26 de set. de 2017

131 Anos da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo


Hoxe estamos de aniversario, a Escola Municipal de Artes e Oficios cumpre 131 anos. A inauguración da Escola tivo lugar o 26 de setembro de 1886, foi Eduardo Chao, antigo ministro da 1ª República Española quen deu o discurso inaugural. Era o resultado da iniciativa dunha Sociedade de Socorros Mutuos chamada "A Cooperativa" que recollía unha vella reivindicación das sociedades obreiras e agrarias do século XIX conscientes da necesidade de elevar o nivel de instrución das clases traballadoras en beneficio do  desenvolvemento da cidade. O seu primeiro enderezo foi a antiga rúa do Circo, no ano 1900 trasládase ata o edificio doado por José García Barbón que actualmente ocupa.
Desde o mesmo momento da súa creación a Escola contribuíu ao desenvolvemento industrial, comercial e cultural da  nosa cidade, exerceu unha tarefa moi importante preparando a mozos e adolescentes non soamente nas disciplinas técnicas ou complentando o seu ensino primario, senón proporcionándolles tamén os fundamentos dunha instrución artística e impulsando unha vocación.
Na actualidade, é un centro de ensinanza para adultos, non regrada, cun programa que abrangue materias moi diversas desde o ámbito das belas artes (debuxo, pintura)  ata os oficios máis artesanais (escultura e talla en madeira, cerámica, serigrafía, ourivaría, encadernación, artesanía do coiro, encaixe de palillos, moda e confección, e construción artesanal de instrumentos musicais, gaita, zanfona e luthería antiga) cunha orientación máis profesional. Mediante una metodoloxía práctica que combina o traballo en obradoiros especializados, dotados das ferramentas e  a maquinaria necesaria para cada disciplina artística ou oficio, coa  aprendizaxe de contidos e destrezas complementarias.
O vindeiro día 2 de outubro comeza este novo curso. Felicitémonos todos por iso!!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario