Amosando publicacións coa etiqueta Administración. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Administración. Amosar todas as publicacións

16 de xuño de 2021

Convocatoria: Escola de Verán da EMAO 2021

 Dentro da programación prevista no Plan de Estudos da Escola Municipal de Artes e Oficios (PEMAO15), faise a seguinte Convocatoria de cursos de Verán a realizar entre os días 5 e 23 de xullo de 2021, dirixidos ás persoas interesadas non matriculadas actualmente na EMAO, que cumpran os requisitos indicados en cada un dos cursos. 

¿Anímaste?

[Véxanse as condicións para a inscrición ao remate desta entrada]

CURSOS QUE SE CONVOCAN: 

DEBUXO ARTÍSTICO E PINTURA: “MANCHA vs. LIÑA”

Impartido por Federico Fernández e Darío Basso, mestres destas especialidades na EMAO
Destinatarios/as: calquera persoa interesada
Datas: do 7 ao 22 de xullo de 10:00 a 13:00 horas
Duración: 36 horas
Obxectivo: Monográfico de iniciación á Creación Plástica que se centrará nas posibilidades da liña e as súas alternativas complementarias coa mancha.  

Programa:
Obxectivo xeral: achegamento básico á liña e a mancha como vertebradores da imaxen plástica.
Obxectivos específicos:

  • Analizar obras nas que o uso da liña e o uso da mancha sexan claves para a súa construcción
  • Coñecer a linguaxe da liña e da mancha
  • Coñecer as técnicas cas que abordar os debuxos no uso da liña e da mancha combinando os dous elementos
  • Utilizar o recurso gráfico da liña a través da trama, o garabato e a textura visual
  • Utilizar o recurso plástico da mancha para a integración da imaxen no espazo visual
  • Realizar debuxos acabados utilizando estes recursos gráficos

Contidos

  • Unha mirada á historia da representación plástica, desde o Renacemento ata o século XX
  • A linguaxe gráfica básica da liña e a plasticidade da mancha
  • A trama. O garabato. Os degradados. As texturas visuais
  • Realización práctica do uso da liña e da mancha, a trama e a textura.
  • Estudo e observación destes elementos a partir de debuxos de láminas
  • Aplicación práctica dos recursos gráficos e plásticos destes elementos utilizando modelos naturais

Material a aportar polo alumnado: block de debuxo A3 180/200gr. ou Canson c a grain ou fabriano academia estilógrafos de varios grosores (custo estimado material a mercar polo alumnado: 20 €)
Alumnado máximo: 15

CERÁMICA ARTÍSTICA E SERIGRAFÍA ARTÍSTICA: “TRANSFERIBLES: SERIGRAFÍA CERÁMICA”

Impartido por Miguel Vázquez e Alba Pardo, mestre e mestra da EMAO destas especialidades

Destinatarios/as: persoas con coñecementos previos en cerámica ou serigrafía adquiridos na EMAO ou acreditados presentando un currículum formativo
Datas: do 9 ao 22 de xullo, de 10 a 13,30 horas
Duración: 36 horas
Obxectivo: aproximación á serigrafía cerámica mediante as posibilidades da cuatricromía como proceso experimental

Programa:
Tratamento das imaxes elixidas: separación en canais e angulación de trama
Preparación da pantalla serigráfica, emulsionado, insolado, revelado, rexistro,
Estampación das tintas e da película de extracción,
Ancoraxe dos transfer sobre soporte cerámico
Esmaltado e cocción.
Material a aportar polo alumnado: Cinta adhesiva (de embalaxe e de pintor), acetato transparente de 42 x 60 cm aproximadamente, memoria USB (pendrive), luvas, regra de corte, cúter.
Alumnado máximo: 10

DESEÑO E ENCAIXE DE PALILLOS E ARTESANÍA EN COIRO: “O FÍO NA PEL”

Impartido por Marian Nuñez e Pepe Pereira mestra e mestre destas  especialidades na EMAO
Destinatarios/as: calquera persoa, sen necesidade de que teña coñecementos previos de ningunha das materias.
Datas: do 5 ao 15 de xullo, de 10:00 a 14:00 horas
Duración: 36 horas
Obxectivos: Realizando un colar tipo Gola faremos unha pequena aproximación a técnicas básicas das dúas especialidades mantendo un primeiro contacto cos materiais.
Programa:
Artesanía en Coiro
  • ¿Qué é o Coiro? Definición e tipos
  • ¿Qué é o curtido? Definición e tipos
  • Aproximación ás técnicas decorativas
  • O Repuxado
  • O Modelado
  • A costura de Guarnicioneiro

