Amosando publicacións coa etiqueta Emao. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Emao. Amosar todas as publicacións

29 de set. de 2021

"Biblioteca da EMAO": síguenos agora no Blog EMAOENLIÑA

Para mellorar a organización da presencia da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo en Redes sociais, trasladámonos ao Blog Emao en Liña, onde poderás atopar as mesmas informacións e contidos dos que disfrutabas en Biblioteca da EMAO, baixo as etiquetas [Biblioteca] e [Outras novas].

En EMAO EN LIÑA atoparás, ademais, información e recursos educativos proporcionados polo equipo docente das distintas especialidades e da administración da Escola.

¡Vémonos por alí!

PULSA PARA ACCEDER


NOTA: tódolos contidos publicados en Biblioteca da Emao nestes anos, permanecen neste mesmo blog

7 de set. de 2021

CONVOCATORIA DE PROBAS DE ACCESO E SORTEO PARA ALUMNADO DE NOVO INGRESO CURSO 2021-22

Para acceder por primeira vez á EMAO (curso Básico -tardes- ou Iniciación -mañás-) no caso de existiren máis solicitudes cá prazas, é imprescindible superar as probas de acceso que pola presente se convocan. Só no caso das especialidades de Pintura e Debuxo artístico, o acceso realizarase por sorteo entre as persoas preinscritas.

Consultar no Blog EMAOENLIÑA a convocatoria completa de probas de acceso e sorteo, calendario e horario:

AQUÍ

25 de xuño de 2021

Convocatoria xeral de preinscrición na EMAO curso 2021-22

 

CURSO 2021-2022
CONVOCATORIA XERAL
ESCOLA MUNICIPAL DE ARTES E OFICIOS DE VIGO


Xa se pode consultar e solicitar a pre-inscrición nas especialidades da EMAO que se convocan no curso 2021-22.


A. PRE-INSCRICIÓN E MATRÍCULA

1. ALUMNADO SOLICITANTE DE NOVO INGRESO

1. Preinscrición

A solicitude de pre-inscrición nas prazas ofertadas (apartado F) realizarase:
Por internet: na web-EMAO (curso 2021-22, apartado: "Preinscrición alumnado de novo ingreso")

Debido ás especiais condicións provocadas pola crise COVID-19 non se poderá facer a pre-inscrición presencial na oficina da EMAO. Se precisa información ou axuda, pode pedir cita previa, nos horarios de atención ao público que se indican no apartado C da presente convocatoria.

O listado de persoas pre-inscritas exporase no tabolerio oficial de anuncios da EMAO e na web-EMAO. Darase un prazo de un día, para presentar reclamacións ao listado.

Rematado ese prazo -no caso de que existan máis solicitudes ca prazas ofertadas- realizaranse probas de acceso para asignar as prazas agás nas especialidades de Pintura e Debuxo, nas que se asignarán por sorteo entre as persoas solicitantes cuxa solicitude sexa válida, conforme ao procedemento que se establece nas presentes normas.

Unha vez finalizado o prazo de pre-inscrición exporase no Taboleiro e na web-EMAO a relación definitiva de admitidos, clasificados por especialidades e cursos.

2. Matrícula

As persoas solicitantes finalmente seleccionadas deberán obrigatoriamente, para seren admitidas, formalizar a súa matrícula, mediante a presentación na Oficina administrativa do impreso oficial que se poderá recoller na mesma. Con este impreso deberán aportar copia do DNI ou Pasaporte.

A non formalización da matrícula no prazo indicado nesta convocatoria, significará a inmediata baixa, e, consecuentemente, a praza será ofrecida ao/á/s solicitante/s que corresponda na lista de reserva derivada da aplicación dos resultados do sorteo ou probas de acceso (se é o caso). [...]

[...] TEXTO COMPLETO DA CONVOCATORIA E FORMULARIO DE PRE- INSCRICIÓN AQUÍ

 

22 de feb. de 2021

A EMAO Retoma a súa Actividade Presencial


 

Ao abeiro do disposto no artigo segundo 4.2. da Orde da Consellería de Sanidade de 15 de febreiro de 2021 (DOG 15/02/2021) como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, as clases presenciais na EMAO comezan hoxe luns, 22 de febreiro.

Lémbrovos que a Biblioteca tamén retomou os seus servizos presenciais, polo momento cun aforo reducido ao trinta por cento da capacidade máxima permitida.

27 de xan. de 2021

Peche Temporal da EMAO pola Crise Epidemiolóxica Derivada do COVID-19 [BIBLIOTECA]

 

Seguindo instrucións da Concellería de Educación e conforme á ORDE do 26 de xaneiro de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, comunicámoslle que a partir da data de hoxe, 27 de xaneiro, suspéndense ata o 17 de febreiro de 2021 as clases presenciais na Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo.
O/a mestre/a da especialidade na que está matriculado/a, porase en contanto con vostede para indicarlle as actividades que, durante este tempo, se proporán de xeito non presencial mediante o uso dos medios e ferramentas online e de comunicación do que dispoña.
A reanudación das clases presenciais seralle comunicada por este mesmo medio.

