13 de dec. de 2013

Últimos Días para Presentarse ao "XI Premio Pura e Dora Vázquez de Narración e Ilustración Infantil e Xuvenil"


Últimos días para presentar traballos ao 
"XI Premio Pura e Dora Vázquez de Narración e Ilustración Infantil e Xuvenil" 

O vindeiro 31 de decembro remata o prazo para presentar traballos na modalidade de narración para “XI Premio Pura e Dora Vázquez de narración e ilustración infantil e xuvenil”, dotado con 3.000 € para as dúas modalidades, un certame organizado pola Deputación de Ourense que quere recoñecer a calidade literaria e artística de traballos creados para nenos e xóvenes, fomentar a lectura entre este público e destacar a figura das escritoras Pura e Dora Vázquez. 
Ao premio poden concorrer autores de calquera nacionalidade que presenten os seus orixinais en lingua galega. Os textos presentados han de ser inéditos e orixinais. As obras, cuxa temática será libre pero acaída para o público infantil ou xuvenil, terán unha extensión mínima de 25 páxinas e máxima de 100 páxinas, formato A4, fonte Times New Roman, tamaño de letra 12 e interliñado 1,5 liñas. 
A presentación dos orixinais poderá realizarse no Rexistro Xeral da Deputación Provincial de Ourense, e os concursantes deberán remitir seis exemplares da obra nun sobre pechado indicando no exterior do paquete “PREMIO PURA E DORA VÁZQUEZ DE NARRACIÓN”. 
As obras irán asinadas exclusivamente con pseudónimo. Dentro do sobre introducirase outro sobre pechado en cuxo exterior figurará o pseudónimo do autor e título da obra, e no seu interior os seguintes datos: título da obra, nome, apelidos e pseudónimo do autor, enderezo postal, teléfono, enderezo electrónico e unha fotocopia do DNI. 
O prazo de admisión de orixinais remata o 31 de decembro de 2013, admitíndose, non obstante, aqueles que teñan sido cuñados por Correos ese mesmo día. Para esta modalidade de narración establécese un premio de 1.500 €. 
O xurado estará composto polo presidente da Deputación de Ourense (ou persoa, para o efecto, en que el delegue) e catro vogais escollidos dos distintos ámbitos da Cultura de Galicia. Actuará de secretaria a xefa da Sección de Arquivo e Publicacións da Deputación Provincial de Ourense ou funcionario en quen delegue (con voz e sen voto). Os vogais serán designados pola Comisión Informativa de Educación, Cultura e Deportes da Deputación Provincial a proposta dos grupos políticos da Corporación.  
A composición do xurado darase a coñecer en data que se comunicará oportunamente e este emitirá o seu ditame no primeiro trimestre de 2014. O premio poderá ser declarado deserto, no caso que o xurado así o considere, e a decisión deste será inapelable.
A Deputación de Ourense resérvase os dereitos da primeira edición da obra premiada nos idiomas galego e castelán, coa posibilidade de cederlles tales dereitos a terceiros. O beneficiario do premio, que se compromete a renunciar, expresamente, a calquera pretensión sobre os devanditos dereitos, recibirá gratuitamente vinte exemplares da obra premiada.
Unha vez fallado o premio de narración (no primeiro trimestre de 2014) convocarase o premio Pura e Dora Vázquez de ilustración. As obras presentadas nesta modalidade tomarán como base o texto premiado na modalidade de narración.

Ningún comentario:

Publicar un comentario