Amosando publicacións coa etiqueta Vigo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Vigo. Amosar todas as publicacións

16 de dec. de 2019

Asociación Cultural de Vigo: Unha Imprescindible Achega á Cultura da Nosa Cidade dos 60 e 70


Mañá martes 17 de decembro, ás 19.30 horas, na biblioteca da Escola Municipal de Artes e Oficios  e co título "Asociación Cultural de Vigo, unha Imprescindible achega á cultura da nosa cidade dos 60 e 70", o Ateneo Atlántico organiza un acto de lembranza e homenaxe á Asociación Cultural de Vigo. 
O acto consistirá nunha conversa entre dous persoeiros que no seu momento foron presidentes da Asociación: Camilo Nogueira e Xosé Luís Franco Grande. Actuará como presentador e moderador Ricardo Gurriarán, investigador especializado en asociacionismo en Galicia.

12 de dec. de 2019

Conferencia de José Ramón Cabanelas " O Impacto Socioeconómico da Primeira Guerra Mundial en Vigo"


Esta tarde ás 19:30, na nosa hemeroteca teremos a conferencia "O impacto socioeconómico da Primeira Guerra Mundial en Vigo" polo historiador e membro do Instituto de Estudios Vigueses, José Ramón Cabanelas.

27 de nov. de 2019

O Mercado da Arte 2019


Aqui tedes o programa desta VI edición do Mercado da Arte que vai ter lugar o vindeiro domingo, 1 de decembro, no Mercado do Calvario (Vigo), esta ano adicado a Emilia Guimeráns, prestixiosa ceramista, membro da Academia Internacional de Cerámica. Antiga alumna da especialidade de cerámica artística que imparte Miguel Vázquez na nosa Escola. Hoxe dirixe a Escola Municipal de Cerámica de Nigrán. 
Neste Mercado participan de forma moi activa alumnos e exalumnos da nosa Escola.

25 de nov. de 2019

Presentación da Edición Facsimilar de "A Baía de Vigo" na Hemeroteca

Foto publicada na Voz de Galicia

Mañá martes, 26 de novembro ás 19:30, a Sociedade Julio Verne presentan a edición facsimilar do capítulo "A Baía de Vigo" de «20.000 leguas de viaxe submarina» que cumple 150 años.
A edición facsimilar ocupa dez páxinas e contén tres espectaculares ilustracións, realizadas por Alphonse de Neuville, un dos máis grandes debuxantes da súa época. O primeiro gravado é un mapa con todo o percorrido do Nautilus polos mares do mundo, incluíndo por suposto a escala en Vigo. No segundo, vemos os galeóns da prata en chamas na ría viguesa, en plena batalla de Rande en 1702. O terceiro gravado móstranos aos mergulladores do capitán Nemo rescatando os tesouros mergullados.

21 de nov. de 2019

Mesa Redonda "Literatura e Cidade: O Caso de Vigo"


Esta tarde ás 19:30 na nosa hemeroteca, Mesa Redonda baixo o título de, «Literatura e cidade: o caso de Vigo». Intervirán, Beto Luaces (escritor) e Manuel Esteban (escritor). Moderará, Ramón Nicolás (escritor, crítico literario e tradutor)

13 de nov. de 2019

Actividades na Hemeroteca do 14 ao 15 de novembro

A Biblioteca da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo acolle, o 14 de novembro de 9:00 a 14:00 h. o Seminario dedicado ás figuras de Antonio Barreiro e Ramos e dos irmáns Maximino e Claudio García. Nel participan Leonardo Guedes Marrero e Alejandra Torres Torres da Universidade da República de Montevideo e Carmen Luna Sellés da Universidade de Vigo. A actividade é organizada polo grupo de investigación ELICÍN e o Programa de Doutoramento Interuniversitario Estudos Literarios. A entrada é gratuíta e non se necesita reserva. 





Tamén o 14 de novembro ás 19:30 temos a conferencia  "O quecemento global: técnicas de estudo e predición” por Gianluca Mariño ( UVI). O Panel Intergobernamental do Cambio Climático ( IPCC) das Nacións Unidas reúnese periodicamente co propósito de establecer como cambia o clima como consecuencia das enormes cantidades de CO2 coas que estamos a contaminar a atmosfera.
Uns dos temas clave é canto aumentará a temperatura ao longo do próximo século. A precisión destes cálculos depende da “sensibilidade climática”, é dicir, de canto aumentará a temperatura cando se duplique a concentración de CO2 atmosférico con respecto aos seus niveis preindustriales. Noutras palabras, de como de sensible é (e vai ser) o clima ao incremento de CO2 atmosférico.
Esta charla introducirá o concepto de sensibilidade climática e expoñerá uns exemplos nos que se mostra como se pode chegar a acoutar a sensibilidade climática a partir da información que nos proporciona o rexistro xeolóxico. 




