Amosando publicacións coa etiqueta Doazóns. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Doazóns. Amosar todas as publicacións

4 de nov. de 2016

"Polo Gusto de Cantar" editado pola Asociación Veciñal da Agra do Orzán na Biblioteca Emao


Onte recibimos estes dous cadernos agasallo da Asociación Veciñal da Agra do Orzán (A Coruña). Baixo o título "Polo gusto de cantar" recollen a actividade desta Asociación "AGRA" no seu intento por achegarse á nosa música tradicional, mergullándose na nosa cultura de tradición oral que nos foi transmitida a través de foliadas, romarías, festas familiares, cantos nas tabernas...
No primeiro caderno recóllense uns cen cantos, no segundo son douscentos, ademais do artigo "Encol da canción popular" que publicara o poeta Manuel María no semanario A Nosa Terra. Neste segundo caderno hai unha reprodución do capítulo sobre percusión da obra Instrumentos musicais populares galegos que publicou o Grupo didáctico-musical do Obradoiro-Escola de Instrumentos Musicais Populares Galegos dirixido por Antón Corral na época da Universidade Popular de Vigo.
Moitas grazas polo agasallo!

16 de nov. de 2015

Doazón a Fundación Penzol de Numerosos Documentos de María do Carme Kruckenberg

O próximo xoves, 19 de novembro, ás 12:00 horas, no salón de actos da Casa Galega da Cultura, tera lugar o acto de sinatura e presentación pública da doazón de 30 carpetas con manuscritos, mecanoscritos e debuxos da destacada escritora e poeta galega, María do Carme Kruckenberg Sanjurjo que a súa filla Cristina Pusone Kruckenberg fai á Fundación Penzol. Intervirán: Cristina Pusone Kruckenberg e Mercedes Queixas Zas, filla e biógrafa da escritora, respectivamente. A Fundación Penzol estará representada polo seu Vicepresidente primeiro, Antón Vidal Andión e polo Director, Francisco Domínguez Martínez.