Peche Temporal da Biblioteca da EMAO [BIBLIOTECA]


 

29 de set. de 2020

NORMAS NO INICIO DO CURSO 2020-21 PARA A PREVENCIÓN COVID-19 NA EMAO. ALUMNADO E VISITANTES

Por Resolución de 29/09/2020 do Concelleiro delegado de Educación, aprobáronse as seguintes Normas para a prevención COVID-19 na Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo.

Pero lembramos que a máis importante norma a cumprir é a de estarmos informados, sermos prudentes e ter responsabilidade individual.

NORMAS NO INICIO DO CURSO 2020-21 PARA A PREVENCIÓN COVID-19 NA EMAO. ALUMNADO E VISITANTES

0. Carácter destas normas
0.1. Estas normas son de obrigado cumprimento por todo o alumnado e visitantes.
A eventual negativa a cumprilas ou o seu incumprimento inxustificado conlevará ao inmediato abandono do edificio e, se é o caso, a apertura dun expediente disciplinario á persoa infractora que poderá rematar na baixa definitiva na matrícula, ao abeiro do artigo 3.4.2. das normas do Plan de Estudos Vixente (PEEMAO15)
0.2. Estas normas teñen carácter provisional e poderán ser anuladas, modificadas ou adaptadas en función das circunstancias de evolución da pandemia COVID-19 ou doutras circunstancias que fagan conveniente a súa revisión.

1. Non asistencia con síntomas
Calquera persoa que presente síntomas compatibles coa COVID-19 non deberá asistir á EMAO, e deberá seguir as indicacións que lle dean os servizos de Saúde.

2. Prevención xeral básica

  • Lavado frecuente de mans con auga e xabón ou desinfección con solución hidroalcohólica
  • Manter a distancia interpersoal de alomenos 1,5 m
  • Uso obrigatorio de máscara homologada e en bo estado de uso
  • Non compartir no posible obxectos e, en caso de telo que facer, desinfectar antes e despois
  • En grupo, usar espazos exteriores ou interiores ventilados


3. Polo edificio da Escola. Entradas, saídas, estancia

  • Uso da porta de entrada e saída do edificio correspondente á aula da especialidade que se curso (Avda. García Barbón ou r/ Pontevedra). Na entrada da rúa Pontevedra establécese o sentido de circulación: subida polas escaleiras metálicas, baixada polas escaleiras de madeira.
  • Ao entrar na Escola é obrigatoria a desinfección de mans con solución hidroalcohólica
  • O uso de máscara é obrigatorio durante todo o tempo de permanencia nos edificios
  • Máxima puntualidade na entrada e saída. Nunca antes do profesor/a. Evítense esperas
  • Os descansos de clase, faranse, por vía da norma, fóra do edificio, evitando no posible permanecer no interior.
  • Evite, na medida do posible, a permanencia nas zonas comúns. Nestas zonas debe manter co resto dos ocupantes a separación recomendada de 1,5 m
  • A circulación por escaleiras, corredores e espazos comúns faráse o máis posible achegándose á dereita no sentido da marcha e respectando sempre a distancia interpersoal de 1,5 m
  • O tránsito entre o edificio principal e o Anexo polo interior da Biblioteca prohíbese agás para o persoal expresamente autorizado.
  • Minimizarase a utilización dos ascensores, primando os traxectos de subida e a circulación polas escaleiras. A ocupación máxima do ascensor é de 1 persoa por viaxe.
  • Minimizarase o contacto con elementos de uso común como pasamáns, barandas, bancos, manillas, portas e outros similares.
  • Elimínanse os listados de sinaturas de asistencia ás clases por parte do alumnado. A asistencia será rexistrada polo profesor/a da especialidade no parte correspondente, no que anotará diariamente as persoas asistentes e a súa hora de entrada e saída.


4. Normas específicas de cada aula taller

  • Cada aula/taller establece normas específicas de prevención COVID-19 que indicará o profesor/a. Son de obrigado cumprimento. O seu incumprimento poderá comportar a expulsión inmediata da aula/taller e, trala correspondente apertura dun expediente disciplinario, se é o caso, a baixa na matrícula.
  • Non está permitido entrar na Aula sen a presenza do profesor/a
  • Por vía da regra, sempre que sexa posible utilizarase o mesmo lugar na aula.
  • Deixarase nas clases o mínimo material posible. O que non sexa imprescindible deixar na EMAO o deberán levar a casa.
  • Non está permitido comer nin beber nas aulas nin lugares comúns dentro do edificio da Escola.
  • Ademais das operacións xerais de limpeza e desinfección dos elementos usados na aula que indique o profesor/a para cada caso, co uso do mobiliario, utillaxe, ferramenta e maquinaria de uso común deberá haber unha desinfección previa e posterior de mans.
  • As aulas/talleres ventilaranse 10 minutos dentro de cada hora de clase.
  • Non se usarán os colgadoiros das clases (cada persoa farase cargo da súa roupa nun lugar que nin interfira nin poida ser tocado por outras).


