Amosando publicacións coa etiqueta Fotografía. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Fotografía. Amosar todas as publicacións

8 de maio de 2017

Elena Colmeiro, unha das Mulleres do Silencio. Fotografías de Xurxo Lobato no Obradoiro de Cerámica da EMAO

Elena Colmeiro no obradoiro de cerámica
Miguel Vázquez e Elena Colmeiro

O pasado venres, 5 de maio, a ceramista Elena Colmeiro estivo facendo na nosa Escola unha entrevista coa comisaria da exposición Mulleres do Silencio, Rosario Sarmiento, para a realización dun documental. Aquí tedes algunhas fotos de Elena Comeiro co mestre de cerámica, Miguel Vázquez, co fotógrafo Xurxo Lobato cedeunos xentilmente.

2 de mar. de 2017

Cen Anos Despois

Foto de Rafael Ojea Pérez
Nestes pasados días do Entroido, algúns mestres da Escola Municipal de Artes e Oficios tiveron a feliz idea de recrear algunha de aquelas antigas fotos na que estaban todos os traballadores e traballadoras da Escola, pareceunos unha boa idea e moitos nos animamos a vestirnos coa moda daqueles tempos. Aquí tedes un adianto dos resultados.

Foto de Rafael Ojea Pérez

A foto antiga da que falamos e que nos serviu de inspiración é esta:

Foto do Fondo histórico da EMAO


15 de maio de 2015

Imaxes da Proxección de "Islas, Náufragos Invisibles" de Miguel Núñez


Esta tarde foi a proxección do excelente traballo de Miguel Núñez "Islas, náufragos invisibles" (obra seleccionada na Bienal Internacional de Vilanova de Cerveira, nesta edición 2015) unha montaxe de imaxe e son, na que propón unha reflexión sobre o sinxelo que pode ser estar á marxe da sociedade, ou ser invisibles.
Actividade coordinada pola mestra da especialidade de escultura e talla en madeira, Rosa García, da que Miguel Núñez é alumno. Parabéns pola iniciativa.

12 de maio de 2015

Proxección de "Islas, Náufragos Invisibles" de Miguel Núñez na Hemeroteca.


O  vindeiro venres, 15 de maio ás 19:00 h na Biblioteca da Escola Municipal de Artes e Oficios terá lugar a proxección "ISLAS, NÁUFRAGOS INVISIBLES" de Miguel Núñez.
Fotógrafo profesional, diplomado en imaxe  e son, traballou en varios medios de comunicación coma Faro de Vigo, 20 minutos e Qué!, ademais de colaborar en distintas publicacións e medios dixitais. 
Paralelo a isto desenvolve  o seu traballo artístico, en moitas ocasións dende a perspectiva do fotoperiodismo, e noutras creando un fantástico universo de imaxes  que nos falan da melancolía, a soidade, o amor, a desesperación, o EU, dende un  discurso plástico  moi personal.
O que nesta ocasión nos vai mostrar é o seu traballo "Islas, náufragos invisibles" (obra seleccionada na bienal internacional de Vilanova de Cerveira, nesta edición 2015) unha montaxe de imaxe e son, na que propón unha reflexión sobre o sinxelo que pode ser estar á marxe da sociedade, ou ser invisibles. El cóntanos: "Todos somos islas, todos naufragamos, algunos se hunden porque no tienen donde agarrarse. La sociedad no tolera a los que no han logrado salvarse, la sociedad los esconde, los hace invisibles".
A obra "Islas, náufragos invisibles" é un traballo plástico de investigación excepcional, no que se tratan temas duros como o das persoas que viven nas marxes da sociedade, ás veces por elección e outras por unha obriga dende unha estética do respecto, devolvéndolle a través das súas imaxes a dignidade que moitas veces lles foi arrebatada. Entre estas imaxes aparece a de Carlos Montoro "O Gringo", falecido a pasada semana, ao que Miguel lle dedicou una homenaxe póstuma, que podedes ollar neste enlace.

Esperámosvos!!!

