Amosando publicacións coa etiqueta Ricardo Mella. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Ricardo Mella. Amosar todas as publicacións

12 de dec. de 2018

Presentación do Proxecto Web Ricardomellacea.Info


Este venres, 14 de decembro ás 19:00, presentación na hemeroteca do proxecto web ricardomellacea.info elaborado pola investigadora Iria Presa e presentado por Gonzalo Navaza .
En 1936 a Guerra Civil paralizou o proxecto de editar a Obra Completa do anarquista vigués Ricardo Mella Cea e hoxe só existen dous volumes deste: o Ideario (1926), impulsado por José Villaverde Velo [carpinteiro, actor e faro do anarcosindicalismo galego], e mais o Ensayos y Conferencias (1934) alentado por Eleuterio Quintanilla e Pedro Sierra. Secasí, malia que a obra de Mella seguiu [e segue] a ser reeditada, o estudo da súa pericia vital e a compilación da súa produción continúa pendente. En 1956 Pedro Sierra concluía con estas palabras a súa «Homenaje a Ricardo Mella»:

Los que quieran conocer a fondo estas doctrinas habrán de estudiar la forma original en que las interpretaba Mella, principalmente en lo que se refiere al concepto que tenía de los límites de la libertad individual que le llevó a defender durante muchos años el colectivismo por oposición al comunismo, guardando en esto gran afinidad con Tucker. Pues este y los demás aspectos de la personalidad de Mella deben de ser destacados en un trabajo más detenido y completo, que no dudo se hará. Pero antes sería preciso recoger y editar ordenadamente su obra de publicista que conserva valor de perennidad, que no es corta. Esta obra, rica en ideas y contenido, varia en los temas, escrita con pluma de artífice, está por ahí dispersa, en periódicos y revistas que hoy se consiguen mal, o en folletos casi agotados ya. Para los que fuimos amigos, admiradores o discípulos del muerto, ¿no es un deber publicar unos tomos que contengan toda su brillante labor? Sería el mejor homenaje que podríamos hacer a Mella, sin profanar así nada su espíritu iconoclasta. (Solidaridad Obrera, París, 16/08/1956)                                                                                                                                         
O proxecto web ricardomellacea.info coopera coa proposta de Pedro Sierra mediante a liberación duns “apuntes dixitais para contribuír ao estudo” deste vigués inter-nacional e que así poida cumprirse o proxecto editorial da Obra Completa de Mella en papel, música, teatro, pintura, cine, poesía ou máis alá!
..

22 de nov. de 2018

Conferencia "Breve Noticia Histórica das Irmás Mella: Alianza, Esperanza, Urania, Alba, Flora, Luz e Alicia" na Hemeroteca


Mañá, 23 de novembro de 2018 ás 19:00, celebrarase na nosa hemeroteca unha xuntanza para reivindicar a labor social das irmás Mella Serrano nesta cidade. Este acto enmárcase dentro dunha serie de presentacións que terán lugar entre novembro e decembro en Santiago, A Coruña, Pontevedra e novamente Vigo para divulgar o legado do anarquista vigués Ricardo Mella e presentar a web ricardomellacea.info.  
O acto de mañá estará exclusivamente dedicado á memoria das fillas de Ricardo Mella Cea e Esperanza Serrano: Alianza, Esperanza, Urania, Alba, Flora, Luz e Alicia, todas elas antigas alumnas da Escola de Artes e Oficios.
Este evento está organizado e coordinado pola investigadora Iria Presa e contará coa presenza entre outros do historiador José Luis Mateo e a poetisa Silvia Penas.


17 de abr. de 2018

Imaxes da Presentación do Libro "Ricardo Mella: O Home Novo"

O venres, 13 de abril, tivo lugar na nosa hemeroteca a presentación da novela gráfica "Ricardo Mella: o home novo" . O acto foi presentado polo xornalista Eduardo Rolland, na mesa participaron Cayetano Rodríguez, concelleiro de cultura do Concello de Vigo, Javier Álvarez, presidente da Fundación Aurora Intermitente, José Trigo, guionista do libro e Ramón Trigo, ilustrador do libro.

