19 de mar. de 2015

"A Sagrada Biblia" Ilustrada por Gustavo Doré


O vindeiro venres, 27 de marzo, inaugúrase na Casa das Artes a exposición "Álbum da Sagrada Biblia. 200 gravados de Gustavo Doré", co gallo desta exposición gustaríame recordarvos que no fondo histórico da nosa biblioteca da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo, consérvase:
La Sagrada Biblia traducida de la vulgata latina al español ... por D. Félix Torres Amat,  ilustrada por Gustavo Doré, editada en Barcelona por Montaner y Simón en 1884. Son catro volumes impresos a 2 columnas numeradas, con preciosos gravados xilográficos en negro a pleno folio deseñados por Gustavo Doré, belas orlas xilográficas dividindo as 2 columnas do texto e viñetas xilográficas ao fin de cada capítulo.
Gustavo Doré (1832-1883) pintor e ilustrador francés foi un dos máis fecundos e influyentes debuxantes da segunda metade do século XIX. As súas exuberantes fantasías constituíron unha importante fonte de inspiración para os pintores románticos, quen compartían a atracción polo mundo onírico que el representaba. Debe a súa fama, sobre todo, ás súas xilografías destinadas á ilustración de máis de noventa libros, entre os que se atopa "La Sagrada Biblia".
Os volumes están encadernados por Hermenegildo Miralles (1859-1931) gran figura da encadernación e da modernización das artes gráfica en Cataluña. As encadernacións do taller de Miralles convertéronse en unha referencia en toda a península  pola variedade ornamental, a riqueza de materiais, os dourados, os relieves, os ferros que utilizaba, os contrastes que soubo crear, etc. demostrando que a súa arte estaba á altura da máis avanzada encadernación europea do seu tempo. 
Miralles tamén realizou encadernacións industriais de luxo desde 1882, para a editorial Montaner y Simón, con as características propias do seu estilo, tendiendo hacia un decorativismo expresivo, un esteticismo depurado e un modernismo de tendencia Art Noveau, que ao longo dos anos foi aparecendo nos libros desta editorial.

Ningún comentario:

Publicar un comentario