Amosando publicacións coa etiqueta Coiro. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Coiro. Amosar todas as publicacións

16 de xuño de 2021

Convocatoria: Escola de Verán da EMAO 2021

 Dentro da programación prevista no Plan de Estudos da Escola Municipal de Artes e Oficios (PEMAO15), faise a seguinte Convocatoria de cursos de Verán a realizar entre os días 5 e 23 de xullo de 2021, dirixidos ás persoas interesadas non matriculadas actualmente na EMAO, que cumpran os requisitos indicados en cada un dos cursos. 

¿Anímaste?

[Véxanse as condicións para a inscrición ao remate desta entrada]

CURSOS QUE SE CONVOCAN: 

DEBUXO ARTÍSTICO E PINTURA: “MANCHA vs. LIÑA”

Impartido por Federico Fernández e Darío Basso, mestres destas especialidades na EMAO
Destinatarios/as: calquera persoa interesada
Datas: do 7 ao 22 de xullo de 10:00 a 13:00 horas
Duración: 36 horas
Obxectivo: Monográfico de iniciación á Creación Plástica que se centrará nas posibilidades da liña e as súas alternativas complementarias coa mancha.  

Programa:
Obxectivo xeral: achegamento básico á liña e a mancha como vertebradores da imaxen plástica.
Obxectivos específicos:

  • Analizar obras nas que o uso da liña e o uso da mancha sexan claves para a súa construcción
  • Coñecer a linguaxe da liña e da mancha
  • Coñecer as técnicas cas que abordar os debuxos no uso da liña e da mancha combinando os dous elementos
  • Utilizar o recurso gráfico da liña a través da trama, o garabato e a textura visual
  • Utilizar o recurso plástico da mancha para a integración da imaxen no espazo visual
  • Realizar debuxos acabados utilizando estes recursos gráficos

Contidos

  • Unha mirada á historia da representación plástica, desde o Renacemento ata o século XX
  • A linguaxe gráfica básica da liña e a plasticidade da mancha
  • A trama. O garabato. Os degradados. As texturas visuais
  • Realización práctica do uso da liña e da mancha, a trama e a textura.
  • Estudo e observación destes elementos a partir de debuxos de láminas
  • Aplicación práctica dos recursos gráficos e plásticos destes elementos utilizando modelos naturais

Material a aportar polo alumnado: block de debuxo A3 180/200gr. ou Canson c a grain ou fabriano academia estilógrafos de varios grosores (custo estimado material a mercar polo alumnado: 20 €)
Alumnado máximo: 15

CERÁMICA ARTÍSTICA E SERIGRAFÍA ARTÍSTICA: “TRANSFERIBLES: SERIGRAFÍA CERÁMICA”

Impartido por Miguel Vázquez e Alba Pardo, mestre e mestra da EMAO destas especialidades

Destinatarios/as: persoas con coñecementos previos en cerámica ou serigrafía adquiridos na EMAO ou acreditados presentando un currículum formativo
Datas: do 9 ao 22 de xullo, de 10 a 13,30 horas
Duración: 36 horas
Obxectivo: aproximación á serigrafía cerámica mediante as posibilidades da cuatricromía como proceso experimental

Programa:
Tratamento das imaxes elixidas: separación en canais e angulación de trama
Preparación da pantalla serigráfica, emulsionado, insolado, revelado, rexistro,
Estampación das tintas e da película de extracción,
Ancoraxe dos transfer sobre soporte cerámico
Esmaltado e cocción.
Material a aportar polo alumnado: Cinta adhesiva (de embalaxe e de pintor), acetato transparente de 42 x 60 cm aproximadamente, memoria USB (pendrive), luvas, regra de corte, cúter.
Alumnado máximo: 10

DESEÑO E ENCAIXE DE PALILLOS E ARTESANÍA EN COIRO: “O FÍO NA PEL”

