Amosando publicacións coa etiqueta Entroido. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Entroido. Amosar todas as publicacións

2 de mar. de 2017

Cen Anos Despois

Foto de Rafael Ojea Pérez
Nestes pasados días do Entroido, algúns mestres da Escola Municipal de Artes e Oficios tiveron a feliz idea de recrear algunha de aquelas antigas fotos na que estaban todos os traballadores e traballadoras da Escola, pareceunos unha boa idea e moitos nos animamos a vestirnos coa moda daqueles tempos. Aquí tedes un adianto dos resultados.

Foto de Rafael Ojea Pérez

A foto antiga da que falamos e que nos serviu de inspiración é esta:

Foto do Fondo histórico da EMAO


4 de mar. de 2014

Quecendo Motores!!!




Hoxe, martes de entroido, algúns obradoiros, preparan o seus disfraces temáticos (O Greco, Degas, o Pop Art, os artistas de caballete, o século XVII ...) Esta tarde haberá unha xuntanza no aula de pintura a partir das 18:30. Animarvos!!!

28 de feb. de 2014

Entroido 2014 en Vigo


Os actos do Entroido 2014  comezan, hoxe venres 28, con murgas e charangas polo centro da cidade e os tradicionais "merdeiros" polo barrio histórico, a partir das 19:00 h; ás 19:30 h, a Escola Municipal de Teatro realizará na praza da Constitución o espectáculo manipulación. Ás 20:00 h, terá lugar a "Entronización do Meco" na Porta do Sol, para continuar ás 20:30 h co pregón, a cargo de Vigópolis. O Entroido 2014, que terá lugar do 28 de febreiro ao 5 de marzo, en distintos espazos da cidade. Máis información

13 de feb. de 2013

O Entroido 2013

 
Onte na Emao tivemos a nosa pequena celebración do Entroido, este ano tocou maioritariamente o tema da sanidade.

O Entroido é unha celebración pública que ten lugar inmediatamente antes da cuaresma cristiá, con data variable (desde finais de xaneiro ata principios de marzo segundo o ano), e que combina algúns elementos como disfraces, desfiles, e festas na rúa. Por extensión chámanse así algunhas festas similares en calquera época do ano. Malia as grandes diferenzas que a súa celebración presenta no mundo, a súa característica común é a de ser un período de permisividade e certo descontrol.
As orixes das palabras que denominan a esta festa son: o termo "Carne Vale" (é dicir "o adeus á carne"), do que despois derivou a palabra "Carnaval"; ó termo "Introitum" (que significa "a entrada á Coresma”) do que vén a palabra "Entroido" ou "Antroido”.
O entroido fai referencia a unha época de "carne" , tomando o sentido literal da palabra. O Entroido quere significar, dende sempre, a volta ó mundo do revés, a subversión, a ruptura das convencións sociais e o cambio de roles. As características comúns destes días son o comer, beber e cantar, rirse do máis sagrado, é dicir , as cousas que non se fan habitualmente.
A celebración do Entroido ten probablemente a súa orixe en festas paganas, como as que se realizaban en honor a Baco, o Deus do viño, as saturnais e as lupercales romanas, ou as que se realizaban en honor do boi Apis en Exipto. Segundo algúns historiadores, as orixes das festas do Entroido remóntanse ás antigas Sumeria e Exipto, hai máis de 5.000 anos, con celebracións similares na época do Imperio Romano, desde onde se difundiu o costume por Europa. Tamén pode ter relación con Carna a deusa Celta das fabas e o touciño. Tamén estaría conectada con festas indoeuropeas, dedicadas ao deus Karna (que no Mahabhárata aparece como un ser humano, irmán maior dos Pándavas, fillo do deus do Sol e a raíña Kuntí). Algunhas persoas creen que a palabra carnaval fai referencia a unha suposta antiga tradición pagana na que se ofrecía carne ao deus Baal (carna-baal) nunha festa de onde todo vale.
En Galicia o Entroido celébrase dende sempre. Existen manifestacións dunha moi fonda tradición e que aínda perduran hoxe, especialmente na provincia de Ourense, e nalgunhas partes de Lugo, mesturando esas tradicións ancestrais con outros elementos máis novos.
Entreo os chamados "ritos de grupo" (a súa orixe e significado é descoñecida) pódense citar: os Cigarróns, as Pantallas, os distintos Peliqueiros, os Correos, os Xenerais, etc. 

7 de feb. de 2013

Entroido 2013 na E-Trad


Os nosos amigos da Escola Municipal de Música Folk e Tradicional (E-TRAD), convocan a os seus alumnos a participar nas actividades do Entroido 2013 que organiza a Escola e comparten con nos este pequeno aperitivo, uns versos de Juanma Figueiro. É unha convocatoria para o disfrute destes días de entroido, son días de festa, de disfraces pero tamén son días para facer burla e  sátira do que nos acontece. As coplas tédelas aquí

Miñas Donas, meus Señores:
 tal e como está o ambiente
 (triste, tosco, deprimente...)
 e para aliviar as dores
 polas cousas que van mal

convocamos aos clientes,
aos alumnos, profesores,
e, en fin, a toda a xente
de Vigo e dos arredores
a cantar con Don Carnal.

A casados e solteiros,
sen esposa, con marido,
aos tristes e aflixidos,
aos alegres parrandeiros:
vinde cantar á ETRAD!

Para esquecer as penas,
para enterrar o loito,
este venres, día oito,
faremos unha verbena.
Vinde tocar á ETRAD!

No auditorio ás 6 da tarde
montaremos un ensaio,
antes de saír en manada
por Vigo, de parte a parte,
trouleando sen desmaio
entre a xente alborotada.

Vinde os de Conxunto!
Vinde os de Instrumento!
As coplas, polo momento,
tédelas no arquivo adxunto.
(Íanvos chegar por correo,
mais con esto dos recortes
non damos saído de pobres,
e co ive, a mala sorte
e o carallo 29,
están moi caros os portes,
que os cartos non caen do ceo
e non temos para SOBRES.)

E que viva Don Carnal!!!!!!!!!

22 de feb. de 2012

IMAXES DO ENTROIDO NA EMAO

O Entroido é unha festa pagá que se celebra no intre de tempo que vai desde o día dos Reis Magos ata o mércores de cinza no que comeza a Coresma, a súa caracteristica principal é o seu caracter lúdico e permisivo. Estes son algúns dos personaxes que visitaron a nosa biblioteca ...










E tamén a hemeroteca ...