Deseño e Encaixe de Palillos (metodoloxía teórico-práctica)

  • Materiais e ferramenta a empregar
  • Deseño para a estrutura do encaixe
  • Enchido dos palillos
  • Realización básica do punto de tecido e cordóns (Par Enteiro)
  • Engarzar o fío na peza de coiro para completar a peza realizada en coiro
  • Remate do punto de tecido para unir coa pel

Material a aportar polo alumnado: os consumíbeis que se solicitan, compraranse unha vez comece o curso, pois adaptaranse ao que hai que crear. O fío se pode aproveitar o que teñan ou mercar novo.
Custo de mercado aproximado do material: 18 €
Alumnado máximo: 10

CAIM-ZANFONA: “BANCO DE CARPINTEIRO”

Impartido por Xaime Rivas, mestre da EMAO da especialidade
Destinatarios/as: O curso está destinado a ofrecer un punto de arrinque a todas aquelas persoas que queren iniciarse na artesanía musical.
Datas: do 5 ao 20 de xullo, de 10 a 13 horas
Duración: 36 horas
Obxectivo: Manexar e preparar a ferramenta manual que se emprega en carpintaría e por extensión na construción de instrumentos musicais de madeira.

Programa:

  • Manexo de ferramenta do banco de carpinteiro a través da realización dos obxectos propostos

Material a aportar polo alumnado: madeira de Faia (gasto e consumo compartido polo grupo de asistentes). Taboleiro de contrachapado de 600x400x4mm (para emprego individual)
Alumnado máximo: 8

CAIM GAITA: “INICIACIÓN Á CONSTRUCIÓN DE PALLETAS”

Impartido por Carlos Corral, mestre da EMAO da especialidade
Destinatarios/as: persoas interesadas, en xeral, que non fixeran o curso habitual, e preferentemente gaiteiros/as.
Datas: do 5 ao 15 de xullo, de 10 a 14 horas
Duración: 36 horas
Obxectivo: Iniciarse na construción e posterior manipulado de palletas


Programa:

  • Identificación e selección da cana
  • Calibrado do interior das palas
  • Conformación da estrutura, mecanizado e axuste do tudel
  • Montaxe da palleta, elaboración e colocación do ferrete
  • Desbaste das paletas, afinación

Material a aportar polo alumnado: navalla e calibre (pe de rei) (prezo estimado de mercado: o custo dependerá da calidade do que se merque, podendo oscilar entre os 30 e os 50 €)
Alumnado máximo: 8
 

MODA E CONFECCIÓN: “NON SEI COSER UN BOTÓN”

Impartido por Emma Pintos, mestra da EMAO da especialidade
Destinatarios/as: calquera persoa interesada en aprender “costura de supervivencia”
Datas: do 12 ao 23 de xullo, de 9,30 a 13,00 horas
Duración: 36 horas
Obxectivo: Curso se introdución á costura. Nestas sesións trataranse as técnicas básicas de costura a man e a máquina traballando sobre proxectos sinxelos e prácticos.


Programa:
  • Conceptos básicos de costura a man
  • Ferramentas necesarias na caixa de costura
  • Coser diferentes tipos de botóns
  • Puntadas manuais básicas ( pespunte, puntada invisible, sobrefiado...)
  • A máquina de coser:
  • Partes da máquina
  • Manexo da máquina
  • Tipos de costuras
  • Proxecto 1 mandil e o mantel - Proxecto 2 a bolsa da compra- Proxecto 3 a mochila festivaleria- Proxecto 4 funda de tesoira e alfineteiro

Material a aportar polo alumnado: alfinetes, agullas, cinta métrica,tesoira, dedal, e teas e accesorios para os proxectos (serán especificados o primeiro día de clase)
Alumnado máximo: 14
 

TALLA E ESCULTURA EN MADEIRA: “ESTAMPACIÓN E EDICIÓN DUNHA CARPETA DE GRAVADOS” 

Impartido por Rosa García mestra da EMAO da especialidade
Destinatarios/as: persoas cun interese artístico no campo da arte gráfica e a edición
Datas: do 5 ao 20 de xullo, de 10 a 13 horas
Duración: 36 horas
Obxectivo: realización dunha tiraxe de gravados en relevo e confección dunha caixa e carpeta artística como concepto de obra orixinal.
Programa:
  • O gravado en relevo
  • Entintado e estampación nunha, dúas tintas e oco
  • Realización dunha serie para a súa edición
  • A importancia da presentación como parte da obra
  • Elaboración dunha caixa co deseño axeitado aos gravados
  • Establecer un diálogo entre contedor e contido