Impartido por Marian Nuñez e Pepe Pereira mestra e mestre destas  especialidades na EMAO
Destinatarios/as: calquera persoa, sen necesidade de que teña coñecementos previos de ningunha das materias.
Datas: do 5 ao 15 de xullo, de 10:00 a 14:00 horas
Duración: 36 horas
Obxectivos: Realizando un colar tipo Gola faremos unha pequena aproximación a técnicas básicas das dúas especialidades mantendo un primeiro contacto cos materiais.
Programa:
Artesanía en Coiro
  • ¿Qué é o Coiro? Definición e tipos
  • ¿Qué é o curtido? Definición e tipos
  • Aproximación ás técnicas decorativas
  • O Repuxado
  • O Modelado
  • A costura de Guarnicioneiro

Deseño e Encaixe de Palillos (metodoloxía teórico-práctica)

  • Materiais e ferramenta a empregar
  • Deseño para a estrutura do encaixe
  • Enchido dos palillos
  • Realización básica do punto de tecido e cordóns (Par Enteiro)
  • Engarzar o fío na peza de coiro para completar a peza realizada en coiro
  • Remate do punto de tecido para unir coa pel

Material a aportar polo alumnado: os consumíbeis que se solicitan, compraranse unha vez comece o curso, pois adaptaranse ao que hai que crear. O fío se pode aproveitar o que teñan ou mercar novo.
Custo de mercado aproximado do material: 18 €
Alumnado máximo: 10

CAIM-ZANFONA: “BANCO DE CARPINTEIRO”

Impartido por Xaime Rivas, mestre da EMAO da especialidade
Destinatarios/as: O curso está destinado a ofrecer un punto de arrinque a todas aquelas persoas que queren iniciarse na artesanía musical.
Datas: do 5 ao 20 de xullo, de 10 a 13 horas
Duración: 36 horas
Obxectivo: Manexar e preparar a ferramenta manual que se emprega en carpintaría e por extensión na construción de instrumentos musicais de madeira.

Programa:

  • Manexo de ferramenta do banco de carpinteiro a través da realización dos obxectos propostos

Material a aportar polo alumnado: madeira de Faia (gasto e consumo compartido polo grupo de asistentes). Taboleiro de contrachapado de 600x400x4mm (para emprego individual)
Alumnado máximo: 8

CAIM GAITA: “INICIACIÓN Á CONSTRUCIÓN DE PALLETAS”

Impartido por Carlos Corral, mestre da EMAO da especialidade
Destinatarios/as: persoas interesadas, en xeral, que non fixeran o curso habitual, e preferentemente gaiteiros/as.
Datas: do 5 ao 15 de xullo, de 10 a 14 horas
Duración: 36 horas
Obxectivo: Iniciarse na construción e posterior manipulado de palletas


Programa:

  • Identificación e selección da cana
  • Calibrado do interior das palas
  • Conformación da estrutura, mecanizado e axuste do tudel
  • Montaxe da palleta, elaboración e colocación do ferrete
  • Desbaste das paletas, afinación

Material a aportar polo alumnado: navalla e calibre (pe de rei) (prezo estimado de mercado: o custo dependerá da calidade do que se merque, podendo oscilar entre os 30 e os 50 €)
Alumnado máximo: 8
 

MODA E CONFECCIÓN: “NON SEI COSER UN BOTÓN”

Impartido por Emma Pintos, mestra da EMAO da especialidade
Destinatarios/as: calquera persoa interesada en aprender “costura de supervivencia”
Datas: do 12 ao 23 de xullo, de 9,30 a 13,00 horas
Duración: 36 horas
Obxectivo: Curso se introdución á costura. Nestas sesións trataranse as técnicas básicas de costura a man e a máquina traballando sobre proxectos sinxelos e prácticos.