12 de nov. de 2014

Presentación do Libro de Ricardo Mella "Del Amor" na Hemeroteca da EMAO


Entre o 12 e o 15 de novembro deste ano 2014 preséntase en terras galegas Del Amor, libro que compendia os ensaios "Breves apuntes sobre las pasiones humanas" e "Del Amor : modo de acción y finalidad social", do topógrafo e pensador libertario Ricardo Mella (1861-1925) imprentados en Madrid este mesmo ano e que chegan agora a nosa terra da man dos seus editores, La Rosa Negra
O venres 14, ás 19:00, a parada terá lugar en Vigo na Hemeroteca da Escola de Artes e Oficios, onde entre moitas outras mulleres e homes estudaron as irmáns Alianza, Esperanza, Urania e Luz, fillas de Ricardo Mella .
Catro xornadas, catro puntos xeográficos distintos para coñecer as razóns que motivaron á editorial madrileña a dar ao prelo estes textos do pensador vigués, ao tempo que se afonda na actualidade e utilidade do ideario do "Século de Ouro" do anarquismo español. Así, a través da pluma áxil e sinxela de Ricardo Mella recordaremos un claro, honesto e harmónico xeito de encarar a vida e a realidade social. 


24 de abr. de 2014

Mesa Aberta con Carlos Taibo e Eliseo Fernández



Hoxe, xoves, 24 de abril ás 18 h, na hemeroteca da nosa Escola, tera lugar unha mesa aberta con Carlos Taibo, profesor de Ciencia Política na Universidade Autónoma de Madrid e autor de Repensar la anarquía. Acción directa, autonomía, autogestión, e, Eliseo Fernández, historiador e escritor ferrolán diplomado en biblioteconomía e documentación e especializado en anarquismo e movemento obreiro na Galiza. Este acto está organizado por a CNT-AIT Vigo e A Ría Non Se Vende, rede de colectivos de acción social e defensa do patrimonio ambiental, cultural e social da Ría de Vigo.

Esta mesa aberta é un convite para realizarmos un paseo a través das ideas libertarias, retrotraernos no tempo e explorar a historia ácrata e obreira de Vigo: dende a fundación da propia Escola de Artes e Oficios, pasando por revistas e xornais como "La Propaganda" (1881) ou "Despertad!" (1928) até chegar a activistas incansables como o topógrafo Ricardo Mella, os carpinteiros José Villaverde e Eduardo Collado, o barbeiro Federico Sánchez ou o poeta Manoel Antonio. 
Mais, se ben cómpre coñecermos a historia, tamén é necesario enfrontarse ao presente e abordar as problemáticas actuais. De aí que, neste noso presente, optemos por defender o Ideario Libertario e o Decrecemento como única solución para lograr establecer unha relación de equilibrio entre as propias persoas e entre o ser humano e a natureza. Porque, en realidade, iso é o que busca o movemento libertario: a harmonía, liberdade e coherencia individual que leve ás persoas cara ao apoio mutuo, a tolerancia, a solidariedade, a xustiza social e a preservación e uso racional dos recursos naturais.

   "Porque se non hai dogmas nin bandeiras que nos guíen estamos obrigados a escoller as cousas e as ideas máis dignas do noso nivel de ética e de xenerosidade, sen o inxenuo optimismo escarmentado, e sen un pesimismo opaco ben alimentado que nos deteña e nos permita unha indiferente neutralidade falsa. Xa non imos ser cómplices do que nos indigne ou nos avergoñe. Nada é inmutable. Todo se transforma. Quen teña tempo, enerxía, e desexe facer algo, que vaia propoñendo algo..." 
Modesta Proposición, Lois Pereiro