5. Biblioteca

  • O uso da Biblioteca pública García Barbón/EMAO, sen prexuízo do cumprimento tamén do aquí contido, rexerase polas súas propias normas e as dictadas polos organismos xerais para este tipo de equipamentos.

Horario:

  • Luns de 16:30 a 20:30
  • Martes a xoves de 9:00-12:30 e de 16:30-20:30
  • Venres de 9:00-12:30 e de 16:30-19:30
  • Aforo máximo en sala de lectura 15 persoas
  • Aforo máximo en sala Hemeroteca: 25 persoas
  • A distancia interpersoal entre usuarios e entre estes e o persoal da biblioteca será canto menos de 1,5 metros.
  • Uso obrigatorio da máscara en todo momento.
  • Antes e despois de manipular libros, prensa, publicacións periódicas, ordenadores e outros recursos deberanse lavar ou desinfectar as mans.
  • Auriculares de audición para os ordenadores: os usuarios/as utilizarán preferentemente os seus propios. Cando por circunstancias especiais deben prestarse os da biblioteca, o persoal previa desinfección das mans cubriraos con film transparente, que se desbotará o cambiará para o seguinte uso polo público.
  • Outros obxectos físicos da biblioteca que se intercambien cos usuarios: procurarase o uso de forma recorrente de xeles hidralcohólicos ou desinfectantes con carácter previo o posterior ao seu uso.
  • Seguindo as recomendacións da Subdirección Xeral de Coordinación Bibliotecaria e a Biblioteca Nacional de España redúcese o período de corentena para libros devoltos tras préstamo, a 7 días.


6. Actividades culturais externas

  • Por vía da regra as actividades culturais externas realizadas na Hemeroteca restrínxense só aos venres laborables en horario de 18:30 a 21:00. O aforo máximo da Hemeroteca é de 25 persoas (contando público e intervintes).
  • Anúlanse as actividades externas no Salón de Actos
  • O Espazo EMAO (Sala de exposicións) continuará aberto ao público nos horarios que se establezan para cada exposición, cun aforo máximo simultáneo de 20 persoas. Uso obrigatorio de máscaras e respecto á distancia interpersoal de 1,5 m.


7. Presencia de síntomas durante a estancia na Escola

  • Se presenta durante a estancia na Escola síntomas asociados á enfermidade COVID-19 (febre, tos, falta de aire ou dificultade para respirar) comuníqueo de inmediato ao profesor/a e/ou chame ao 986228088 (conserxería da EMAO) e siga as súas instrucións.

15 de set. de 2020

Por un erro informático, anulado o sorteo de asignación de prazas vacantes da EMAO celebrado o 14/09/2020

ANULACIÓN DO SORTEO PRAZAS VACANTES NA EMAO PARA O CURSO 2020-21 POR ERRO INFORMÁTICO E CONVOCATORIA DE NOVO SORTEO.


Damos conta e reproducimos o Decreto de data 15/09/2020 polo que se anula o sorteo -e as listas de admitidos provisionais derivadas del- celebrado o día 14/09/2020 ao detectarse un erro informático que afecta á aleatoriedade do proceso e á igoaldade de todas as persoas pre-inscritas.

O novo sorteo celebrarase o 18/09/2020 ás 11:00 horas na sala de Hemeroteca da Escola. Pedimos disculpas polas molestias e inconvenientes causados por causas alleas á nosa vontade, pero consideramos insoslaiable realizar a repetición do proceso para non danar os intereses da maior parte dos preinscritos.

_____________________________

"O concelleiro delegado de Educación en Decreto de data 02/06/2020 acordou, entre outras cuestións, a modificación da convocatoria do curso 2020-21 no sentido de substituír as probas previstas inicialmente para o acceso aos cursos de iniciación e básicos por un sorteo a celebrar o día 14/09/2020.

O sorteo por un sistema aleatorio informático, de carácter público, celebrouse o día 14/09/2020 ás 12:00 horas na sala da Hemeroteca da EMAO, coa presencia da mesa citada na convocatoria, dun técnico da empresa consultora de informática e dunha persoa que solicitara asistir presencialmente ao mesmo.