Material a aportar polo alumnado: linóleo, papeles de gravado, libreta de apuntes/debuxo, regla de corte (metálica) e cúter
Alumnado máximo: 8

-------------------------------------------------------------------------------------------------------------------
INSCRICIÓN E CONDICIÓNS COMÚNS A TÓDOLOS CURSOS

Duración: 36 horas
Datas: entre o 5 e o 23 de xullo de 2021. Horario de maña (consúltense datas e horarios específicos)
Lugar: Aulas e talleres da Escola Muncipal de Artes e Oficios de Vigo
Prazas limitadas: ver número máximo de alumnos/as na convocatoria específica

Inscrición: 

Ata o 1 de xullo

Gratuíta

Mediante envío de correo electrónico ao enderezo emao@vigo.org, cos seguintes datos (imprescindibles para ser admitido/a):

  • No "Asunto": [nome do curso]
  • Nome e apelidos do/a solicitante:
  • DNI:
  • Enderezo de correo electrónico no que desexan recibir a confirmación de admisión, se é o caso.
  • Anos nos que cursou estudos da especialidade na EMAO: [só curso de Cerámica e Serigrafía]
  • Acreditación de coñecementos previos mediante currículum (ou enlace a páxina web persoal), só no caso dos cursos nas que se requira experiencia ou coñecementos previos.

Admisión de solicitudes:

  • Non poderán inscribirse as persoas que estean matriculadas na EMAO no curso 2020-2021
  • Só se admiten persoas maiores de 16 anos.
  • Só serán válidas as solicitudes que non cumpran estritamente as condicións indicadas nesta convocatoria para cada curso en concreto. 
  • A inscrición farase por estrita orde de recepción do correo electrónico de solicitude ata cubrir o máximo de prazas ofertadas [agás naqueles cursos nos que se esixa coñecemento ou experiencia previa, que deberán pasar polo filtro previo de cumprir este requisito]
  • A confirmación da matrícula realizaraa a EMAO exclusivamente por correo electrónico. No caso de producírense vacantes no primeiro día do curso, convocarase á lista de reserva.
Será obrigatorio o cumprimento das normas de prevención COVID-19 da EMAO.

8 de set. de 2020

Importante: Modificación da Convocatoria do curso 2020-21 na EMAO

IMPORTANTE:
MODIFICACIÓN DA CONVOCATORIA DO CURSO 2020-21 NA EMAO

No apartado 0 da convocatoria do curso 2020-21 na Escola Municipal de Artes e Oficios (Decreto do Concelleiro delegado de Educación de 02/06/2020) prevíase a posibilidade, en función das circunstancias concorrentes nas datas de inicio do curso, de modificar as características desta convocatoria (datas, número de prazas ofertadas, admisión de novo alumnado, modalidades presencial e online...)
A situación actual da pandemia COVID-19 e a necesidade de adaptarse ao escenario e condicións previsibles, así como circunstancias sobrevidas en relación co profesorado, obrigan a realizar os seguintes cambios na citada convocatoria, que se serán efectivos a partir da súa publicación:

1. Comezo de curso: previsto para o 14 de setembro, adíase ata o día 21 de setembro.
2. Coa finalidade de evitar a concentración de persoas nas instalacións, de xeito xeral e excepcional para todas as especialidades substitúese a proba de acceso ás prazas vacantes, por un sorteo, coas seguintes características:
a) Terá carácter público (cun máximo de 10 asistentes, previa cita) e será presidido por unha mesa composta por:
  • Xefa do Servizo de Educación ou persoa na que delegue.
  • Xefe de estudos da EMAO, que actuará como secretario
  • Un funcionario/a adscrito/a á Unidade Administrativa da EMAO, nomeado pola Xefa de Servizo de Educación.
b) O sorteo celebrarase o día 14 de setembro ás 12:00 h. mediante sistema aleatorio informático. Faráse un sorteo por cada unha das especialidades.
c) O secretario levantará acta do resultado do sorteo, que será exposta no Taboleiro e na web-EMAO.
d) Os listados do sorteo serán, a todos os efectos, considerados, pola orde resultante, como listas de reserva para o caso de que, ao longo do primeiro trimestre do curso, se producisen baixas no alumnado matriculado.