Programa:
  • Conceptos básicos de costura a man
  • Ferramentas necesarias na caixa de costura
  • Coser diferentes tipos de botóns
  • Puntadas manuais básicas ( pespunte, puntada invisible, sobrefiado...)
  • A máquina de coser:
  • Partes da máquina
  • Manexo da máquina
  • Tipos de costuras
  • Proxecto 1 mandil e o mantel - Proxecto 2 a bolsa da compra- Proxecto 3 a mochila festivaleria- Proxecto 4 funda de tesoira e alfineteiro

Material a aportar polo alumnado: alfinetes, agullas, cinta métrica,tesoira, dedal, e teas e accesorios para os proxectos (serán especificados o primeiro día de clase)
Alumnado máximo: 14
 

TALLA E ESCULTURA EN MADEIRA: “ESTAMPACIÓN E EDICIÓN DUNHA CARPETA DE GRAVADOS” 

Impartido por Rosa García mestra da EMAO da especialidade
Destinatarios/as: persoas cun interese artístico no campo da arte gráfica e a edición
Datas: do 5 ao 20 de xullo, de 10 a 13 horas
Duración: 36 horas
Obxectivo: realización dunha tiraxe de gravados en relevo e confección dunha caixa e carpeta artística como concepto de obra orixinal.
Programa:
  • O gravado en relevo
  • Entintado e estampación nunha, dúas tintas e oco
  • Realización dunha serie para a súa edición
  • A importancia da presentación como parte da obra
  • Elaboración dunha caixa co deseño axeitado aos gravados
  • Establecer un diálogo entre contedor e contido

Material a aportar polo alumnado: linóleo, papeles de gravado, libreta de apuntes/debuxo, regla de corte (metálica) e cúter
Alumnado máximo: 8

-------------------------------------------------------------------------------------------------------------------
INSCRICIÓN E CONDICIÓNS COMÚNS A TÓDOLOS CURSOS

Duración: 36 horas
Datas: entre o 5 e o 23 de xullo de 2021. Horario de maña (consúltense datas e horarios específicos)
Lugar: Aulas e talleres da Escola Muncipal de Artes e Oficios de Vigo
Prazas limitadas: ver número máximo de alumnos/as na convocatoria específica

Inscrición: 

Ata o 1 de xullo

Gratuíta

Mediante envío de correo electrónico ao enderezo emao@vigo.org, cos seguintes datos (imprescindibles para ser admitido/a):

  • No "Asunto": [nome do curso]
  • Nome e apelidos do/a solicitante:
  • DNI:
  • Enderezo de correo electrónico no que desexan recibir a confirmación de admisión, se é o caso.
  • Anos nos que cursou estudos da especialidade na EMAO: [só curso de Cerámica e Serigrafía]
  • Acreditación de coñecementos previos mediante currículum (ou enlace a páxina web persoal), só no caso dos cursos nas que se requira experiencia ou coñecementos previos.

Admisión de solicitudes:

  • Non poderán inscribirse as persoas que estean matriculadas na EMAO no curso 2020-2021
  • Só se admiten persoas maiores de 16 anos.
  • Só serán válidas as solicitudes que non cumpran estritamente as condicións indicadas nesta convocatoria para cada curso en concreto. 
  • A inscrición farase por estrita orde de recepción do correo electrónico de solicitude ata cubrir o máximo de prazas ofertadas [agás naqueles cursos nos que se esixa coñecemento ou experiencia previa, que deberán pasar polo filtro previo de cumprir este requisito]
  • A confirmación da matrícula realizaraa a EMAO exclusivamente por correo electrónico. No caso de producírense vacantes no primeiro día do curso, convocarase á lista de reserva.
Será obrigatorio o cumprimento das normas de prevención COVID-19 da EMAO.