Como resultado do sorteo levantouse acta e emitíronse as listas de admisión e agarda nas especialidades nas que existía vacante, que foron publicadas, nese mesmo día, no taboleiro de anuncios da Escola e no apartado [EMAO-Curso 2020-21] da Web municipal.

O día 15/09/2020 detectáronse os seguintes erros, que deben considerarse críticos para as garantías de aleatoriedade e igoaldade do sorteo celebrado:

A) O día 15/09/2020 recíbese informe por correo electrónico da empresa informática consultora da EMAO para a realización do sorteo no que se indica a detección dun erro informático grave na celebración e na emisión das listas que afecta criticamente á necesaria aleatroriedade e igoaldade de tódolos participantes. O citado informe indica:

Nos sorteos realizados o luns 14/9/2020, non entraron nos bombos todas as preinscricións realizadas, por un erro de programación producido polos  cambios requeridos para este curso pola situación excepcional co Covid19.
Cando unha persoa fai unha preinscrición, pode anotarse en 2 cursos, un como primeira opción, e outro como segunda opción. Por exemplo, unha persoa pode preinscribirse como primeria opción en Debuxo, e como segunda opción en Moda.
E foron estas segundas opcións as que non entraron nos bombos dos sorteos.
O único curso onde quedaron prazas libres despois do sorteo, é Moda en Confección Extraordinario Grupo B.
Había 5 prazas para o sorteo e so 2 persoas preinscritas como primeira opción, polo que quedan 3 prazas libres.
En todos os demais cursos as prazas foron cubertas con preinscricións de primeira opción.
Este erro implica que toda a xente que realizou 2 preinscricións, quedou totalmente imposibilitada para conseguir praza no curso da súa segunda preinscrición, polo que a aleatoriedade dos sorteos non foi tal.

B) Detéctase así mesmo que se realizou por erro o sorteo para asignar as prazas vacantes dos “Cursos extraordinarios” A e B de Moda e Confección. Segundo a convocatoria, a estes cursos --de un só ano de duración e nos que se esixen coñecementos previos- non se accede por sorteo, senon mediante presentación e valoración de currículum e, se é o caso, proba de acceso. En consecuencia as listas publicadas para o acceso a estes cursos extraordinarios non poden considerarse válidas, debendo depender as listas definitivas da finalización do proceso de valoración das persoas candidatas.

Á vista dos erros detectados, que non son subsanables dadas as características do proceso de sorteo informático realizado, que se materializaron nun resultado discriminatorio para a maior parte das persoas solicitantes ao non poder optar á admisicón coa segunda opción elixida na solicitude,

PROPONSE ao concelleiro delegado de Educación, adoptar a seguinte resolución.

  1. Tomar coñecemento dos erros críticos informados e detectados na realización do sorteo para asignación de vacantes na EMAO para o curso 2020-21, celebrado ás 12:00 horas do día 14/09/2020 na sala da Hemeroteca da EMAO que implicaron que non todas as solicitudes entrasen no sistema aleatorio, producindo un efecto discriminatorio.

  2. En consecuencia, para garantir os intereses de tódalas persoas preinscritas, anular o sorteo celebrado e deixar sen efecto as listas de admitidos e de agarda resultantes do sorteo fallido que foron publicadas o 14/09/2020, así como, se é o caso, a confirmación de matrícula eu en base ás mesmas poidera terse producido.

  3. Celebrar novo sorteo o día 18 de setembro de 2020, ás 11:00 horas, na sala da Hemeroteca da Escola Municipal de Artes e Oficios. Terá carácter público -previa cita- e as mesmas normas publicadas para o do día 14 de setembro que se anula.

  4. No novo Sorteo non entrarán as persoas pre-inscritas nos cursos extraordinarios de “Moda e confección”, ao terse previsto na convocatoria o seu acceso por valoración de currículum e, se é o caso, proba de acceso.

  5. Aumentar o prazo de confirmación de matrícula ata o día 22 de setembro.

  6. Notificar ao conxunto das persoas interesadas a presente resolución.

RO/

En Vigo, na data da sinatura dixital

O técnico responsable de Educación de Adultos. Asdo.- Rafael Ojea Pérez

DECRETO

De conformidade co informe-proposta do Técnico responsable de Educación de Adultos de data 15/09/2020 que antecede,

RESOLVO

  1. Tomar coñecemento dos erros críticos informados e detectados na realización do sorteo para asignación de vacantes na EMAO para o curso 2020-21, celebrado ás 12:00 horas do día 14/09/2020 na sala da Hemeroteca da EMAO que implicaron que non todas as solicitudes entrasen no sistema aleatorio, producindo un efecto discriminatorio.