3. Vistas as condicións actuais das aulas-taller que se citan, coa fin de mellorar a seguridade do alumnado e profesorado, modifícanse -exclusivamente nas especialidades que se citan de seguido-, o número de prazas vacantes de novo ingreso ofertadas inicialmente nestas, conforme ao seguinte cadro:

Especialidade                                Prazas iniciais           Prazas finais 
                                                       (Nivel Básico)         (Nivel Básico)
* Cerámica artística                                   1                              0
* Serigrafía artística                                   9                              5
* Deseño e encaixe de palillos                   5                              3

As vacantes do resto das especialidades non se modifican, quedando igoal cá no cadro publicado coa convocatoria inicial.

4. Como consecuencia da baixa laboral da mestra titular o comezo do curso na especialidade de Moda e Confección adíase ata novo aviso.

5. Como consecuencia da recente renuncia ao seu posto de traballo do mestre de Encadernación, adíase o inicio do curso nesta especialidade, ata novo aviso, unha vez realizadas as probas selectivas correspondentes para cubrir a vacante docente producida.

6. Modifícanse os prazos previstos na Convocatoria inicial, quedando o calendario do seguinte xeito:

   - 9 de xullo ao 4 de setembro: admisión de solicitudes de pre-inscrición para alumnado de novo ingreso e do de convalidación para acceso a cursos superiores. Só recepción por internet e correo electrónico.
   - 8 de setembro: Publicación listados solicitantes novo ingreso
   -14 de setembro:
       . Celebración do sorteo, ás 12 horas
       . Listas de admitidos de novo ingreso despois do sorteo. Listado de admitidos por convalidación.
   - 15-18 de setembro: Formalización da matrícula do alumnado de novo ingreso e de convalidación. A matrícula é obrigatoria: farase de xeito presencial na Administración da Escola, en horario de 9:00 a 14:00 h, aportando copia do DNI. De non formalizarse nese prazo admitirase á seguinte persoa da lista de reserva. A matriculación na EMAO implica a aceptación plena dos programas, horarios e normativa que rexen a actividade da Escola.
    - 21 de setembro: inicio de curso (agás Moda e confección e Encadernación)

O Concelleiro delegado de Educación en Decreto de data ____  RESOLVEU o seguinte:

1. Aprobar a modificación da Convocatoria inicial do curso 2020-21 na Escola Municipal de Artes e Oficios.
2. Publicar esta modificación e notificala ao alumnado matriculado e pre-inscritos no curso 2020-21 nesta Escola.

11 de set. de 2013

Sorteo Selección de Alumnado Para O Curso 2013-2014 da Escola Municipal de Artes e Oficios


Hoxe, 11 de setembro de 2013, ás 9:30, tivo lugar o sorteo  público para os cursos da Escola Municipal de Artes e Oficios, de conformidade coa información públicada na páxina web da Emao e no taboleiro de anuncios. O acto contou coa prencia do Director da Escola, Rafael Ojea Pérez, o Xefe de Estudos, Xosé Feixó Cid, a Secretaria da Xunta Reitora, Mª Concepción Campos Acuña  e o Auxiliar Administrativo, Francisco Torres Rodríguez. Realizou a extración das bolas Mª José González López, asistente ao sorteo.

9 de set. de 2013

Exposición das listaxes provisionais de pre-inscrición na EMAO-Vigo

Está exposto no taboleiro de anuncios da EMAO, e na páxina web da mesma, a listaxe provisional de preinscrición, para o alumnado de novo ingreso, curso 2013-2014.
Pódense presentar reclamacións ao mesmo, os días 9 e 10 de setembro, dirixíndose persoalmente (en horario de 9:00 a 14:00 horas) ou por correo electrónico (emao@vigo.org) á administración da EMAO.

Tamén se pode consultar nos mesmos lugares, o listados de alumnado procedente de cursos anteriores, coa súa signación de nivel e aula.

O SORTEO previsto para a selección de admitidos (para todas as especialidades menos CAIM, Serigrafía, Cerámica e Encadernación) terá lugar o vindeiro día 11 de setembro ás 9:30 horas, nas dependencias da Escola.
O sorteo é de acceso público.

PROBAS DE ACCESO (CAIM, Cerámica, Encadernación e Serigrafía): 
  . Día 10, Serigrafía, ás 16,30 h., en quendas de 45 minutos.
  . Día 11, Cerámica, ás 16,30h., en quendas de 45 minutos.
  . Día 12, CAIM (Luthería Galita e Zanfona) e Encadernación, ás 16,30h, en quendas de 45 minutos.
A asistencia a estas probas é obrigatoria para poder optar á matrícula nas especialidades citadas.