30 de xuño de 2019

Convocatoria do curso 2019-2020 na Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo



Convocatoria xeral do curso 2019-2020
Información completa e horarios

Preinscrición 
A preinscrición, nas prazas ofertadas poderá facerse, nos prazos sinalados:
  • Por internet: na web-EMAO [opción recomendada] http://emmavigo.org/emaoadmin/preinscricion/
  • Presencial: na oficina administrativa da EMAO entregando cuberto o Impreso de pre-inscrición subministrado nela. Tamén cubrindo dende o ordenador e imprimindo o "Formulario de Pre-inscrición", un PDF editable que deberá entregarse presencialmente por duplicado, unha vez impreso polo solicitante, na Oficina Administrativa (cubrilo, sen entregalo, ou envialo por email, non é válido como inscrición)
O listado de pre-inscritos exporase no tabolerio oficial de anuncios da EMAO (en adiante o Taboleiro) e na web-EMAO. Darase un prazo de un día, parapresentar reclamacións ao listado.
Rematado ese prazo -no caso de que existan máis solicitudes ca prazas ofertadas realizaranse probas de acceso para asignar as prazas agás nas especialidades de Pintura e Debuxo, nas que se asignarán por sorteo entreos solicitantes cuxa solicitude sexa válida, conforme ao procedemento quese establece nas presentes normas.
Unha vez finalizado o prazo de pre-inscrición exporase no Taboleiro e na web-EMAO a relación definitiva de admitidos, clasificados por especialidades e cursos.

Prazos  
Ata a 6 de setembro: Preinscrición alumnado de novo ingreso (só internet)
Ata ao 31 de xullo e de 2 a 6 de setembro: Preinscrición alumnado de novo ingreso(presencial e internet)
28 de xuño: Listado de alumnado apto no curso 2018-2019
11 de setembro:
  • Publicación listados solicitantes novo ingreso.
  • Listados provisionais de alumnado procedente de cursos anteriores, coa súa asignación ao nivel que lle corresponde no curso 2019-2020.
16 de setembro: sorteo para inscrición de alumnado de novo ingreso (só especialidades de Pintura, Debuxo artístico ) ás 12 h. da mañá na Biblioteca da EMAO.
16-20 setembro: Celebración das probas de acceso, no/s día/s concretos que publicamente  se indiquen nos primeiros día de setembro.
23 de setembro:
  • Listas de admitidos de novo ingreso despois do sorteo e probas de acceso
  • Listas definitivas de alumnado procedente de cursos anteriores, coa súa asignación ao nivel que lle corresponde no curso 2019-2020.
A presenza neste listado significa que asúa matrícula foi dada de alta para este curso.

24-27 de setembro: Matrícula alumnado de novo ingreso. De 10,00 a 13,00 e 16,00 a 20,00 horas.
30 de setembro : Horario de mañá de 08,00 ata as 14,00 horas.
1 de outubro:
Comezo do curso
 
A matriculación na EMAO implica a aceptación plena dos programas, horarios e Normativa que rexen a actividade da Escola

Matrícula
As persoas finalmente seleccionadas deberán obrigatoriamente para seren admitidas, formalizar a súa matrícula, mediante a presentación na Oficina administrativa do impreso oficial que se poderá recoller na mesma. Con este impreso deberán aportar copia do DNI ou Pasaporte.
A non formalización da matrícula en prazo, significará a inmediata baixa, e, consecuentemente, a praza será ofrecida ao/á/s solicitante/s quecorresponda na lista de reserva derivada da aplicación dos resultados do sorteo ou probas de acceso (se é o caso). 

Horarios de administración e información 
Lugar: Edificio principal da EMAO, rúa García Barbón, 5.
Horario: de 10 oh. a 14 h., laborables de luns a venres (agosto, pechado).
 