Texto: Rosa García, mestra de talla e escultura en madeira da EMAO

3 de mar. de 2015

I Concurso de Fotografía "Artesanía, o Oficio da Arte"


A Asociación Extremeña para a Promoción da Artesanía convoca o I Concurso de Fotografía "Artesanía, o oficio da arte" co fin de dar a coñecer a riqueza dos oficios artesanos, o trasfondo cultural que atesouran os talleres artesanos, a creatividade depositadas nas mans artesanas.
A temática que este concurso aborda é a artesanía en todas as súas manifestacións, oficios e manufacturas que os artesanos detentan e ofrecen como o seu ben máis preciar, a través da mirada fotográfica.
Os participantes poderán presentar un máximo de tres fotografas de tamaño libre pero deberán ir montadas sobre cartulina negra de 30 X 42 cm (DIN A3) e as fotografías non excederán esas dimensións. O prazo de admisión de orixinais comezará o 28 de febreiro e finalizará o día 27 de marzo de 2015 ambos inclusive.

26 de feb. de 2015

II Concurso de Fotografía convocado polo Museo Liste de Vigo. 2015


O II Concurso Fotográfico convocado polo Museo Liste de Vigo pretende fomentar o coñecemento e a creatividade a través da práctica da fotografía co fin de destacar variados aspectos históricos e etnográficos da nosa cidade.
Esta convocatoria iniciou a súa andaina o pasado ano co gallo da celebración da festa da Reconquista. A súa continuidade pasa por dotar ao concurso dunha maior liberdade temática desvencellándose do tema elixido na primeira convocatoria. Así o tema proposto para este ano responde ao lema “Vigo: vestixios do pasado”. 
As fotografías a concurso serán valoradas atendendo, principalmente, a tres criterios:

- Estético: valorarase a beleza da fotografía e a sensibilidade á hora de recoller certos aspectos que singularicen e dignifiquen o elemento fotografado.
- Técnico: valoraranse aspectos puramente asociados á técnica desta arte.
- Documental: valorarase que as fotografías presentadas acaden o valor de documento gráfico como forma de recoller e difundir coñecemento.

Temática: “Vigo: vestixios do pasado”. Elementos non arquitectónicos do pasado que conviven co presente na nosa cidade: petos de ánimas, fontes, mobiliario urbano, sinaléctica de rúas,… e outros tantos exemplos que reflicten os cambios producidos nos derradeiros anos.
Aclaración importante: se ben non se contemplarán como conforme ao tema aquelas fotografías onde o motivo principal sexa un edificio, é dicir, a arquitectura en si mesma, si se poderán fotografar partes dun edificio que inclúan, asociados á súa estrutura, elementos que se axusten ao tema a tratar.

Participantes e número de obras: poderá participar todo aquel que o desexe con un número máximo de tres fotografías, se ben nunca recaerán dous premios no mesmo participante. Máis información

14 de xan. de 2015

Exposición "Historias de Mar" en Apo'strophe Sala de Arte


Este venres, 16 de xaneiro ás 20:30, en Apo'strophe Sala de Arte, inauguración de "Historias de Mar" exposición dual de José Manuel Ucha, alumno de escultura e talla en madeira da Escola e Álvaro Rodríguez. Presentará o evento Rosa García, mestra de escultura e talla en madeira da Emao. Tedes que ir!

3 de dec. de 2014

Inauguración da Exposición Ética na Sala Apo'strophe de Vigo


Xoves, 4 de decembro de 2014, ás 20:30 na sala Apo'strophe (Centro Comercial Plaza Elíptica de Vigo), inauguración da exposición ËTICA,  24 artistas participan nesta nova mostra de pintura, escultura e fotografía unidas nun tema sempre actual a ÉTICA. Destacar que nesta exposición participan varias persoas relacionadas coa nosa Escola, como Rosa García, mestra de talla e escultura en madeira, Rut Martínez, antiga mestra de debuxo e alumnos como Xosé Manuel Ucha, Miguel Núñez, Fabiola Mecia ou Pepe Güenaga. Parabéns!!!

Ata o 10 de xaneiro de 2015.

14 de out. de 2014

Imaxes da Presentación do Libro "Carmeliña" na Hemeroteca da EMAO


O acto, que contou coa asistencia de numeroso público, comezou cunha presentación a cargo de José Araújo, a intervención da protagonista das fotos, Araceli Paz e de Alberto Ardid, o artifice deste proxecto "unha fotonovela". Trátase dunha obra colectiva enmarcada dentro do programa Iniciativa Xove 2014 da Direción Xeral de Xuventude e Voluntariado da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia. 
A fotonovela narra a historia dun conflicto social xurdido a finais dos anos 70 en Galicia, no intre en que os primeiros nudistas empezan a chegar á praia de Barra. Tanto o guión como as imaxes misturan sucesos reais e documentados con tratamentos ficticios e desnaturalizados a través das vivenzas dunha moza chamada Carmeliña da aldea de Nerga, en Cangas. Alberto falou, ademáis do resultado, do proceso de realización da mesma e das dificultades coas que se atoparon no proceso creativo. 
Recordarvos que tanto Alberto como Araceli son alumnos de serigrafía artística na nosa Escola.