O 15 de novembro ás 20:00 h presentación na EMAO do libro de Manuel Bragado «Vigo, puro milagre», unha escolma do milleiro de crónicas de Campo de Granada. Co prólogo de Ledicia Costas e epilogado por Pedro Feijoo.

4 de nov. de 2019

Presentación do Libro "La Sociedad de Vigo y su Evolución (1905-1940) de Dolores Elena Durán Rodríguez


O vindeiro xoves, 7 de novembro ás 19:30, teremos na nosa hemeroteca a presentación do libro de Dolores Elena Durán Rodríguez "La sociedad de Vigo y su evolución (1905-1940). Fe y trabajo a los pies del Castro".

28 de out. de 2019

Doazón dos Edificios da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo


En 1904 redáctase a escritura de doazón dos edificios que García Barbón fixera construír para a Escola de Artes e Oficios e a Escola Superior de Industrias. Nela faise entrega destes ao Concello, que acepta o valioso donativo. O documento está datado o 27 de outubro de 1904. Ten 17 páxinas nas que se expoñen os Feitos, Título e Cláusulas que serán a base xurídica da organización da Escola de Artes e Oficios no futuro.
O Concello, na sesión de 2 de novembro de 1904, acorda por unanimidade aceptar integramente e en todas as súas partes a doazón dos edificios, así como as condicións impostas nesta escritura. A aceptación por parte do Concello era indispensable para que a escritura de doazón fose eficaz, e así o entendeu a Corporación. O documento de aceptación foi otorgado o 25 de marzo de 1905 en Vigo. García Barbón pagou á Facenda Pública os dereitos debidos e inscribiu as leiras no Rexistro da Propiedade.

26 de set. de 2019

133 Aniversario da Creación da Escola de Artes e Oficios de Vigo



No ano 1886 un fato de ilustres cidadáns, nomeadamente Eduardo Chao, Eugenio Montero Ríos, Augusto Bárcena, Manuel Diego Santos, imbuídos do espírito ilustrado da Institución Libre de Ensinanza (ILE) e convencidos de que o grande pulo social e industrial que Vigo encetaba nos finais do século XIX sería imposible sen unha acción sistemática e organizada de formación cultural e profesional das súas clases traballadoras, deciden impulsar e crear en Vigo a Escola de Artes e Oficios (EAO). Comeza así a desenvolverse un ambicioso programa de estudos dirixido á capacitación básica dos e das traballadoras. O 26 de setembro de 1886 verificábase a apertura do primeiro curso nun acto solemne presidido polo ex ministro da Primeira República, Eduardo Chao, que fixo o discurso inaugural.

Ante o éxito da iniciativa, axiña foron insuficientes os locais elixidos para a súa sede na rúa do Circo (hoxe Eduardo Iglesias). Consciente da necesidade de dar cobertura ás crecentes necesidades de formación e ao propio éxito da implantación da Escola, no ano 1900 José García Barbón fai xenerosa doazón á cidade dos edificios que albergarán ata os nosos días a EAO. Ao tempo, créase a primeira Biblioteca Pública de Vigo e o Concello de Vigo pasa a ser o xestor e principal financiador da Institución. Un dos seus primeiros directores, Fernando García Arenal, fillo da inesquecible Concepción Arenal, testemuña a relación expresa da EAO coa filosofía e práctica da ILE.

A Escola de Artes e Oficios acompañou e garantíu o desenvolvemento da cidade, tanto no que se refire ao industrial como ao arquitectónico, social e artístico, especialmente dende o inicio ata o derradeiro terzo do século XX, momento no que a aparición e implantación progresiva dun ensino profesional e técnico oficial nos anos 70 significou, primeiro, a decadencia e, logo, xa coa Democracia, a recuperación da institución sen que perderan, renovándoos, os principios de educación popular e permanente, compromiso social, excelencia técnica, interdisciplinariedade e creatividade que alumaron as súas orixes.