Información 
✔Correo electrónico: emao@vigo.org
✔Tfno.: 986228088
Toda a información sobre a preinscrición, matricula, prazos, horarios, sorteo y probas de acceso, prazas de novo ingreso que se ofertan, cursos extraordinarios de Moda e confección e de Deseño e Encaixe de palillos: preme aquí

8 de maio de 2019

Tanned Women: Honoring Women in Leathercraft


Xa tedes na nosa hemeroteca do fondo moderno o número de maio e xuño da revista norteamericana "Leather Crafters & Saddlers Journal". Neste número publícase un artigo do noso mestre de artesanía do coiro, Pepe Pereira, baixo o título de Tanned Women: honoring Women in leathercraft, que trata sobre la exposición "Curtidas" da que el foi comisario recentemente,  onde se facía unha merecida homenaxe ás mulleres que ao longo da historia se adicaron ao traballo do coiro nalgunha das súas vertentes: profesional, afeccionada ou artística.
Parabéns a Pepe, que coa publicación do seu artigo nunha revista que é referencia mundial desta especialidade, ainda pon máis de relevo a importancia do traballo que se está facendo nesta Escola desde hai uns anos. 
Para exemplo serven as exposicións organizadas pola especialidade de Artesanía do Coiro, na nosa sala de exposicións Espazo EMAO, que son pioneiras non só en Galicia senón tamén a nivel nacional, pola calidade das pezas expostas, a variedade e prestixio dos artesáns participantes e a diversidade das técnicas mostradas. 

#handmadenothomemade (coiro: cor e volume)
"Coiro... aínda que non o pareza"
 "100 x 100 Coiro"






2 de maio de 2019

Xornadas dos Oficios do Coiro en Allariz, do 3 ao 5 de Maio 2019


Entre os días 3 e 5 de maio desenvolveranse en Allariz unha nova edición das Xornadas dos Oficios do Coiro.
O 3 de maio, ás 20’30h na sala “A Paneira” inaugúrase a exposición “Cada un ve o que sabe” de Juan García Olmedo (Córdoba), unha colección de pezas tridimensionais realizadas coa técnica de “cuir bouilli” (coiro cocido) e terminadas coa utilización de texturas, cor e epigrafías características da súa obra. Esta exposición estará aberta ata o día 25 de maio.


27 de mar. de 2019

CONVOCATORIA CURSO "APROXIMACIÓN ÁS TÉCNICAS DECORATIVAS EN COIRO" NA EMAO

CONVOCATORIA DO CURSO MONOGRÁFICO 
APROXIMACIÓN ÁS TÉCNICAS DECORATIVAS EN COIRO
Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo

Dentro da programación prevista no Plan de Estudos da Escola Municipal de Artes e Oficios (PEMAO15), faise a Convocatoria do seguinte curso monográfico aberto ás persoas interesadas que non estean matriculadas no curso 2018-19 na EMAO e que cumpran os requisitos que se indican:

Aula Artesanía en Coiro: Aproximación ás técnicas decorativas en coiro
Impartido por Pepe Pereira Somoza , mestre da especialidade de Artesanía en coiro na EMAO
Destinatarios: Aberto ao público interesado no traballo do Coiro. Non é necesario ter experiencia. Non poderán estar matriculados en ningunha especialidade da EMAO no curso 2018-19
Datas: do 10 de abril ao 12 de xuño de 2019, mércores non festivos de 10,00h a 14,00h.
Duración: 30 horas (7 sesións)

Obxectivo: As técnicas decorativas aplicadas no coiro teñen unha longa tradición na nosa Escola, pretendemos con este curso facer unha pequena introdución histórica a cada unha das técnicas que imos empregar e coñecer a súa aplicación, os materiais máis axeitados para cada unha e as ferramentas propias.
Coñeceremos técnicas decorativas para aplicar no coiro e outras para facer pezas decorativas con coiro, mediante a elaboración de pequenas mostras que se poderán empregar a posteriori para elaborar pezas.

Programa:
Repuxado.
Labrado.
Estampado.
Texturas.
Costuras decorativas
Modelado.
Trenzado
Tallado
Material a aportar polo alumnado: Tireta de coiro, agullas e burís para repuxar.

