa, Gabina, na nosa cidade. Durante máis de vinte anos compaxinou este traballo coa vocación artística como caricaturista (publicando nos xornais El Pueblo Gallego, El Faro de Vigo ou Vida Gallega) e pintor (participando no I Salón de Artistas Noveles de Vigo no 1931 e acandando unha bolsa de estudos de pintura da Deputación de Pontevedra co mestre e artista cubano asentado en Vigo, Abelardo Bustamante).
A comezos da década dos 40 do século XX Mareque abandona a súa actividade como tranviario para consagrarse á actividade artística, aínda que nese momento se centrou na talla escultórica, retomando a súa formación compostelá. A talla en marfil e acibeche son a base da posta en funcionamento dun obradoiro de ourivería na rúa Carral. En 1945 gaña o Concurso Rexional de Artesanía por unha talla en mármore, mentres que o crítico de arte Romero Archidona se lamentaba da falta de escultores na cidade e referíase a Mareque como "eterna mariposa de flor en flor de las artes con muy contadas obras y muchos apremios realizados". En febreiro do1946 consegue a praza de profesor na Escola de Artes e Oficios de Vigo na "Sección de Aprendizaje del Obrero, Prácticas de Orfebrería - Taller", e comeza así o Curso de Ourivería que incluía a talla en marfil, acibeche e cicelado de metais. Polas súas aulas pasarán algúns dos alumnos que seguirán a súa estela artística como Delfín Hermida Comesaña, Perfecto Marcos Romero, Antonio Dávila Cons, Xoán Piñeiro, Eduardo Álvarez Blanco, José Pinilla Calvo, Jorge Moreira, Juan Alcántara Vilar, Guillermina Fernández, etc.
Instalado como escultor-ourive, Mareque comeza a definir a súa obra a finais dos anos 40, primeiro xunto ao ilustrador pontevedrés José Sesto López. O obxectivo de Mareque era incorporar a tradición do acibeche e eboraria compostelá na cidade de Vigo, tomando como punto de partida as ilustracións que Sesto fixera para o Libro de Santiago, xunto a Filgueira Valverde no ano 1948. Mareque advertía que dentro dun ano se verían en Vigo, facendo xogo coas cen poesías de Chuchi Kruckemberg, "cien azabacheros que prolongarán hasta el Atlántico la venerable tradición de la azabachería compostelana".

Durante as dúas décadas seguintes Mareque compatibilizou o labor docente na Escola de Artes e Oficios co novo obradoiro da rúa Marqués de Valladares. Centrado na produción de pezas de ourivería por encargo, nas que contaba coa colaboración do seu alumno Perfecto Marcos, non deixou en ningún momento de achegarse á produción escultórica en materiais tradicionais.

Afastado da produción ou exhibición artística, Mareque apenas se prodigou en exposicións aínda que mantivo unha creación fértil que lle permitiu participar en exposicións como a de Santiago xunto a Sesto (1949), a do Gran Hotel de Vigo (1954), a Exposición de Arte Regional celebrada en Castrelos e onde foi premiado pola composición escultórica, Composición (1960) ou a conmemorativa do Salón de Artistas Noveles no Círculo Mercantil (1961). Só ao final da súa carreira interviu na exposición da súa obra, xunto ao compañeiro do denominado Grupo Artístico Vigués, Alberto Freire Portas, na que expuxo 23 esculturas en madeira, terracota e cobre esmaltados na sala da antiga Caixa de Aforros Municipal de Vigo (1970). Anos despois foi seleccionado nas primeiras dúas edicións da Bienal de Arte de Pontevedra por dúas esculturas, San Francisco en 1971 e Orfos e Carantoñas en 1972.

Mareque morreu no ano 1974 e a praza de docente na Escola ocupouna o profesor Eduardo Álvarez Blanco, que continuou este labor de formación artística ata a actualidade.

Exposición:
Idea, producción e montaxe: Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo, 2014
Comisario: José Luis Mateo Álvarez

Ningún comentario:

Publicar un comentario