  2. En consecuencia, para garantir os intereses de tódalas persoas preinscritas, anular o sorteo celebrado e deixar sen efecto as listas de admitidos e de agarda resultantes do sorteo fallido que foron publicadas o 14/09/2020, así como, se é o caso, a confirmación de matrícula eu en base ás mesmas poidera terse producido.

  3. Celebrar novo sorteo o día 18 de setembro de 2020, ás 11:00 horas, na sala da Hemeroteca da Escola Municipal de Artes e Oficios. Terá carácter público -previa cita- e as mesmas normas publicadas para o do día 14 de setembro que se anula.

  4. No novo Sorteo non entrarán as persoas pre-inscritas nos cursos extraordinarios de “Moda e confección”, ao terse previsto na convocatoria o seu acceso por valoración de currículum e, se é o caso, proba de acceso.

  5. Aumentar o prazo de confirmación de matrícula ata o día 22 de setembro.

  6. Notificar ao conxunto das persoas interesadas a presente resolución.

RO/

Na data da sinatura dixital

O Concelleiro-Delegado de Educación. Asdo.- Gorka Gómez Díaz

Inicio das clases da EMAO o 1 de outubro

A EMAO INFORMA:

Coa finalidade de garantir da mellor maneira as condicións de seguridade e hixiene para o profesorado e alumnado da Escola, a data de inicio das clases do curso 2020-21 cámbiase para o día 1 de outubro. Seguirase o horario publicado para todas as especialidades.
O inicio das clases de Encadernación e Moda e confección adíase ata novo aviso.
O que se lle comunica aos efectos oportunos.

8 de set. de 2020

Importante: Modificación da Convocatoria do curso 2020-21 na EMAO

IMPORTANTE:
MODIFICACIÓN DA CONVOCATORIA DO CURSO 2020-21 NA EMAO

No apartado 0 da convocatoria do curso 2020-21 na Escola Municipal de Artes e Oficios (Decreto do Concelleiro delegado de Educación de 02/06/2020) prevíase a posibilidade, en función das circunstancias concorrentes nas datas de inicio do curso, de modificar as características desta convocatoria (datas, número de prazas ofertadas, admisión de novo alumnado, modalidades presencial e online...)
A situación actual da pandemia COVID-19 e a necesidade de adaptarse ao escenario e condicións previsibles, así como circunstancias sobrevidas en relación co profesorado, obrigan a realizar os seguintes cambios na citada convocatoria, que se serán efectivos a partir da súa publicación:

1. Comezo de curso: previsto para o 14 de setembro, adíase ata o día 21 de setembro.
2. Coa finalidade de evitar a concentración de persoas nas instalacións, de xeito xeral e excepcional para todas as especialidades substitúese a proba de acceso ás prazas vacantes, por un sorteo, coas seguintes características:
a) Terá carácter público (cun máximo de 10 asistentes, previa cita) e será presidido por unha mesa composta por:
  • Xefa do Servizo de Educación ou persoa na que delegue.
  • Xefe de estudos da EMAO, que actuará como secretario
  • Un funcionario/a adscrito/a á Unidade Administrativa da EMAO, nomeado pola Xefa de Servizo de Educación.
b) O sorteo celebrarase o día 14 de setembro ás 12:00 h. mediante sistema aleatorio informático. Faráse un sorteo por cada unha das especialidades.
c) O secretario levantará acta do resultado do sorteo, que será exposta no Taboleiro e na web-EMAO.
d) Os listados do sorteo serán, a todos os efectos, considerados, pola orde resultante, como listas de reserva para o caso de que, ao longo do primeiro trimestre do curso, se producisen baixas no alumnado matriculado.

3. Vistas as condicións actuais das aulas-taller que se citan, coa fin de mellorar a seguridade do alumnado e profesorado, modifícanse -exclusivamente nas especialidades que se citan de seguido-, o número de prazas vacantes de novo ingreso ofertadas inicialmente nestas, conforme ao seguinte cadro:

Especialidade                                Prazas iniciais           Prazas finais 
                                                       (Nivel Básico)         (Nivel Básico)
* Cerámica artística                                   1                              0
* Serigrafía artística                                   9                              5
* Deseño e encaixe de palillos                   5                              3

As vacantes do resto das especialidades non se modifican, quedando igoal cá no cadro publicado coa convocatoria inicial.

4. Como consecuencia da baixa laboral da mestra titular o comezo do curso na especialidade de Moda e Confección adíase ata novo aviso.

5. Como consecuencia da recente renuncia ao seu posto de traballo do mestre de Encadernación, adíase o inicio do curso nesta especialidade, ata novo aviso, unha vez realizadas as probas selectivas correspondentes para cubrir a vacante docente producida.