CONDICIÓNS DE MATRÍCULA E ADMISIÓN

Datas: do 10 de abril ao 12 de xuño de 2019, mércores non festivos de 10,00h a 14,00h.
Lugar: Aula de Artesanía en Coiro da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo
Prazas limitadas: 15 persoas

Inscripción:
Gratuíta. Mediante envío de correo electrónico ao enderezo emao@vigo.org, cos seguintes datos (imprescindibles)
  • Asunto: Solicitude inscripción Curso “Aproximación ás técnicas decorativas en coiro”
  • Corpo da mensaxe:
  • Nome e apelidos do/a solicitante e DNI
  • Enderezo de correo electrónico no que desexan recibir a confirmación de admisión, se é o caso.
Admisión de solicitudes:

Prazo: ata o 5 de abril de 2019
  • Non poderán inscribirse as persoas que estean matriculadas na EMAO no curso 2018-2019
  • Só se admiten persoas maiores de 16 anos.
  • Só serán válidas as solicitudes que cumpran estrictamente as condicións indicadas nesta convocatoria
  • A inscrición farase por estricta orde de recepción do correo electrónico de solicitude ata cubrir o máximo de prazas ofertadas.
  • A confirmación da matrícula realizaráa a EMAO exclusivamente por correo electrónico. No caso de producírense vacantes no primeiro día do curso, convocarase aos reservas.

21 de feb. de 2019

Presentación do Centro de Formación Artesanal Maragato na Hemeroteca



Mañá, venres 22 ás 18:00 h na nosa hemeroteca terá lugar a presentación do Centro de Formación Artesanal Maragato de Santa Colomba de Somoza (León). Neste centro impartirase formación en marroquinería, calzado artesán e cerámica artística.

20 de feb. de 2019

Demostración de Estampado e Aplicación de Cor ao Alumnado de Artesanía do Coiro


Líen Deraedt  de Tandy Leather España realizou onte unha demostración de Estampado e Aplicación de cor e acabados ao alumnado de artesanía do coiro.

11 de feb. de 2019

A Exposición "Curtidas" no Faro de Vigo



Hoxe, Faro de Vigo, publica un artigo "Un arte en cueros" sobre a exposición "Curtidas" que se pode visitar na nosa sala de exposicións Espazo Emao. Nesta exposición faise un recoñecemento público a todas aquelas mulleres que ao longo da historia se adicaron ao traballo do coiro nalgunha das súas vertentes: profesional, afeccionada ou artística; unha paixón por unha actividade case sempre compartida coas responsabilidades das súas vidas como nais, traballadoras, mulleres.
A Escola Municipal de Artes e Oficios, cunha longa tradición nas ensinanzas artesáns en Coiro, achega ao público con esta mostra as posibilidades, a estética e a funcionalidade do traballo neste material. 
Parabéns ao seu comisario polo seu excelente traballo.

Exposición:
Lugar: Espazo EMAO. Edificio Anexo da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo (entrada polas rúas Rosalía de Castro e Pontevedra).
Datas: do 25 de xaneiro ao 1 de marzo de 2019. Inauguración o 25 de xaneiro ás 19:00 horas
Horario: de 19:00 a 21:00 horas, días laborables

Comisario: Pepe Pereira, mestre de Artesanía en Coiro da EMAO

24 de xan. de 2019

Montaxe da Exposición "Curtidas" no Espazo Emao



Lugar: Espazo EMAO. Edificio Anexo da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo (entrada polas rúas Rosalía de Castro e Pontevedra).  
Datas: do 25 de xaneiro ao 1 de marzo de 2019. Inauguración o 25 de xaneiro ás 19:00 horas  
Horario: de 19:00 a 21:00 horas, días laborables 
Comisario: Pepe Pereira, mestre de Artesanía en Coiro da EMAO  
Cartaz: Marian Núñez, mestra de Deseño e encaixe de palillos da EMAO 
Produción e montaxe: Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo  
Axudante de montaxe: Alberto Couñago