12/01/2016

Conferencia na EMAO: Castrelos: 800 anos de vida románica

Santa María de Castrelos: Ventá interior
Conferencia
Castrelos, 800 años de vida románica
impartida por Francisco Javier Ocaña Eiroa
Venres 15 xaneiro 2016 ás 18:30
Salón de actos da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo
Entrada libre ata completar o aforo

A Igrexa de Santa María de Castrelos cumprirá neste ano de 2016, 800 anos de existencia. Unha inscrición no muro esquerdo da entrada da ábsida sinala o ano de 1216 como o da súa construcción.

A Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo, que cumpre tamén neste 2016 o 130 aniversario da súa fundación, quere adicar unha atención especial durante este ano á conmemoración e celebración dun edificio que é un fito imprescindible do patrimonio cultural da nosa cidade.

Para dar comezo a este irmanamento, o vindeiro venres 15 de xaneiro, pronunciará unha conferencia na nosa Escola, o profesor Francisco Javier Ocaña Eiroa, na que analizará os principais aspectos históricos, arqueolóxicos e arquitectónicos deste monumento.

Fco. Javier Ocaña é un dos máis relevantes estudiosos da románico galego e español. Autor de numerosas publicacións e cursos de especialización sobre a arte e arquitectura desta espléndida época medieval, reúne, ademais, un inmenso arquivo fotográfico de gran calidade, producto de máis de 40 anos de incansable documentación gráfica persoal do románico da península. As súas monografías sobre o románico vigués en particular, son de obrigada referencia para calquera que queira achegarse con rigor arquelóxico a esa parte do noso patrimonio. É o autor e administrador tamén da páxina web “Fotografía y pubicaciones románicas”.

A igrexa de Castrelos é un dos mellores exemplos vivos do románico rural galego. Non ten modificacións nin mutilaciónes que nos fixeran pensar que estamos ante unha igrea retocada, senon, pola contra, a súa realidade actual é a que os seus primitivos constructores decidiron.

Castrelos é unha obra bioloxicamente viva, aínda en pé, de estilo puro da terceira arte románica, na que non se observan incorporacións.

Cómpre tamén salientar, a maiores da súa conservada arquitectura e dos importantes detalles decorativos pétreos de época románica, a presencia no seu interior de pinturas murais datables entre os séculos XV e XVI, que representan un Cristo en Maxestade, unha misa de san Gregorio e unha Epifanía.

Conserva unha ubicación privilexiada cun amplo adro que enaltece a contemplación plástica exterior do edificio ao poder ser percorrido coa vista e co paso, permitindo, á vez, disfrutar da panorámica da cidade.

Sumándose á conmemoración do 800 aniversario deste monumento, a EMAO adicará este ano a súa exposición colectiva Proxecto 2016 --coa que finalizará o curso 2015-2016-, á igrexa románica de Santa María de Castrelos, co traballo de reinterpretación e visión artística e artesana do monumento,  que realizará o profesorado e alumnado das distintas especialidades nestes meses para, logo, seren exhibidos os seus resultados no Espazo EMAO.

Santa María de Castrelos: pinturas murais interiores

Ningún comentario:

Publicar un comentario