6. Modifícanse os prazos previstos na Convocatoria inicial, quedando o calendario do seguinte xeito:

   - 9 de xullo ao 4 de setembro: admisión de solicitudes de pre-inscrición para alumnado de novo ingreso e do de convalidación para acceso a cursos superiores. Só recepción por internet e correo electrónico.
   - 8 de setembro: Publicación listados solicitantes novo ingreso
   -14 de setembro:
       . Celebración do sorteo, ás 12 horas
       . Listas de admitidos de novo ingreso despois do sorteo. Listado de admitidos por convalidación.
   - 15-18 de setembro: Formalización da matrícula do alumnado de novo ingreso e de convalidación. A matrícula é obrigatoria: farase de xeito presencial na Administración da Escola, en horario de 9:00 a 14:00 h, aportando copia do DNI. De non formalizarse nese prazo admitirase á seguinte persoa da lista de reserva. A matriculación na EMAO implica a aceptación plena dos programas, horarios e normativa que rexen a actividade da Escola.
    - 21 de setembro: inicio de curso (agás Moda e confección e Encadernación)

O Concelleiro delegado de Educación en Decreto de data ____  RESOLVEU o seguinte:

1. Aprobar a modificación da Convocatoria inicial do curso 2020-21 na Escola Municipal de Artes e Oficios.
2. Publicar esta modificación e notificala ao alumnado matriculado e pre-inscritos no curso 2020-21 nesta Escola.

Publicado o listado de persoas preinscritas na EMAO no curso 20-21

Como estaba previsto no calendario de prazos da Convocatoria inicial do curso 2020-21, o apartado da EMAO da páxina web do Concello de Vigo, vén de publicar o listado de persoas preinscritas nas distintas especialidades da Escola.

Pódese consultar aquí.

9 de xul. de 2020

Curso 2020-21: Ábrese o prazo para solicitudes de novo ingreso na EMAO

ÁBRESE A CONVOCATORIA DE PRAZAS PARA ALUMNADO DE NOVO INGRESO NA ESCOLA MUNICIPAL DE ARTES E OFICIOS CURSO 2020-21

O comezo do curso 2020-21 quedou condicionado pola interrupción das actividades docentes en marzo como consecuencia da crise provocada pola pandemia COVID-19. Esta circunstancia motivou a decisión de que todo o alumnado matriculado no curso que quedou incompleto, poidan repetir o mesmo curso no que estaban inscritos e, consecuentemente, provocou unha redución das prazas vacantes para o alumnado de novo ingreso.
As prazas de novo ingreso que se ofertan para este curso son as máximas que admite a relación entre alumnos xa matriculados e capacidade máxima de cada aula/taller no escenario da nova normalidade.

Unha vez rematado o prazo de confirmación de matrícula para o alumnado que xa estaba matriculado no curso 2019-20  --que repetirá curso-, a Escola Municipal de Artes e Oficios publica as prazas que quedan vacantes nas especialidades e niveis que se imparten neste Centro e abre o prazo para a preinscrición de alumnado de novo ingreso na EMAO para o curso 2020-21.

As prazas de novo ingreso que se ofertan están en dúas categorías *:
  1. Prazas para alumnado de novo ingreso nos cursos Básico (tardes) e de Iniciación (mañás): destinadas a persoas sen coñecementos previos que queren iniciarse nalgunha das especialidades que oferta no curso 2020-21 a EMAO.
  2. Prazas para alumnado de novo ingreso para os niveis superiores ás que se pode acceder mediante convalidación de estudos ou coñecementos previos dos solicitantes: destinadas a persoas que poden acreditar coñecementos específicos na especialidade na que se queren matricular, que serán valorados pola EMAO mediante valoración do currículum e, se é o caso, mediante unha proba específica de coñecementos. Este accceso pode ser aos niveis Medio, Superior e Avanzado.  O acceso ao nivel Avanzado está destinado a persoas con altos coñecementos na especialidade, que desexe desenvolver durante un ano un proxecto no taller correspondente da EMAO baixo a titoría do mestre/a
(*) Importante consultar a oferta de prazas de 1. e de 2. e os horarios das distintas especialidades e niveis

Prazo: do 9 de xullo ao 4 de setembro para a admisión de solicitudes de pre-inscrición para alumnado  de novo ingreso e do de convalidación para acceso a cursos superiores. Só se pode realizar por internet.
  1. As solicitudes de novo ingreso nos cursos Básico (tardes) e de Iniciación (mañás) realízase só online cubrindo este formulario 
  2. O novo ingreso por convalidación para niveis Medio, Superior e Avanzado (horario tardes) e de Perfeccionamento (horario mañás) será exclusivamente por correo electrónico, seguindo as indicacións do apartado 3 da Convocatoria xeral do curso 2020-21 [número máximo de prazas ofertadas aquí]
O inicio do curso adiántase en 15 días e dará comezo o día 14 de setembro, a diferencia de anos anteriores que comezaba a principios do mes de outubro.