5 de xuño de 2014

"Os Libros Saen do Armario" Exposición Libros de Foto


Esta exposición , é unha mostra da nosa colección de libros de fotografía, que temos no Estudo, xa que hai moitas persoas interesadas en descubrir e aprender fotografía, abrimos as nosas estanterías á xente para que poida vir e ojear libros de fotografía de todo tipo, desde libros máis fáciles de encontar en tendas como Instant Light de Tarkowsky, a outros libros que compramos en Rusia a traves da web (Julia Borisowa), nas nosas estanterías temos tamén fancines, e poemarios visuales, e estamos abertos a que a xente déixenos os seus libros para expoñer, devolverémosllos ao final da exposición, o luns 30 de xuño. (Alicia Seoane, fotógrafa)

23 de maio de 2014

Os Novos Produtos, Primeiros Ensaios


Onte, o mestre de debuxo Federico e algúns dos seus alumnos, chamaron a nosa atención coas probas do seu "novo produto" un enxeño que recrea as antigas cámaras escuras... un instrumento óptico que permite obter unha proxección plana dunha imaxe externa sobre a zona interior da súa superficie. Constituíu un dos dispositivos ancestrales que conduciron ao desenvolvemento da fotografía.

2 de maio de 2014

Mostra "Arquivo Fotográfico Pacheco. Documento Gráfico" na Casa das Artes


"Arquivo fotográfico Pacheco. Documento gráfico" é o título da mostra que acolle desde o pasado 24 de abril a Casa das Artes de Vigo. Un total de 116 imaxes percorren os temas máis habituais do estudio deste fotógrafo vigués como son a paisaxe do mar e da cidade, acontecementos singulares e cotián ou a actividade reprográfica. 
A exposición encádrase no labor do Concello de Vigo de recuperación, conservación, dixitalización e difusión dun arquivo que conserva unha gran parte da ampla produción da saga de fotógrafos que traballaron no Estudio Pacheco. A intención da mostra é amosar as imaxes tal e como se atopan no arquivo, respectando en todo caso a intención dos fotógrafos, o seu estado de conservación e plasmando as condicións dos seus soportes orixinais.
A exposición estará aberta ata o vindeiro 30 de xuño. 

23 de abr. de 2014

"Espíritu Insomne" e " Está mal visto perder o tempo" de Miguel Núñez


O fotógrafo Miguel Núñez presentará este sábado 26 de abril ás 21 h, en Apo'strophe (Fernández del Riego s/n Plaza Elíptica, Vigo), o visionado de dúas pezas, diaporamas acompañados de música que aúnan fotografía e poesía. Miguel Núñez é alumno da nosa escola, no obradoiro de escultura e talla na madeira que imparte Rosa Garcia Martinez.

27 de mar. de 2014

"Os que Habitan" Exposición de Eva Díez na Casa das Artes


Con esta exposición, a primeira a nivel individual, Eva Díez presenta o proxecto fotográfico que lle valeu ser seleccionada para os visionados de portafolios en Photoespaña 2012 cos máis importantes editores e comisarios internacionais, e que lle granxeou importantes premios e recoñecementos, como o Premio Nacional de Fotografía Profesional LUX 2011 (Prata na categoría "Proxecto Persoal"), ou a mención de honra nos International Photography Awards (IPA -2012).
A exposición permanecerá aberta ao público ata o 27 de abril; haberá visitas guiadas coa artista e mailo comisario os días 1 e 8 de abril, ás 20:00 h. Casa das Artes, Policarpo Sanz, 15.

26 de mar. de 2014

I Concurso de Fotografía "A Reconquista" 2014

Foto de Xoan Carlos Gil
O Museo Liste de Vigo convoca este ano o Primeiro Concurso Fotográfico "A Reconquista", que busca instantáneas durante a festa local de Vigo. As imaxes deben tomarse durante as celebracións deste ano, que terán lugar os días 28, 29 e 30 de marzo. Os participantes poden enviar un máximo de tres traballos en papel ou en formato dixital.
Máis información

25 de set. de 2013

Exposición XVIII Maratón Fotográfico Concello de Vigo


Este xoves 26 de setembro, ás 20:00 h, inaugurarase na planta primeira da Casa das Artes (rúa Policarpo Sanz, 15) a exposición do XVIII MARATÓN FOTOGRÁFICO, organizada pola Agrupación Fotográfica Galega (AFG), coa colaboración da Concellería de Cultura e Festas.

