A Consellería de Economía e Industria, a través da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño inicia o Proxecto Enredando, artesanía na escola co fin de achegar aos rapaces, a través da organización de demostracións de artesáns nos colexios, visitas aos obradoiros e outras actividades transversais aos programas escolares o día a día dos profesionais da artesanía galega. Os obxectivos principais a acadar con esta actividade son: concienciar á sociedade do valor do produto feito á man, comezando polos máis novos, así como presentarlle aos rapaces que a artesanía pode ser tamén unha boa alternativa para o seu futuro laboral; atallar o problema da falta de relevo xeracional nos oficios máis tradicionais e promover o desenvolvemento da artesanía galega a través da formación de futuros artesáns creadores; e amosar á sociedade o valor engadido da artesanía en canto á súa creatividade, patrimonio cultural e tradición.
“Enredando, artesanía na escola” é un proxecto enfocado a educación infantil primaria e secundaria de diferentes colexios da nosa comunidade. A primeira unidade didáctica que se presenta, O Gremio da seda, está orientada a explicarlles aos rapaces, dun xeito práctico, como é o proceso de obtención da seda, facéndoos participar activamente implicándose no seu desenvolvemento.
Ningún comentario:
Publicar un comentario