22 de xuño de 2020

AVISO IMPORTANTE: Curso 2020-21: Ábrese o prazo para confirmar a matrícula [ADMINISTRACIÓN]

Dende hoxe e ata o vindeiro 2 de xullo ábrese o prazo de confirmación de matrícula para o alumnado actualmente matriculado en tódalas especialidades e niveis da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo.
A convocatoria completa pódese consultar aquí (aconséllase a súa lectura atenta)

A ter en conta:

  • Repetición de curso: repiten o curso todo o alumnado de todos os niveis e especialidades, pero é necesaria...
  • Confirmación obrigatoria: para estar matriculado no curso 2020-21 é obrigatoria a confirmación expresa de matrícula dende este formulario. Esta confirmación conleva a matrícula automática no curso 2020-21 na mesma especialidade e nivel que se cursaba en 2019-20. A non realización deste trámite significará a baixa automática como alumno/a da Escola.
  • Confirmación online: Só se admite a confirmación online, non presencial nin por correo electrónico.
  • Prazo de confirmación: ata o 2 de xullo de 2020.
  • Excedencias: consulten o apartado 1.4.3. da Convocatoria xeral.
  • Prazas vacantes e alumnado de novo acceso: Despois da confirmación publicarase un listado de prazas vacantes e abrirase un período de preinscrición para alumnado de novo ingreso tando nos niveis básicos e de iniciación como, por convalidación, nos de perfeccionamento, medios e superiores.
  • Inicio de curso: diántase o inicio do curso ao 14 de setembro.
IMPORTANTE: Para acceder á confirmación o sistema pedirá introducir dous datos por seguridade:
  • DNI
  • Data de nacemento
Estes datos TEÑEN QUE COINCIDIR exactamente cos subministrados cando se fixo a matrícula e constan na nosa base de datos. En caso contrario NON permitirá o acceso. Se non lle permite o acceso, verifique, mediante correo electrónico a emao@vigo.org eses datos, para, se é o caso, modificarlos ós na base de datos.

19 de xuño de 2020

Reapertura parcial das instalacións da EMAO

Reapertura das instalacións da Escola Municipal de Artes e Oficios para permitir:

  • O acceso controlado do alumnado ás aulas e talleres,baixo a supervisión do profesorado de cada especialidade, para a retirada de material e para consultas puntuais sobre a materia na que están matriculados.
  • A información presencial na zona administrativa verbo do proceso de preinscrición e matrícula para o curso 2020-21
  • A realización de reunións presenciais nas súas instalacións, coas limitacións establecidas na actual normativa
Horario (previa cita): 10:00 a 14:00 de luns a venres días laborables

Normas para o acceso ás instalacións da EMAO

1. No acceso e uso da Biblioteca pública García Barbón EMAO rexerán as condicións establecidas na Orde SND/399/2020, do 9 de maio, e a Orde SND/414/2020, de 16 de maio, Resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, así como aquelas modificacións puntuais derivadas das instrucións específicas sobre a pandemia.
2. Coa excepción anterior, só poderán ter acceso ás instalacións o persoal adscrito á Escola, o persoal da empresa encargada do Servizo de limpeza e o alumnado ou persoas interesadas que teñan solicitado previamente e concedida unha cita por medio do teléfono 986228088 ou no correo electrónico emao@vigo.org

 3. Medidas de protección para usuarios
  • Os usuarios que accedan á Escola deberán adoptar as medidas adecuadas para protexer a súa saúde e evitar contaxios, así como cumprir as recomendacións das autoridades sanitarias, mantendo a correspondente distancia interpersoal.
  • Os usuarios deberán ir provistos de máscara de protección. Seguiranse as indicacións da Autoridade Sanitaria a este respecto.
  • Os usuarios disporán de dispensadores de xel hidroalcohólico na entrada, así como nas aulas e talleres, cuxo uso será imprescindible para acceder e usar o servizo.

27 de maio de 2020

Apertura Limitada e Parcial da EMAO para Recollida de Material polo Alumnado



NORMAS PARA O ACCESO ÁS AULAS PARA A RECOLLIDA DE MATERIAL POR PARTE DO ALUMNADO

Co fin de facilitar a recollida de materiais, ferramentas, pezas e enseres persoais, a partir do día 27 de maio, e ata o 12 de xuño, de xeito organizado e ordeado, permítese o acceso do alumnado ás aulas, nas condicións, día e hora que previamente se lle indique polo seu mestre/a.

