20 de xuño de 2012

LOPE DE VEGA NA BIBLIOTECA DA EMAO


No noso afán por dar a coñecer aos poucos algunhas das "xoias bibliográficas" existentes no fondo histórico da nosa biblioteca, mostrámosvos dúas primeiras edicións de Lope de Vega un dos máis importantes poetas e dramaturgos do Século de Ouro español e, pola extensión da súa obra, un dos máis prolíficos autores da literatura universal.
O chamado Fénix dos enxeños e Monstro da Natureza (por Miguel de Cervantes) renovou as fórmulas do teatro español nun momento no que o teatro comezaba a ser un fenómeno cultural de masas. Máximo expoñente, xunto a Tirso de Molina e Calderón da Barca, do teatro barroco español, as súas obras seguen representándose na actualidade e constitúen unha das máis altas cotas alcanzadas na literatura e as artes españolas. Foi tamén un dos grandes líricos da lingua castelá e autor de moitas novelas. Atribúenselle uns 3.000 sonetos, 3 novelas, 4 novelas curtas, 9 epopeas, 3 poemas didácticos, e varios centenares de comedias.

JERUSALEN CONQUISTADA, 1609


Vega, Lope de (1562-1635) 
Ierusalen conquistada : epopeya trágica / de Lope Felis de Vega Carpio ... -- En Madrid : en la imprenta de Iuan de la Cuesta, 1609
[14], 536 h. : il. ; 4º
Colofón
Sign.: [ ]4, [calderón]4, 2[calderón]4, 3[calderón]2,A-Z8, 2A-2Z8, 3A-3X8
Port. con grab. xil.
Texto con apostillas marginales
Il. xil.

En 1604, no prólogo á edición sevillana das «Rimas», Lope anunciaba a inminente aparición dun novo poema épico. A obra non viu a luz ata febreiro de 1609. O texto que se imprimiu non ten dezaseis libros senón vinte. Crese que o texto orixinal rematábase coa coroación de Ricardo Corazón de León como rei de Xerusalén; pero, para igualar o número de cantos do poema tassiano (Jerusalén liberada, 1581), Lope engadiu catro nos que tivo que narrar o abandono da empresa polos cruzados. Jerusalén conquistada, "epopea tráxica" de Lope de Vega (1609), introduce a presenza militar española na malograda Terceira Cruzada, cuxo obxectivo foi liberar á Terra Santa do Imperio Otomán (1189). A participación española é, naturalmente, apócrifa, e por iso J.C. constitúe unha revisión nacionalista da epopea de Tasso.
 ***

LAUREL DE APOLO, 1630  
Ten a portada manuscrita, os datos do pé de imprenta confírmanse no colofón

Vega, Lope de (1562-1635)
Laurel de Apolo : con otras rimas ... / por Lope Felix de Vega Carpio ... -- En Madrid : por Iuan Gonçalez, 1630
[8], 129 [i.e. 125], [1] h. ; 4º
La Selua sin amor : egloga pastoral ... a Su Magestad ... , p. 103-115 ; Al quadro y retrato de su Magestad que hizo Pedro Pablo Rubens ..., p. 116-117 ; Epistola a Don Michael de Solis Ouando ..., p. 118-123
Colofón
Sign.: [parágrafo]8, A-P8, Q4, R2   
Error de fol.. de p. 124 pasa á 129
Faltan 16 f.  



A publicación do “Laurel de Apolo” (1630) debe incluírse dentro da campaña coa que Lope trata de proxectar a súa figura entre as altas esferas e nos círculos literarios. O poema central, que dá título ao volume, é o acta dunhas cortes do Parnaso. Para esta transcrición emprega como estrofa a silva. Propúxose Lope eloxiar aos poetas do seu tempo e así o fixo. Ao longo de dez silvas, desfilan preto de trescentos vates españois e portugueses, trinta e seis italianos e franceses e dez pintores ilustres. Dentro do longo catálogo de poetas insérense algunhas fábulas mitológicas, dúas delas co seu propio título identificativo (O baño de Diana, O Narciso). Aproveita ademais Lope para atacar indirectamente ao seu rival polo posto de Cronista do Reino de Castela e León, José Pellicer de Salas e Tovar, quen era, ademais, un dos comentaristas do seu gran inimigo, Luís de Góngora, cuxo estilo critica tamén no Laurel de Apolo a través dos seus malos seguidores. O volume do "Laurel de Apolo", ten un apéndice que non carece de interese. Alí atopamos A selva sen amor, égloga pastoril, unha silva, unha epístola e oito sonetos, entre os que sempre se destacaron as sátiras anticulteranas.
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario