01/11/2012

A Festa do Magosto


O Magosto ou castañada é unha festa tradicional nalgunhas zonas do norte da Península Ibérica como Galicia, Cataluña, Asturias, a provincia de León, Sanabria e Benavente e Os Vales  na provincia de Zamora e As Hurdes na provincia de Cáceres. É tamén unha festa moi popular en Portugal. 
Os elementos comúns desta festa son a celebración no mes de novembro (ou finais de outubro) e o ter como elementos principais a castaña e o lume. Adóitase celebrar esta festa nos días comprendidos entre o 1 de novembro (Todos os Santos) e o 11 de novembro (San Martín) onde non faltan as castañas asadas no lume, o viño novo e os chourizos. 
O Magosto era o tempo que os galegos reservaban para honrar as colleitas, despois do equinoccio, un costume que nestes últimos anos se intenta recuperar. É unha festa de orixe pagá que logo foi cristianizada, e, como tódalas festas de carácter agrario, pode situarse na Prehistoria, cando o ser humano vai adquirindo consciencia individual e social . É unha festividade relacionada co culto á fecundidade; de aí a súa relación directa co lume, representando ó sol, deus fecundador da terra. Trátase tamén dunha comida comunitaria e ritual que reforza os vencellos comunitarios do mundo rural galego. Con posterioridade foi asociada ós santos e defuntos, por iso se festexa o 1 de novembro, por ser unha comida que simboliza a morte do ciclo solar anual. Máis tarde nas terras de Ourense pasou a celebrarse o día 11 de novembro, festividade de San Martiño de Tours, padroeiro da cidade das Burgas.
Murguía consideraba a festa do magosto coma un banquete funerario no que a castaña e o viño simbolizarían a morte e a vida. Está relacionado co O Samhain, unha festividade de orixe celta na que a noite do 31 de outubro ao 1 de novembro celebrábase o final da tempada de colleitas na cultura celta e era considerada como o «Ano Novo Celta», que comezaba coa estación escura. É tanto unha festa de transición (o paso dun ano a outro) como de apertura ao outro mundo. A festividade céltica do Samhain descríbese como unha comuñón cos espíritos dos defuntos que, nesta data, tiñan autorización para camiñar entre os vivos, dándoselle á xente a oportunidade de reunirse cos seus antepasados mortos. Para manter aos espíritos contentos e afastar aos malos dos seus fogares, deixaban comida fóra, unha tradición que evolucionou converténdose no que hoxe fan os nenos indo de casa en casa pedindo doces. 
Pola influencia da cultura romana primeiro e do cristianismo despois, o Samain converteuse no día de Todos os Santos, de onde deriva o nome inglés de Halloween. Polo Samhain era costume baleirar nabos (posteriormente cabazas, debido a unha tradición irlandesa) para porlles dentro veas. Varios séculos despois, esta tradición ten continuidade no actual Halloween, exportación dos irlandeses a Estados Unidos no século XIX e principios do XX.
Rafael López Loureiro foi o responsable de redescubrir esta tradición e comprobar que existía por toda Galicia ata fai menos de trinta anos. Ademais, tamén comprobou a súa pervivencia no norte de Cáceres, ao redor da zona na que están situadas as aldeas de fala galega, e en zonas de Zamora e de León próximas a Galicia e onde a lingua e as tradicións galegas están moi arraigadas. Ademais, este estudioso analizou a relación do costume das cabazas co culto á morte e a semellanza coas tradicións irmás das illas británicas. Hoxe en día empézase a celebrar o halloween, Samhain ou Samaín (adaptación ao galego da palabra gaélica) nalgunhas das cidades e pobos de Galicia, como A Coruña, Ferrol, Cedeira, etc. Deixándose arrastrar pola tradicional festa de halloween cun claro interese comercial no noso país. Aínda que a celebración tradicional, o Magosto ou Magusto ten unha gran forza desde moi antigo, herdeiro directo do Samónios ou Sámanos propio da antiga Gallaecia (Galicia, Asturias, León e Norte de Portugal).


Ningún comentario:

Publicar un comentario