26 de set. de 2016

130 Aniversario da creación da Escola de Artes e Oficios de Vigo


Hoxe estamos de aniversario, un día como hoxe hai 130 anos inaugurabase na antiga rúa do Circo, a Escola de Artes e Oficios. A Escola foi unha iniciativa da Sociedad de Socorros Mutuos "La Cooperativa" presidida por Manuel Diego Santos. O 26 de setembro de 1886 verificábase a apertura do primeiro curso nun acto solemne presidido polo ex ministro da Primeira República, Eduardo Chao, que fixo o discurso inaugural.

Enterro de Manuel Diego Santos, en maio de 1911,  fotografiado por José Gil
A sociedade viguesa de 1886, en plena expansión e desenvolvemento industrial e comercial, necesitaba dunha instrución técnica para os cadros que a estaban formando, desde os obreiros ata a burguesía emprendedora; tamén a mellora das condicións ecónomicas e sociais dos obreiros constituía un dos obxectivos do centro. 
Desde o 10 de outubro de 1888 o Concello de Vigo faise cargo da Escola convertendose nun establecemento municipal de ensino, con subvencións puntuais da Deputación, do Estado e dalgúns cidadáns.

Eduardo Chao e José García Barbón

No ano 1900, despois de 14 anos, a Escola abandona a sede da rúa do Circo para trasladarse ao edificio que actualmente ocupa: un encargo de José García Barbón ao arquitecto Michel Pacewicz. Para levar a cabo este proxecto, García Barbón doou os terreos, costeou o edificio e completou a súa doazón con material de ensino, maquinaria e libros para formar a biblioteca que aínda hoxe existe e que no seu momento foi a primeira biblioteca pública da cidade. Sempre coa convicción de que sería para o beneficio da clase obreira a "cuya instrucción, cultura y progreso van unidos el progreso, adelanto y cultura de los pueblos"

En 1904, García Barbón amplía o centro coa construción do chamado edificio “anexo” onde se instala a Escola Superior de Artes e Industrias; nese mesmo ano fai entrega ao Concello da “Escritura de doazón” dos dous edificios.

 
A Escola contribuíu ao desenvolvemento industrial, comercial e cultural da cidade desde finais do século XIX. Aspectos como o número de alumnos e alumnas que se matriculaban cada ano, o amplo campo laboral ao que pertencían, con representación de todos os oficios, o interese das empresas e das sociedades de traballadores, etc. en fomentar a asistencia á escola, a presenza desta na prensa, con noticias e artigos sobre o centro, demostran a importancia desta institución para o progreso da cidade. Os momentos de maior auxe da Escola coinciden cos anos de maior impulso industrial e maiores inquedanzas da cidade. É, nos anos comprendidos entre 1900 e 1939 cando a Escola acada o momento de máxima contribución á formación da clase obreira.

No período posterior á Guerra Civil, prodúcense unha serie de cambios, que inclúen a expulsión dalgúns profesores e empregados do centro, a supresión da coeducación e a censura na biblioteca.

A finais dos anos setenta o concello decidiu revitalizar a Escola; no ano 1982 seguindo o exemplo doutras cidades converteuse en Universidade Popular. Isto supuxo a incorporación de actividades formativas e de animación sociocultural: música moderna e tradicional, video, artes gráficas... que se desenvolveron en paralelo con as especialidades da antiga Escola de Artes como Talla en madeira, Pintura, Debuxo, Repuxado en coiro, Encaixe de Palillos, Ourivería ou Cerámica... Neste período, dos cursos de gaita saíu en 1984 a Banda de Gaitas Xarabal. Tamén en 1996 comeza a súa andaina no Centro o Conservatorio de Música Tradicional --hoxe Escola Municipal de Música Folk e Tradicional (E-Trad)-, no que se crea a Orquestra Folk Sondeseu.

Nos inicios do século XXI leváronse a cabo importantes reformas nos edificios da Escola. No ano 2003, xa normalizada a situación, o Concello levou a Pleno a iniciativa de que o centro recuperase o seu antigo nome de Escola de Artes e Oficios, porque a Escola é unha institución moi arraigada na cidade, existe unha relación moi intensa entre a Escola e a sociedade viguesa da que forma parte. 

A Escola segue a ser un reflexo da vida da cidade e exerceu no pasado unha grande  influencia sobre a súa contorna, ata o punto de que Vigo non sería o mesmo sen a existencia da súa Escola de Artes e Oficios. 
Dende hai algúns anos a Escola vén poñendo en práctica unha serie de cambios programáticos e organizativos co firme propósito de actualizala e darlle un sentido acorde coas necesidades que demanda a sociedade viguesa do século XXI.

Na actualidade, a centenaria Escola é un centro de ensinanza para adultos, non regrada, cun programa que abrangue materias moi diversas desde o ámbito das belas artes ata os oficios máis artesanais, cunha orientación máis profesional. Salientar que o centro conta, desde o ano 2011, cunha sala de exposicións, O Espazo Emao, un equipamento necesario para abrirnos cara á cidade como centro formativo e ensinar o que temos que ofrecer como colectivo, cunha oferta expositiva variada para atraer a un público amplo e activo.

No ano 2015 aprobase un novo plan de Estudos, que comeza a súa andaina no curso 2015- 2016, coa intención de que a nosa centenaria Escola poda cubrir un lugar de oportunidade inédito, situado entre a demanda de formación profesional regrada en Arte e Deseño e a animación socio-cultural: o lugar dunha institución municipal de carácter educativo non formal, con fonda repercusión cultural no seu contorno e na que primen a búsqueda da excelencia, a interdisciplinariedade, a creatividade e a formación sistemática para a construción individual dun entorno persoal de aprendizaxe permanente entre os seus egresados.


A Escola Municipal de Artes e Oficios ten unha ampla presenza en Internet.

Ningún comentario:

Publicar un comentario