O pasado 10 de agosto, tivo lugar unha nova edición do "Maratón Fotográfico Concello de Vigo", proba que xa é un clásico nos concursos fotográficos a nivel galego. Os temas elixidos foron: “Estrela”, “Negra sombra”, “Baleiro” e “Salto”; os datos da saída foron de 139 participantes, 135 na categoría dixital e 4 nostálxicos con cámara de película. Máis información

7 de mar. de 2013

O tiNGLão Inaugura Exposición na Escola de Deseño Aula D


Este venres 8 de Marzo inaugurase,  ás 21.00 h na escola de deseño AULA D  (Rua Ourense 4, perto da Casa da Xuventude, Vigo) unha mostra de fotocerámica do tiNgLão "A mirada cega". O tiNGLão é un grupo de creación e artesanía cerámica formado por Emilia Guimeráns e Jorge Pérez, os dous son antigos alumnos de Cerámica Artística da nosa Escola.

28 de feb. de 2013

Disparos en los 80, Venres, 1 de Marzo, no Halcón Milenario


O Halcón Milenario inaugura a súa terceira tempada o día 1 de marzo coa exposición "Disparos nos 80", no proxecto expositivo que supón o Halcón Milenario participan dous de nosos mestres, Márian Núñez e Federico Fernández.
Nesta ocasión trátase dunha mostra fotográfica da xornalista riojana e afincada en Madrid Mariví Ibarrola. Imaxes, a maior parte delas en branco e negro, que ilustran a efervescente vida cultural e artística da España dos anos 80.
Concertos, escenas de rúa e reunións, son captadas polo obxectivo de Mariví nun exercicio de fotoperiodismo que nos descobre o embrión da movida.
Fotografías espontáneas, frescas, cheas de enerxía, do underground madrileño, galego e vasco, pero tamén retratos de iconos internacionais como Warhol ou Bowie.
A maior parte das imaxes desta exposición están recollidas nun libro editado polo selo Munster Records no ano 2011, do cal se presentará a segunda edición no Halcón Milenario o próximo día 1 ás 20:30. A inauguración contará coa presenza da artista.
A exposición poderase ver durante todos os venres do mes de marzo en horario de 20:30 a 23:30. Na  Rua Cervantes nº 18 1º D. 36201 Vigo.  

15 de feb. de 2013

VII Premio Bienal Internacional de Fotografía Contemporánea Pilar Citoler 2013

 

A Universidade de Córdoba, como institución organizadora, e o Concello da cidade, a Fundación Caixa Rural de Córdoba, Fundación Provincial de Artes Plásticas Rafael Botí e "Rabanales 21. Parque Científico e Tecnolóxico" convocan o VII Premio bienal Internacional de Fotografía Contemporánea Pilar Citoler 2013.
Poderá participar calquera artista visual contemporáneo/a con independencia da súa nacionalidade, tendo en conta que o VII PREMIO BIENAL INTERNACIONAL DE FOTOGRAFÍA CONTEMPORÁNEA PILAR CITOLER 2013 será outorgado considerando de modo especial a súa traxectoria artística e a súa inserción no discurso da fotografía contemporánea. 

5 de feb. de 2013

Exposición de Celso E. Seijo na Casa da Cultura de Cangas

 
Exposición Celso E. Seijo 
Sala de Exposicións "Angel Botello" da Casa da Cultura de Canga 
do 8 ao 28 de febreiro de 2013 
Acto Inaugural, venres 8 de febreiro ás 20 h.

A exposición está composta por fotografías de corte fotoxornalismo a cor e formato dixital realizadas cunha Canon 1Ds Mark 3 entre 2010 e 2011 nos slums de New Delhi, en concreto en Badli, Balswa Diary e Jahangirpuri. Mostra aos habitantes dos slums na súa vida cotián: en chabolas, traballando para as prantas de reciclaxe recollendo os refugallos, transportándoos e seleccionándoos; xogando e pasando o tempo en busca dunha esmola. A obra pretende captar a rutina diaria e o estilo de vida nestas zoas marxinais dunha gran urbe como New Delhi.