Este acceso realizarase coas seguinte medidas de seguridade e hixiene para dar cumprimento á normativa vixente e evitar aglomeracións innecesarias que poidan ser xerar algún tipo de situación de risco:
  • O acceso será exclusivamente con cita previa que o alumno/a fará directamente ao mestre/a da súa especialidade; este indicaralle o día e hora para a recollida. Será atendido na aula polo mestre/a. 
  • O alumnado terá acceso soamente aós lugares de almacenaxe do seu material.
  • Por vía da regra, empregaranse soamente as escaleiras para acceder á clase agás nos casos de mobilidade reducida ou avanzada idade que poderán empregar o ascensor, sempre de un en un.
  • O/a alumno/a acudirá só/a, con mascarilla axeitada e traerá os elementos necesarios para levar as súas pertenzas (bolsa, caixa...)
  • Limparase as mans antes de entrar na aula cun xel desinfectante instalado a tal feito na porta.
  • No caso de que presente algúns dos síntomas do Covid-19 ou se atope illado/a en corentena, non poderá asistir a facer a recollida.
  • Solicítase a máxima puntualidade; de chegar antes de tempo, a espera realizarase fóra da Escola, gardando a distancia de seguridade.
  • Deberase en todo momento respectar as indicacións realizadas polo persoal da Escola.

17 de mar. de 2020

Iniciamos formación a distancia: "EMAOENLIÑA

Presentación do Blog:

A declaración do estado de alarma e as necesidades de prevención e contención da pandemia do coronavirus, aconsellou ao Concello de Vigo suspender, ata novo aviso, as actividades docentes e non docentes da Escola Municipal de Artes e Oficios.
Profesorado e persoal directivo da Escola conscientes da necesidade de diminuir no posible o impacto sobre o alumnado desta medida, pon en marcha esta iniciativa que servirá tanto para manter un contacto permanente entre docentes e alumnado como para aportar recursos informativos e didácticos de cada unha das especialidades.
Para unha mellor consulta por parte das persoas interesadas, cada artigo do blog irá etiquetado en función da especialidade da que se trate. Facendo clic na etiqueta que interese das que aparecen no marco dereito deste blog, poderase acceder a todos os artigos (textos, imaxes, videos, enlaces...) que o/a profesor/a en concreto vaia publicando.
Poderase tamén facer libremente comentarios a cada artigo, que pregamos que sexan para amosar dúbidas ou aportar información ou ideas complementarias. Estes comentarios serán moderados e se borrarán aqueles que non cumpran cos mínimos de decoro e/ou interese.

Accede ao Blog dende aquí

O Roteiro "O Último Barco" Visita a Escola Municipal de Artes e Oficios

Parece que pasou máis tempo, pero hoxe hai una semana que recibimos na escola a visita dun total de 100 alumnos divididos en varias quendas, provenientes dos seguintes institutos:   
IES 1º de Marzo de Baiona; IES Xoán Montes de Lugo, IES Frei Martín Sarmiento de Pontevedra, IES do Camiño (Palas de Rei), IES Monterroso e IES Daviña Rei (Monforte de Lemos).  
Esta visita era a primeira dun proxecto que puxeron en marcha a editorial Galaxia e o Concello de Moaña, trátase do roteiro "O último barco" no que uns 800 alumnos de toda Galicia recorreran os escenarios da novela de Domingo Villar: a cidade de Vigo e a parroquia de Tirán alén da Ría.


No salón de actos foron recibidos polo historiador José Luis Mateo Álvarez, que que lles fixo unha breve introdución sobre a nosa cidade, especialmente sobre a nosa Escola e a súa achega fundamental á formación da clase obreira de Vigo desde o último terzo do século XIX. 
Posteriormente visitaron os obradoiros de luthería antiga e cerámica, que teñen moita importancia na trama da novela.


Todo isto ocorreu antes que a expansión do coronavirus "Covid-19" trastornara as nosa vidas. Nestes días de obligada reclusión aproveito a ocasión para animarvos a ler  "O último barco" unha novela, na que destaca a nosa Escola de Artes e Oficios como un dos escenarios principais da trama, narra a procura por parte de Leo Caldas e o seu equipo de Mónica Andrade, profesora da escola que non se presentou á comida familiar da fin de semana nin acudiu a impartir a súa clase de cerámica...


16 de mar. de 2020

Peche da EMAO por crise do coronavirus

Por mor das circunstancias excepcionais relacionadas coa alerta sanitaria orixinada polo COVID-19, dende a Escola Municipal de Artes e Oficios seguiranse as disposicións e medidas preventivas postas en marcha dende o Concello de Vigo e as autoridades competentes en materia sanitaria.

En consecuencia, as clases suspenderanse e os espazos da Escola quedarán pechados ata novo aviso.

Lamentamos as molestias que esta situación poida ocasionar, tendo moi presente que se trata dunha decisión guiada pola prudencia e pola responsabilidade individual e colectiva, e seguimos á súa disposición para calquera dúbida, consulta ou información complementaria, a través do correo-e