29/02/2012

"O OBXECTO ATOPADO" OU COMO ESTABLECER UN DIÁLOGO CREATIVO OBSERVANDO A NOSA CONTORNA COTIÁ


"A roda da bicicleta" 1913 Marcel Duchamp
Este proxecto realizado polos alumnos da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo, nace do interese de desenvolver no alumno a capacidade de recoñecer e seleccionar elementos con interese plástico que se atopan na nosa contorna, formando parte da nosa cultura visual; elementos que a primeira ollada refugariamos; obxectos que atopamos e de algún modo escóllennos establecendo un diálogo connosco para provocar un discurso creativo. A partir de aquí comeza unha conversa inmersa na nosa relación coa cultura visual, na que o artista e o espectador se entregan a un esforzo conceptual. Isto ten que ver coa capacidade que outorgamos aos obxectos para ter diferentes discursos estéticos, dependendo do contexto no que o artista decide expoñelos.
A reciclaxe, a elección de obxectos cotiáns “non artísticos”, forma parte da historia da arte do século XX. A idea de dignificar obxectos cotiáns dándolles características de obxecto artístico vén de principios do século pasado cando Marcel Duchamp realizou o seu primer Ready Made , “La rueda de bicicleta” 1913. O que Duchamp demostraba cos ready mades é que a arte é unha actitude mental que existe no espectador, e mediante a descontextualización destos obxectos e a súa colocación nunha sala de arte, deixábase de lado as súas calidades utilitarias para aprecia-las estéticas. A partir de Duchamp abrirase un longo e fructífero camiño na historia da arte na que este tipo de intervencións artísticas terán maior presencia, artistas coma Robert Rauschenberg e movementos coma o Pop Art ou os Povera italians, entre outros. Tamén artistas máis próximos a nós coma o noso compañeiro da Escola, Nelson Villalobos, ten unha importante colección de esculturas de obxectos atopados que coma el dí vai coleccionando ata que un día se mesturan e toman identidade.
Hai un par de anos inaugurouse en Cuenca o primeiro museo adicado a este tipo de obra artística, O Museo de San Clemente , fundado polo coleccionista Antonio Pérez, lugar interesante para ser visitado; este xunto co Le Musée de L'Objet en Blois, Francia, son os únicos espazos adicados a estas representacións artísticas.
Rosa García Martínez, profesora de Escultura e Talla en madeira da Escola de Artes e Oficios




As obras cos mostramos a continuación son o resultado do traballo deste proxecto na aula realizado polos alumnos do segundo curso do taller de escultura e talla na madeira. Esperamos os vosos comentarios.

2 comentarios:

  1. Á vista dos resultados non hai dúbida que os obxectivos didácticos que expós ao principio da entrada están conseguidos. Moi oportuno tamén o video sobre Antonio Pérez e a invitación a Nelson Villalobos, o noso mestre de Serigrafía artística. En canto a selección dos traballos dos alumnos que nos presentas, parécenme boísimos e que, en xeral responden á perfección ao concepto que tan ben recolles no texto do "obxecto atopado" e a súa relación coa historia da arte. Arriscando un pouco, e si tivese que -máis alá da súa finalidade didáctica que creo que todos están ao mesmo nivel- elixir, quedaríame con "Individuo para dialogar" pola súa extrema sinxeleza e potencia expresiva, con "Guerra y paz" polo despregue escultórico dun só elemento (a cinta de video) e, finalmente, co poderío e a plasticidade das formas conseguida en "Feridas" (aínda que penso que o aspecto do toro de Álamo? Vidueira? pode parecer preparado ad hoc e non atopado -se ben pode ser perfectamente un resto de poda atopado nun xardín-).
    Off-topic: a ver se conseguimos un pequeno equipamento de foto de estudo para ter na Escola.
    Noraboa a ti e aos teus alumnos por ese proxecto de aula tan interesante e conseguido!

    ResponderEliminar
  2. Encántanme o traballo do teu alumnado Rosa, vin algunhas destas pezas na aula, pero aquí no photopeach están espectaculares. Parabéns polo voso esforzo!
    O texto moi bo compañeira!

    ResponderEliminar