Este ano a celebración coincide coa exposición A Escola de Artes e Oficios, 130 anos na Historia de Vigo. Parte I 1886-1976, que se pode visitar na sala de exposicións Espazo EMAO ata o próximo 4 de outubro. Nela analízase e móstrase o desenvolvemento histórico da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo dende a súa creación en 1886 ata o ano 1976. Con isto quérese demostrar a estreita relación e o papel esencial da EMAO no desenvolvemento urbano, arquitectónico, industrial e cultural de Vigo.
 
José García Barbón
Eduardo Chao

24 de set. de 2019

Vídeos da Conferencia "O Laboratorio Municipal e a Escola de Artes e Oficios: dúas institucións centenarias de Vigo"

Dentro do programa complementario da Exposición "A Escola de Artes e Oficios, 130 anos na Historia de Vigo", tivo lugar a conferencia O Laboratorio Municipal e a Escola de Artes e Oficios:  dúas institucións centenarias en Vigo a cargo de Fernando Domínguez Freire.
Día: luns 23 de setembro de 2019 Hora: 19:30 Lugar: Biblioteca da Escola de Artes e Oficios (García Barbón, 5)

Vídeo 1 Vídeo 2

4 de xul. de 2019

Imaxes da Conferencia de Elena Rodríguez Durán "A Escola de Artes e Oficios e a súa Influenza en Vigo e a súa Comarca"


Conferencia "A Escola de Artes e Oficios e a súa Influenza en Vigo e a súa Comarca" por Dolores Elena Durán

Faro de Vigo. 4-7-2019

Hoxe, 4 de xullo ás 19:30 na nosa hemeroteca temos a conferencia "A Escola de Artes e Oficios e a súa influenza en Vigo e a súa comarca" a cargo da doutora en Ciencias da Educación Dolores Elena Durán Rodríguez.
Nesta farase un percorrido polas orixes históricas da EMAO de Vigo. A influenza que esta tivo no desenvolvemento industrial, comercial, educativo e cultural da cidade. A importancia da Escola como elemento de promoción social e laboral. O alumnado destacado que pasou polas súas aulas. A Escola como xeradora de mobilidade entre Vigo e a comarca.

Visita do Ateneo Atlántico á Exposición "A Escola de Artes e Oficios, 130 anos na Historia de Vigo"



A exposición "A Escola de Artes e Oficios, 130 anos na Historia de Vigo", comisariada polo historiador e membro do Instituto de Estudos Vigueses José Luis Mateo,  pódese visitar ata o vindeiro 19 de xullo no Espazo EMAO (Sala de Exposicións da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo). Edificio Anexo da EMAO, entradas pola rúa Pontevedra e Rosalía de Castro.

1 de xul. de 2019

Conferencia "A Escola de Artes e Oficios e a súa Influenza en Vigo e a súa Comarca" por Dolores Elena Durán


Este xoves, 4 de xullo ás 19:30, na hemeroteca teremos a conferencia "A Escola de Artes e Oficios e a súa influenza en Vigo e a súa comarca" a cargo da doutora en Ciencias da Educación Dolores Elena Durán Rodríguez. Nesta conferencia farase un percorrido polas orixes históricas da EMAO de Vigo. A influenza que esta tivo no desenvolvemento industrial, comercial, educativo e cultural da cidade. A importancia da Escola como elemento de promoción social e laboral. O alumnado destacado que pasou polas súas aulas. A Escola como xeradora de mobilidade entre Vigo e a comarca.

25 de mar. de 2019

Máis Imaxes da V Feira dos Ensinos Artísticos e Profesionais de Vigo

Imaxes da V Feira dos Ensinos Artísticos e Profesionais de Vigo


Comezou a Quinta Edición da Feira dos Ensinos Artísticos e Profesionais de Vigo. Hoxe e mañá, no Hall do Auditorio Mar de Vigo. A Feira aberta ao público en xeral desenvolverase en horario de 9:30 a 14:00 e de 16:00 a 19:00. 
Aquí tedes algunhas imaxes do espazo que ocupa a nosa Escola. Esperamos a vosa visita.

24 de mar. de 2019

Entrega do VII Premio de Microrrelatos Mulleres Progresistas


Mañá luns 25 de marzo ás 17 horas na nosa biblioteca da tera lugar a entrega do VII Premio Microrrelatos Mulleres Progresistas que contará coa presenza da Concelleira de Igualdade, dona Uxía Blanco.
O Premio de Microrrelatos Mulleres Progresistas realízase coa colaboración da Concellería de Igualdade do Concello de Vigo.